mércores 20 de decembro de 2017

Os profesores Martinho Montero e Ana Acuña reúnen nunha publicación diferentes recursos didácticos

Unha escolma de propostas para achegar o Pergamiño Vindel a escolares

O volume permite abordar nas aulas as cantigas, a lírica trobadoresca e o seu contexto histórico

Eduardo Muñiz | Pontevedra

Ata marzo de 2018 pode contemplarse no Museo do Mar de Vigo o Pergamiño Vindel, o manuscrito que contén as sete cantigas de amigo do trobador medieval Martin Codax, que, da man da Universidade de Vigo e da Xunta, chegaba en outubro a Galicia por primeira vez. Co propósito de dotar dunha serie de recursos que permitan sumar unha perspectiva didáctica ás visitas que os centros de ensino realicen á exposición Un tesouro en sete cantigas, a Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais impulsou unha publicación dixital, elaborada polos profesores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Martinho Montero Santalha, recentemente xubilado, e Ana Acuña, que reúne unha serie de recursos didácticos cos que achegar ao alumnado ao pergamiño, á lírica trobadoresca, á figura de Martin Codax ao contexto histórico no que naceron estas cantigas. “A idea da publicación é facilitar a visita á exposición, que o profesorado dispuxese dun material con diferentes propostas que lles poidan ser de utilidade”, salienta Montero Santalha de O Pergamiño Vindel. Propostas didácticas, unha publicación que reúne “distintas posibilidades de tipo didáctico que poden dar pé a unha visita prolongada e útil para a formación do alumnado”.

Un percorrido pola historia

Estruturada en tres partes, a publicación ábrese cunha introdución teórica que busca en primeiro termo achegar ao alumnado aos pergamiños, “a como se elaboraba o material de lectura e como era a difusión da cultura no século XIII” e a historia de Pedro Vindel, o libreiro madrileño que localizou a principios do século XX o manuscrito adquirido en 1977 pola Morgan Library de Nova York, que o cedeu para esta exposición. A partires de aí, o texto propón centrarse “en coñecer un movemento cultural realmente admirable como foi a poesía trobadoresca” galego-portuguesa, como explica o experto en lírica trobadoresca Montero Santalha e no propio contido do manuscrito, afondando no contido ou na métrica dos versos, “porque o que se intenta é que o alumnado descubra con que rigor estaba feita a poesía trobadoresca”, pero tamén a súa música, xa o pergamiño recolle a partitura de seis das cantigas.

Nese senso, a publicación recolle nunha segunda parte as sete cantigas de amigo de Martin Codax, acompañadas dunha serie de anotacións que permitan superar o que Montero Santalha salienta como a “dificultade inicial” para achegar a lírica trobadoresca a escolares. “Aínda que lingua non cambiou moito, si o fixo o suficiente como para desorientar ao principio, por iso en cada unha delas explicamos as palabras que podería non entender un lector actual”, explica dun apartado que aborda tamén as diferencias fonéticas e ortográficas entre a lingua medieval e a actual.

Actividades alén da literatura

Un terceiro bloque, titulado Que podemos facer coas cantigas nunha clase? reúne unha escolma de actividades que permiten analizar co alumnado a estrutura, métrica e rima das cantigas e a súa música, convidan a facer versións poéticas en lingua actual ou a dramatización destas cantigas, para abordar tamén a poesía trobadoresca no seu conxunto e a figura de Martin Codax.

O volume complétase así mesmo con outras propostas de actividades, dirixidas tanto a educación primaria e secundaria, elaboradas por Ana Acuña, que teñen como obxectivo achegar ao alumnado ao valor lingüístico, literario e cultural do pergamiño. Organizada en tres bloques, esta escolma de actividades aborda tamén, nos dous primeiros, a lírica medieval e ao pergamiño e o seu autor, e complétase cun apartado centrado en Vigo e no seu mar. O seu obxectivo, explica Acuña, é promover tanto un estudo interdisciplinar que abranga tamén a lingua, a historia ou a ciencia e permita traballar as competencias clave destas etapas educativas, como “traer o presente a lírica medieval para que se vexa e comprenda como algo vivo”. De aí que entre as propostas recollidas neste último apartado figuren actividades de reflexión sobre o mar, sobre a actualidade, sobre o diálogo coa natureza, sobre as cores do Pergamiño Vindel, sobre núcleos poéticos e musicais do Vigo dos séculos XX e XXI, sobre a emigración ou sobre a literatura galega en Nova York.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal