xoves 14 de decembro de 2017

Segundo o último informe de conxuntura do Foro Económico

A economía galega consolida o seu crecemento

O documento tamén aborda a evolución negativa dos salarios desde a crise

Duvi | Ourense

Este xoves o Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Gen Governance and Economics Research Network, presentou o Informe de Conxuntura Socioeconómica lV/ 2017, coordinado por Fernando González Laxe. Nel destácase como a economía galega mantén, por oitavo trimestre consecutivo, “un crecemento superior ao 3%, amosando no terceiro trimestre do ano unha taxa de variación interanual do 3,1% (unha décima menos que no trimestre anterior)”. Este feito consolida, sinalan os expertos do foro, “unha evolución semellante á da economía española que permite que sexan xa cinco os trimestres por riba da media do conxunto do estado”.

Nesta ocasión, xunto coa análise das contas económicas do terceiro trimestre do ano e a síntese estatística dos indicadores de conxuntura, o traballo compleméntase con comentarios sobre Os salarios en Galicia. Unha visión a través das fontes estatísticas. O informe está asinado, ademais de por González Laxe, por José Francisco Armesto, Patricio Sánchez e Santiago Lago. Segundo indican en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, o documento recolle que “dende o punto de vista da demanda, tanto a demanda interna como a externa presentan unha achega positiva, sendo a interna a que explica en maior medida o crecemento neste terceiro trimestre de 2017”. Ademais, engaden, no lado da oferta “todas as ramas de actividade presentan taxas de variación interanuais positivas”, salientando a construción, que se sitúa como o sector de maior crecemento da economía galega, cun incremento do 4,2%.

Sobre o mercado de traballo, os expertos do Foro Económico de Galicia sinalan que “presenta un comportamento razoablemente positivo en termos cuantitativos atendendo á evolución dos principais indicadores laborais considerados”. Non obstante, apuntan, “a súa evolución vese matizada polo seu peor comportamento en relación á media española, pola paulatina caída da poboación activa de 25 a 34 anos, pola elevada taxa de temporalidade e polo aínda elevado peso relativo do paro de longa duración”.

Tendencia decrecente dos salarios

No que respecta á análise sobre os salarios, o documento presentado este xoves en Santiago de Compostela recolle que “dende o comezo da crise económica, o peso relativo da remuneración do factor traballo inicia unha acusada tendencia decrecente, a diferencia do acontecido coa retribución do capital”. A pesar de que a remuneración do factor traballo por asalariado e por hora traballada converxe lixeiramente coa media estatal, indícase no texto, esta é “sensiblemente inferior á española (11,9% e 15,4%, respectivamente)".

Os datos da Axencia Tributaria, sinalan os expertos, amosan que Galicia se sitúa como a segunda comunidade autónoma co maior descenso do número de persoas que reciben unha retribución salarial dende o comezo da crise (-7,4%), e a cuarta en canto ao descenso do importe total das retribucións salariais (-7,9%). O salario bruto anual en Galicia, engádese no documento, ascende no ano 2016 a 19.859,60 euros segundo a enquisa de custos laborais, o que representa o 87,2% da media estatal (2.911,43 euros menos). “Ao longo do período 2008-2016, o salario bruto galego sitúase como o terceiro máis reducido de todas as comunidades superando tan só ao rexistrado en Estremadura e Canarias”, indican os expertos do Foro Económico de Galicia.

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal