xoves 2 de novembro de 2017

Un libro coordinado por Jesús de Juana e Julio Prada aborda o papel da muller neste período en Galicia

Relendo a historia do franquismo desde unha óptica de xénero

As investigacións que recolle abranguen desde as vítimas da represión á prostitución

Rosa Tedín | Ourense

Pola súa participación política, pola súa condición de nai ou muller de “esquerdistas”, por formar parte da rede de axuda aos fuxidos, por reproducir no fogar o modelo ideal do réxime de “nai e esposa”, por formar parte tamén da “orde moral” do franquismo exercendo a prostitución... No golpe militar de 1936, na Guerra Civil e no franquismo, son moitas as frontes nas que a muller xogou, dun xeito ou doutro, un papel propio. No libro Nuevas perspectivas en el estudio de la mujer durante el franquismo, un grupo de oito historiadores e historiadoras, encabezados polos profesores da Universidade de Vigo Julio Prada e Jesús de Juana, mergúllase nese período para, a partir de nomes propios e historias concretas, facer un percorrido e visibilizar a historia das mulleres no franquismo. Entre os diferentes aspectos abordados, no estudo da represión sobre as mulleres en Galicia “demóstrase a natureza sistemática e integral da mesma”.

A publicación, editada por Sílex Universidad, constitúe segundo os seus responsables “unha obra conxunta que dá boa mostra das novas perspectivas investigadoras que sobre a muller levamos xa tempo desenvolvendo no seo do grupo de investigación HC1 da Universidade de Vigo”. Deste xeito, o libro, que se enmarca no proxecto A represión franquista sobre as mulleres. Galicia (1936-1953) financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade, recolle traballos de investigación de, ademais de Julio Prada e Jesús de Juana, de Domingo Rodríguez, Alejandro Rodríguez, Adrián Presas, María Jesús Requejo, Ana Cebreiros e María Concepción Álvarez. Ao longo das súas páxinas, estes expertos e expertas abordan as temáticas da represión sobre as mulleres en Galicia; as mulleres nas cárceres franquistas; a violencia sexuada sobre as mulleres na retagarda franquista; as mulleres nas redes de apoio á resistencia armada; o modelo conservador da muller na Segunda República, centrando a análise no semanario Ellas, e a súa adaptación ao discurso político e social da ditadura; o paradigma da muller franquista “de nai e esposa” e as prostitutas legais e clandestinas na Galicia dos anos 30 e 40.

Culpabilizadas do propio e do alleo

As mulleres, destacan Julio Prada e Jesús de Juana, foron castigadas pola súa implicación en actividades políticas ou sociais de carácter esquerdista durante República, por participar na resistencia ao golpe militar de xullo de 1936, por ter sido corresponsables dos “excesos” cometidos na retagarda naquelas zonas que permaneceron máis ou menos tempo baixo control da República e por toda unha serie de comportamentos que o novo réxime consideraba punibles por dar cabida a unha variada serie de condutas que na súa maioría tamén representaban unha mostra de desconformidade, de disidencia ou incluso de resistencia. Pero, engaden, “tamén se lles culpabilizou polas responsabilidades alleas, sen máis pecado que o de ser nais, irmás, esposas ou compañeiras de homes buscados polas autoridades por diferentes motivos e aos que proporcionaron refuxio ou protección no seo dos seus fogares”.

A represión sobre as mulleres durante o franquismo, recóllese no libro, non se esgota coas que foron asasinadas á marxe de toda norma, executadas por orde militar ou que faleceron de morte natural en prisión. Tampouco, engaden os autores, coas que foron sentenciadas a penas de prisión, as que foron vítimas de extorsións económicas, incautacións de bens máis ou menos regradas ou coas que padeceron toda clase de malos tratos ou quedaron condenadas á miseria e á indixencia debido á persecución que foron sometidas elas e ou seus familiares directos. “Houbo, ademais, unha represión sexuada que se define polo exercicio dunha violencia sobre as mulleres polo mero feito de selo e que ten no seu rapado e en violacións e abusos sexuais dúas das súas manifestacións máis estendidas”, recalcan os profesores da Facultade de Historia do campus de Ourense.

Aínda que a represión física sobre as mulleres non pode illarse dos parámetros xerais que guiaron a actuación dos rebeldes sobre o conxunto da poboación, subliñan Jesús de Juana e Julio Prada, “é evidente que presenta unhas características diferenciais que teñen que ver non só coas diferencias cuantitativas respecto aos varóns senón tamén co predominio en termos porcentuais de determinadas manifestacións represivas (asasinatos extranormativos e importancia das detencións gobernativas como estratexia para desarticular as redes de apoio aos fuxidos) que as dotan de singularidade”.

Nomes e cifras

Ao longo do libro, e a pesar das dificultades para acceder e recompilar a este tipo de datos, apúntanse cifras como a de 32 mulleres condenadas en Galicia no contexto da resistencia ao golpe (1936-1939); a de 53 mulleres condenadas no contexto de auxilio a fuxidos no mesmo período ou como a porcentaxe de mulleres presas políticas galegas móvese entre o 8% de 1946 e o 31% de 1948, fundamentalmente detidas pola súa actuación como enlaces, colaboradoras ou familiares dos grupos guerrilleiros. Pero alén dos datos globais, os expertos e expertas fían na publicación a historia en base a nomes de mulleres e feitos concretos. A modo de exemplo, a primeira muller citada no libro é Isabel Ríos, que participou nos primeiros momentos de resistencia na Coruña tralo golpe militar e da que as forzas da orde falan como “alentadora” das masas aproveitando a súa condición feminina para mobilizalas en defensa da República. Tamén se achegan historias persoais sobre feitos sobre os que pesa o “velo do silencio”, como é o caso de Purificación Taboada, viúva de 34 anos nai de cinco fillos e con “fama de esquerdista” que unha noite se espertou sobresaltada por uns golpes na porta e foi violada por tres homes que se identificaron como gardas civís. Pecha o libro un escrito “secreto” do párroco de Santa Eufemia, en Ourense, na que pedía medidas contra Jacinta Regalde (nome ficticio empregado no libro), polo exercicio da prostitución.

Precisamente unha das perspectivas novidosas incluída na publicación, polo tipo de fontes empregadas, é a que ofrece o estudo da prostitución en Galicia nos 30 e 40 realizada por Julio Prada. Nese período, apunta o profesor universitario, “a prostitución regulamentada volve a recuperar o seu posto como peza esencial da orde moral e a concepción tradicional da familia facendo saír á luz as contradicións da dobre moral practicada durante aqueles anos: a pesar de converterse nunha actividade aceptada polos varóns de calquera idade e de haber unha tolerancia social manifesta, o certo é que cando as relacións xurdidas no bordel poñían en perigo a estabilidade das familias cristiás a tolerancia tornábase con frecuencia en acoso”.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal