luns 18 de decembro de 2017

Nun documento no que participa o profesor Alberto Vaquero

A Rede Localis realiza unha radiografía dos recursos humanos nos concellos de menos de 50.000 habitantes

Os autores destacan a importancia de abordar a consolidación do emprego local

Duvi | Ourense

O Centro Social Abanca acolleu este luns a presentación do oitavo documento da Rede Localis, xestionada polo Grupo Governance and Economics Research Network Gen da Universidade de Vigo. O informe titúlase Radiografía da xestión de recursos humanos nos concellos de menos de 50.000 habitantes: condicionamentos previos e propostas de solución e está asinado por Concepción Campos, Antonio Javier Ferreira, Miguel Ángel Santirso e Alberto Vaquero, este último co-director da Rede Localis e profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.

Partindo da idade de que “hai cuestións que aínda non se teñen resolto debidamente na política de recursos humanos a nivel municipal”, o documento apunta como non existe “unha axeitada planificación estratéxica de recursos humanos, o que supón un desaxuste entre as necesidades e servizos prestados polas entidades locais”. Segundo os datos recollidos no informe, o persoal destes concellos ascende a 12.104 persoas, sendo o 42,7% persoal laboral temporal, o 23,9% laboral fixo e o 33,5% funcionario.

“A excesiva funcionarización do empregado público pode implicar un factor de rixidez, xa que non facilita a axilidade e rapidez no recrutamento de efectivos, algo necesario para dotar de máis modernidade ao sector público”, recóllese no documento. O concurso de méritos, engaden os autores do informe, “esta formalizado de tal forma que pode chegar a ser contraproducente, en certos casos, para poder seleccionar aos mellores para un determinado posto”. “É tal a súa rixidez que, ao final, utilízanse outras vías como a libre designación, comisión de servizos ou a adscrición temporal de postos”, recolle a análise presentada este luns.

Sobre o réxime retributivo, o documento sinala que “é excesivamente pautado e igualitario, tendendo á homoxeneidade na dotación dos complementos en cada administración e para cada grupo profesional”. Ademais, engádese nel, “hai un déficit de incorporación de empregados novos á administración pública, con dous importantes efectos: menor número de empregados públicos conectados xeracionalmente cos cambios tecnolóxicos e sociais e perda do know-how, da experiencia acumulada por parte dos traballadores de máis idade”. O informe tamén recolle que se constata “unha limitada mobilidade interna e a case nula mobilidade interadministrativa”, entre outras cuestións.

Propostas de futuro

O documento tamén recolle propostas de solución como “unha rápida reforma normativa” que simplifique a dispersa normativa existente na actualidade e dote de seguridade xurídica e “non seguir dilatando” o proceso pendente de consolidación do emprego local e da regularización dos miles de empregados locais en precario. “A idiosincrasia do mundo municipal establece que as análises ofertadas e as solucións propostas sexan de natureza temporal, primando os arranxos puntuais ou conxunturais. É necesario dedicar máis esforzos a cuestións relacionadas coa supra municipalidade e a cooperación”, recolle o informe da Rede Localis.

Outras medidas contempladas no documento presentado este luns son que “é necesaria a configuración dunha función pública moito máis profesionalizada, que evite as decisións de natureza política e que sexa compatible coa realización obxectiva e independente do traballo do funcionario”. Ademais, engaden os autores do informe nel, “as administracións públicas locais non contan aínda cun rexistro central de persoal onde se poida consultar a situación organizativa dos concellos, unha vez aprobada a súa relación de postos de traballo”. Tamén sinalan a importancia de apostar por “unhas entidades locais modernas, eficientes e adaptadas” aos novos tempos da “economía 4.0”.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal