xoves 19 de outubro de 2017

O profesor Manuel Ojea presentou un libro sobre o procesamento perceptivo e cognitivo deste colectivo

A creación de redes semánticas, unha chave para a aprendizaxe das persoas con trastorno autista

Nel realiza unha abordaxe desta problemática desde un punto de vista teórico

Rosa Tedín | Ourense


As persoas con trastorno do espectro autista (TEA), explica o profesor da Universidade de Vigo Manuel Ojea, presentan “limitacións en relación ao proceso de percibir, seleccionar, procesar, codificar e recuperar a información procedente do medio, o que inflúe no proceso de adquisición dun nivel perceptivo axeitado sobre a identidade persoal e autoconcepto así como nos diferentes niveis de autonomía e capacidades de resposta”. Abordando esta cuestión, no seu último libro, presentado este xoves no campus de Ourense, o doutor en Psicopedagoxía afondou no marco teórico do procesamento perceptivo-cognitivo neste colectivo mediante a creación de redes semánticas.

O acto de presentación do libro, titulado Trastorno del espectro autista: procesamiento perceptivo-cognitivo mediante la creación de redes semánticas, contou coa participación de Manuel Fernández, vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Institucionais e presidente da Comisión Técnica de Atención ao Estudantado con Necesidades Educativas Especiais da Universidade de Vigo (Coatén), comisión da que Ojea é tamén membro. Durante a súa intervención, o vicerreitor destacou como “a Universidade de Vigo é unha referencia para a xente con trastorno do espectro autista que quere estudar unha carreira, chegándonos estudantes doutros puntos de España”. Neste senso destacou o traballo realizado por Manuel Ojea con alumnado con TEA e as súas achegas non só desde a aplicación práctica senón tamén desde o eido teórico.

Na publicación, editada por Ediciones Pirámide, analízanse en profundidade “os diferentes argumentos teórico-prácticos que permiten a construción da aprendizaxe no colectivo de persoas con trastorno de espectro autista co fin último de facilitar o desenvolvemento de aqueles aspectos que ou ben son realizados de forma limitada ou ben non poden ser creados autonomamente”. Ao longo das súas páxinas, Manuel Ojea, presidente da Asociación de Familias e Profesionais de Persoas con Trastorno da Comunicación Social Trascos de Ourense, aborda os conceptos da diagnose das persoas con TEA, os fundamentos etiolóxicos deste trastorno, o procesamento cognitivo da información, os principios da memoria semántica, a configuración analítica conceptual, a construción cognitiva-categorial, as particularidades da memoria semántica en persoas con trastorno do espectro autista e os programas psicoeducativos aplicados a estudantes con esta problemática.

A importancia de establecer relacións

Desde o punto de vista neuropsicolóxico e socioeducativo, indica o autor na publicación, o desenvolvemento da aprendizaxe está directamente relacionado cun funcionamento semántico da cognición que afirma que os novos contidos precisan interconectarse debidamente coas adquisicións cognoscitivas previamente adquiridas, "sutilmente relacionadas mediante nexos ou relacións significativas, que son, en última instancia, as que facilitan primeiro a compresión da información e posteriormente a súa recuperación". Porén, engade Ojea, “as persoas con trastorno do espectro autista, nos seus diferentes graos de desenvolvemento, manifestan un peculiar modo de procesamento que se manifesta con evidentes limitacións do funcionamento do sistema perceptivo-cognitivo, caracterizado por unha tendencia á percepción inicialmente fragmentada da información, a evidencia de erros manifestos na atribución da relevancia aos estímulos percibidos e limitacións importantes na creación de sinais e enlaces interconceptuais durante o conxunto do proceso”.

No libro presentado este xoves, o profesor da Universidade de Vigo realiza unha nova achega teórica, tomando como base as teorías xa existentes da coherencia central cognitiva, a da percepción e a da topográfica funcional, coa que fundamenta unha parte práctica e aplicada que será publicada nun seguinte libro. Afondando nas interrelacións de redes neurobiolóxicas aprendidas, neste avance teórico desenvolve o acceso á información a través de nexos, de chaves, que permiten ás persoas con trastorno do espectro autista acceder á información, recuperala e establecer relacións entre a información, de xeito que se “vaian enlazando os nexos e os contidos aos que eles non poden acceder porque cando os aprenderon non lle deron un sentido”.

Para que estas propostas teñan o efecto desexado, comenta por último o doutor en Psicoloxía na súa obra, o marco teórico e a aplicación de investigacións como a recollida neste libro “é necesario que se leven a cabo nun ambiente interactivo normalizado”, que formen parte da vida cotiá das persoas con trastorno do espectro autista no marco dunha formación e educación inclusiva.
Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal