luns 11 de decembro de 2017

O profesor Benigno F. Salgado coordina un libro con textos do escritor Avelino Díaz

Unha publicación recupera en cinco idiomas ao “poeta da ausencia”

Trátase dunha edición crítica dos 14 poemas que enviou para unha escolma de lírica galega en 1936

Eduardo Muñiz | Pontevedra

En marzo de 1936, o poeta e xornalista Avelino Díaz, natural do municipio lugués de Riotorto pero residente a maior parte da súa vida na Arxentina, enviou a Xosé Filgueira Valverde unha carta con 14 poesías con motivo da Escolma da lírica galega que, baixo a coordinación do polígrafo pontevedrés, preparaba o Seminario de Estudos Galegos para conmemorar, ao ano seguinte, o centenario do nacemento de Rosalía. A sublevación militar que tivo lugar tres meses mes despois faría que aquela publicación nunca vise a luz e que aquelas 14 poesías, ao igual que o seu autor, rematasen caendo no esquecemento. “Avelino Díaz é o poeta da ausencia”, salienta o profesor Benigno F. Salgado, editor literario de Avelino Díaz: 14 poemas, o volume que reúne os versos que presentara a aquela antoloxía, recuperados nunha edición crítica que se completa coas súas traducións ao español, inglés, alemán e francés.

Residente en Bos Aires a meirande parte da súa vida, Avelino Díaz (1897-1971) foi “moi coñecido entre a colectividade galega” na Arxentina, chegando a dirixir o seu xornal máis importante, o Galicia, como lembra Salgado. A pesares diso, foi tamén unha persoa “que quería ser enterrada aquí, un desexo que non se cumpriu”, unha situación que este profesor ve como “metáfora do que pasou coa súa poesía, que foi tamén enterrada”. Díaz non fora, de feito, un dos autores inicialmente convidados á escolma mais, non obstante, os seus poemas foron conservados por Filgueira Valverde e, tras seren recollidos en Os poetas galegos (1936). Antoloxía consultada polo ex-presidente da Real Academia Galega e a docente da Universidade de Vigo Ana Acuña, constitúen agora o corpo central do volume que Salgado presenta este martes ás 20.00 horas no Museo de Pontevedra xunto a Alonso Montero e a editora Tina Poethe.

Unha referencia na outra Galicia

Fillo non recoñecido do poeta Manuel María García Castro, Avelino Díaz abandonou con 12 anos, con destino á Arxentina, de onde só retornaría por un período de tres anos, “para traballar como mestre nas aldeas de arredor de Meira”, para volver de novo en 1921 a Bos Aires, onde residiu ata o seu falecemento. “Nunca máis volveu”, relata este investigador dunha persoa que foi primeiro emigrante pero que rematou por converterse tamén en exiliado. “En 1926 comeza a concienciarse localmente coa federación de sociedades galegas e no 1930 forma parte da ORGA (Organización Republicana Galega Autónoma) na Arxentina”, para, tralo estalido da Guerra Civil, sumarse ao comité de apoio á República. “El sempre ten a idea de ha de volver, pero gaña quen gaña e xa non pode facelo”, engade dun escritor cuxo “carácter combativo” vese reflectido en varios dos poemas recollidos neste libro.

Díaz, ao igual que Blanco Amor, foi director do xornal Galicia, editado pola Federación de Sociedades Galegas, así como membro do Consello de Galiza e correspondente da Real Academia Galega. Na Arxentina publicou tamén tres libros de poesía, o primeiro deles en 1947, “todos eles autoeditados”, apunta Fernández Salgado, que, precisamente, tivo que impulsar xunto con Poethe un selo propio, 3D1TOR4, para sacar do prelo este volume, que se verá continuado nos próximos meses por un segundo libro que reúne 14 estudos sobre este poeta.

Poesías de ausencia en cinco idiomas

“Chameille o poeta ausente porque era alguén que estaba aquí cando menos de pensamento”, salienta Salgado dun autor que “non está nas historias da literatura galega”, pero que ao seu xuízo propuxo unha poesía “valiosa e representativa do que era a diáspora, do que é estar fóra do teu sitio”, de que, do outro lado do océano, “houbo e hai, porque aínda queda moito outra Galicia”. O investigador presenta neste libro un estudo crítico destes 14 poemas, que se completa coas traducións dos seus versos a catro idiomas. O profesor da Universidade de Oxford John Rutterford, tradutor, entre outros, de El Quijote o La Regenta, é o encargado de levar os versos de Díaz ao inglés, mentres que o poeta caribeño Edmon Ferly e Josefina Iglesias asumiron a súa tradución ao francés, Poethe ao alemán e Fernández Salgado ao castelán.

O volume complétase, así mesmo, cun despregable no que se recollen tanto a versión orixinal destes poemas como a enquisa que debían cubrir os participantes na antoloxía, documentos que forman parte dos arquivos do Museo de Pontevedra.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal