luns 16 de outubro de 2017

Trátase da publicación 'Enthalpy and internal energy: liquids, solutions and vapours'

Investigadores do campus participan no libro da Royal Society of Chemistry referente en propiedades enerxéticas

Jacobo Troncoso e Claudio Cerdeiriña achegan estudos sobre diferentes aspectos dos líquidos

Rosa Tedín | Ourense


A Royal Society of Chemistry, sociedade científica do Reino Unido referente no eido das ciencias químicas, vén de publicar o libro Enthalpy and internal energy: liquids, solutions and vapours. Nel, recóllense artigos de científicos e científicas de 14 países sobre propiedades enerxéticas de líquidos, disolucións e gases co obxectivo de ser a publicación de cabeceira para alumnado, persoal investigador e calquera persoa involucrada neste campo de interese. Dous dos 23 capítulos do libro contan coa autoría de profesores da Universidade de Vigo, concretamente dos físicos Jacobo Troncoso e Claudio A. Cerdeiriña, que abordaron nas páxinas desta obra diferentes aspectos dos líquidos iónicos e dos líquidos asociados por pontes de hidróxeno.

Segundo recolle a propia publicación, a obra, editada polos científicos Emmerich Wilhelm e Trevor Letcher, presenta una colección de 23 capítulos “concisos” que pretenden ofrecer "unha ampla guía sobre os últimos desenvolvementos sobre propiedades enerxéticas", abranguendo teoría, métodos experimentais e resultados sobre todo tipo de líquidos e gases. Ademais de incluír dous traballos realizados desde o campus de Ourense, Cerdeiriña e Troncoso salientan como outros tres capítulos do libro contan coa sinatura de Patricia Losada-Pérez, física formada na Universidade de Vigo. Amosando a súa satisfacción por ser convidados a participar “nunha obra que será referencia a nivel internacional nun tema da área da química física”, os investigadores destacan o feito de que “é a segunda vez que os nosos grupos de investigación participan nun proxecto deste estilo”.

Líquidos iónicos e líquidos asociados por pontes de hidróxeno

O traballo publicado de Jacobo Troncoso en Enthalpy and internal energy: liquids, solutions and vapours leva por título Excess enthalpies for binary systems containing ionic liquids e está centrado nos líquidos iónicos. “Estes compostos presentan un grande interese pola súa potencial aplicación en novos procedementos de baixo impacto medioambiental, xa que poderían substituír satisfactoriamente aos disolventes empregados na industria química”, explica o investigador do campus de Ourense. A comprensión das súas propiedades enerxéticas, recalca, “é moi importante para o deseño destes novos procesos, polo que neste capítulo fíxose unha revisión do traballo experimental na determinación destas magnitudes levado a cabo nos últimos anos”.

Pola súa banda, Claudio Cerdeiriña, en colaboración con Katerina Zemankova, alumna de doutoramento, e Miguel Costas, profesor da Universidad Nacional Autónoma de México, asina o traballo Energetic effects in hydrogen-bonded liquids and solutions. “Unha ampla variedade de líquidos asociados por pontes de hidróxeno comparten unha característica: a súa capacidade calorífica exhibe un máximo en función da temperatura coñecido como pico de Schottky”, contextualiza Cerdeiriña. No seu traballo, detalla, preséntase o estado da arte da modelización deste fenómeno mediante as técnicas da mecánica estatística. Empregando modelos simples de dous estados, subliña o docente, “pódense racionalizar de forma unificada situacións como as anomalías da auga líquida subenfriada, dos alcois líquidos, da hidratación hidrofóbica e da agregación anfifílica en auga”.

Carácter internacional

Lembrando como a Universidade de Vigo é unha universidade “moi nova”, os profesores ourensáns salientan como a participación neste tipo de iniciativas “fala moi positivamente” dos progresos realizados no traballo investigador desde a institución académica. “En termos xerais, a ciencia é unha actividade cun marcado carácter internacional e, por conseguinte, é vital comportarse internacionalmente. A participación dos nosos grupos de investigación neste libro da Royal Society of Chemistry é un dos moitos exemplos de actuación neste sentido”, destacan por último Jacobo Troncoso e Claudio A. Cerdeiriña.
Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal