mércores 25 de outubro de 2017

Unha monografía feita por María Victoria Carballo-Calero afonda na súa vida e obra

Unha artista "rompedora e vangardista" chamada Maruja Mallo

No marco da homenaxe feita este ano pola Real Academia Galega de Belas Artes

Rosa Tedín | Ourense


Unha viaxe de principio a fin, un percorrido a través da vida e da obra de Maruja Mallo. Deste xeito presenta María Victoria Carballo-Calero, catedrática emérita de Historia da Arte Contemporánea da Universidade de Vigo, o seu último traballo que vén de saír do prelo. Co gallo da dedicación do Día das Artes Galegas 2017 á artista nada en Viveiro en 1902, a historiadora do campus de Ourense foi a encargada de debuxar para o público xeral o perfil dunha creadora “rompedora e vangardista” nun libro que vén de ser editado pola Deputación Provincial de Lugo.

No ano 2015, explica a catedrática emérita, a Real Academia Galega de Belas Artes fixou que cada 1 de abril se celebraría o Día das Artes Galegas, escollendo cada ano unha figura relevante da historia das artes en Galicia para homenaxear. Deste xeito, 2016 foi declarado pola entidade como o Ano Castelao e este 2017 está dedicado a Maruja Mallo. No marco da programación de actividades que con este gallo se organizaron está a publicación dunha monografía sobre a persoa homenaxeada. Ao igual que con Castelao, o membro da Real Academia Galega de Belas Artes elixido para facer este "retrato" de Maruja Mallo foi María Victoria Carballo-Calero. “Maruja Mallo sempre estivo presente na miña traxectoria investigadora, desde moi nova tiven interese nela, pensando incluso en realizar a miña tese de doutoramento sobre ela, aínda que finalmente non foi posible”, comenta a catedrática. Este interese, indica, callou ao longo dos anos en diferentes textos que lle permitiron agora afrontar a monografía agora publicada.

Vida e obra como a mesma cousa

De Ana María Gómez González Mallo, Carballo-Calero salienta fundamentalmente como nela se dá “unha identificación total entre a vida e a obra, ambos son para ela a mesma cousa, tal e como defendían as vangardas”. Deste xeito, apunta, “sacrificou a súa vida pola súa obra, aínda que para ela non foi sacrificio xa que fixo o que ela desexaba”. Este compromiso coa arte, o feito de que “desde moi nova despuntou” e o seu carácter “transgresor” e "brillante", sinala a historiadora, fan de Maruja Mallo unha personaxe á que resulta moi interesante tanto para o público especializado como tamén para o público xeral.

A publicación, titulada Maruja Mallo, arranca cos inicios da artista en Madrid, na Academia de San Fernando e na Residencia de Estudantes, onde “Maruja entra en contacto cun grupo de artistas e escritores que tentarán toda unha revolución vangardista nun panorama madrileño caduco e trasnoitado”. Así, empeza a súa relación con Dalí, Lorca, Guillermo de Torre, Gómez de la Serna ou Eugenio Montes, o seu desexo de vangarda e a súa consideración como “transgresora e ultramoderna”. A partir destes inicios, a monografía afonda paralelamente na traxectoria persoal e creativa de Maruja Mallo. Neste percorrido, Carballo-Calero dedica atención á relación da creadora con personaxes como Rafael Alberti e Concha Méndez e con movementos como a xeración do 27, a Escola de Vallecas e a “arte nova”; ao seu exilio e ao seu retorno e a outros feitos decisivos na súa vida. Porén, ao mesmo tempo que dá apuntamentos da súa evolución vital e profesional, ao longo das páxinas desta monografía a catedrática centra boa parte da súa análise nalgunhas das principais obras da artista.

Deste xeito, a monografía arranca a súa aproximación á obra de Mallo con Muller con cabra, de 1927 “o seu primeiro cadro importe” a partir do cal “a transformación da súa pintura experimentará un proceso vertixinoso” e que permite ver “a nova muller” que a creadora plasmará nas súa obras. Estampas, Sorpresa do trigo, O canto das espigas, Naturezas vivas, Máscaras, Estrelas de mar... son algunhas das obra sobre as que afonda María Victoria Carballo-Calero no seu percorrido. Un percorrido no que tamén fai parada nos murais que se lle encargan para o cinema de Los Ángeles de Bos Aires e que remata coa morte da artista en Madrid en 1995 aos 93 anos de idade despois dunha vida dedicada con paixón á arte.
Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal