luns 13 de novembro de 2017

Un libro recolle os programas realizados polo grupo GIES-10 con persoas con cancro ou autismo

Sete receitas para unha intervención educativa baseada no movemento

Coordinado pola profesora Margarita Pino, o volume pon o acento nos métodos de avaliación das actividades

Eduardo Muñiz | Pontevedra

Programas que fan do teatro unha ferramenta terapéutica a empregar con vítimas da violencia machista e persoas con problemas de deterioro da súa saúde mental, proxectos de intervención que empregan a expresión corporal con mulleres que padeceron un cancro de mama e a ximnasia para mellorar as habilidades sociais na adolescencia, xunto con programas educativos que empregan a actividade física con nenos con necesidades de apoio educativo, a equitación con persoas con autismo e dirixidos a mellorar a hixiene postural de traballadores. Estes sete exemplos das liñas de investigación e intervención socioeducativa desenvolvidas polas investigadoras e investigadores do grupo GIES-10, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, recóllense no libro Diseño y evaluación de programas educativos en el ámbito social, un volume coordinado pola profesora Margarita Pino e publicado por Alianza, que pon o acento na metodoloxía empregada e no método de avaliación dun programas sustentados no uso do movemento e da actividade física e no desenvolvemento de procedementos participativos, dirixidos a “promover unha saúde integral, entendida como saúde física, mental e social”.

“A idea do libro é ofertar, sobre todo a educadores, profesorado e xente que traballa no ámbito social, modelos de deseño de programas que inclúan todo o sistema metodolóxico e de avaliación”, sinala Pino, coordinadora do grupo de investigación e dunha publicación que ten na avaliación o seu aspecto máis novidoso, “xa que en España estanse avaliando moi pouco os programas educativos”, a pesares de que serían estes procesos os que permiten aos e ás profesionais “coñecer se accións que levaron a cabo foron eficaces ou non”. Con ese obxectivo, os sete programas recollidos no volume, resultado de investigación desenvolvidas, en boa parte dos casos, no marco das teses de doutoramento dos investigadores e investigadoras, preséntanse neste volume “dunha forma moi resumida”, seguindo todos un mesmo esquema co propósito de facilitar a súa implantación. “Todos empezan cunha contextualización, para que a persoa que o vai replicar saiba con que poboación se fixo e como se fixo, porque son programas cuns obxectivos concretos, e despois virían os obxectivos e as competencias”, relata a coordina deste volume, no que se detallan tamén a metodoloxía e os contidos concretos de cada intervención, xunto cos instrumentos de avaliación aplicados. “Realmente son receitas, o que se fixo neste libro é reunir todos os ingredientes daquilo que aplicamos e funcionou”, engade nese senso a investigadora Águeda Gutiérrez.

Movemento e participación

Todos os proxectos dos que dá conta o libro parten, sinala Pino, dos principios da neuroeducación, que sitúan “a actividade física, o movemento, como eixo de aprendizaxe”, así como do deseño de “actividades colaborativas e grupais”, partindo das ideas de que a práctica de actividade física “facilita a memoria a longo prazo e, por tanto, unha aprendizaxe máis eficiente” e de esta “debe ser unha experiencia positiva e pracenteira”, xa que “estados emocionais negativos como o medo ou a ansiedade dificultan o proceso de aprendizaxe”, explica Pino no texto introdutorio. Nese senso, os tres primeiros capítulos, asinados por Pino, Gutiérrez, José Domínguez Alonso, Antonio López Castedo e Elia Vázquez teñen como propósito enmarcar estas intervencións, abordando o desenvolvemento da personalidade desde a infancia e ata a idade adulta, o modelo de deseño e avaliación de programas e as vantaxes da actividade física para a saúde.

Sete programas aplicados con diferentes colectivos

A dramaterapia, o uso de técnicas teatrais con fins terapéuticos, centra o capítulo asinado por María Luisa Mondolfi, que presenta un programa desenvolvido con mulleres vítimas de violencia de xénero, dirixido a reducir “malestares psicolóxicos como a trastorno por estrés postraumático e síntomas depresivos, así como mellorar a autoestima”. A través tamén da dramaterapia, a investigadora Sara Fernández Aguayo aborda un programa dirixido a persoas con enfermidades que implican un deterioro da súa saúde mental, dirixido a “mellorar a súa autoestima, asertividade, creatividade, recoñecemento de emocións, toma de decisións e relacións interpersoais e sociais”. Noemí Sanmartín, pola súa banda, da conta un programa de actividade física para mulleres que padecen cancro de mama que emprega a expresión corporal como técnica terapéutica, dirixida a mellorar a calidade de vida, a autoestima, o estado de ánimo e a imaxe corporal.

O libro recolle así mesmo o programa de hipoterapia e equitación terapéutica que, no marco da súa tese, Sonia Bouzo puxo en práctica con nenos e adolescentes con Trastorno do Espectro Autista (TEA) e de como este permitiulles “desenvolver habilidades de interacción social e comunicación, así como mellorar as habilidades motrices”, o seu equilibrio e niveis de relaxación muscular. Iago Portela, pola súa banda, presenta un modelo de intervención educativa sustentado na actividade física e dirixido a nenos e nenas con necesidades específicas, que ten como propósito facilitar “o seu dominio de destrezas motoras básicas, así como habilidades sociais e persoais”, a través de contidos relacionados coa “relaxación e inhibición muscular, a flexibilidade e a coordinación motriz e o equilibrio”, segundo recolle Pino na introdución. Nesa mesma liña, Xoana Reguera da conta nesta publicación do proxecto que, valéndose da ximnasia acrobática e da aprendizaxe cooperativa, levou a cabo con estudantes de secundaria co propósito de mellorar habilidades sociais como “a responsabilidade, a autonomía e o sentido de competencia”, ao tempo que a propia autoestima dos estudantes.

Por último, o volume complétase co programa de hixiene postural e actividade física no ámbito laboral que Tania García deseñou co propósito de previr, a través da actividade física, os “trastornos musculoesqueléticos” que, derivados de movementos e posturas repetitivas, poden padecer as persoas que traballan con pantallas de visualización de datos.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal