xoves 5 de outubro de 2017

Tras facerse público o seu achado o pasado mes de xullo

Preséntase na Fundación Penzol o manuscrito ‘Cincuenta décimas contra don Diego Zernadas’

O autor estivo acompañado por Francisco Domínguez e Pepe Carreiro

D. Besadío | Vigo


Tras facerse público o pasado mes de xullo, esta semana presentouse en sociedade Cincuenta décimas contra don Diego Zernadas o libro escrito polo profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución José Antonio Fernández Salgado e que recolle a edición e estudo dun novo texto en galego do século XVIII do que se descoñecía a súa existencia, atopado polo propio autor nos fondos da Fundación Penzol.

A presentación levouse a cabo nas instalacións da fundación e nela, ademais do autor, contouse coa participación de Francisco Domínguez, director da Fundación Penzol, e Pepe Carreiro, editor de Edicións Laiovento. Ambos destacaron a importancia deste achado e non dubidaron en eloxiar o traballo levado a cabo polo profesor vigués, labor grazas ao que viu a luz este manuscrito inédito, elaborado arredor da década de 1770, que contén cincuenta décimas dirixidas contra o Cura de Fruíme, e que destaca por estar escrito integramente en galego, pola súa calidade poética e polo seu rexistro lingüístico culto, características que ata o momento non se consideraban propias dos textos galegos desa época.

O volume inclúe dúas edicións do manuscrito, unha case paleográfica e outra co texto actualizado graficamente, co obxectivo de facilitar a súa difusión entre o público non especializado.

O autor é experto na historiografía lingüística do século XIX

As liñas de investigación de Xosé Antonio Fernández Salgado céntranse no estudo da gramática e o léxico galegos, na historiografía lingüística, na lingua literaria e na edición de textos, sobre todo do século XIX. Verbo disto, é autor de varias edicións e estudos da obra de Marcial Valladares, como a Colección de refráns (2003), Poesía (2003) e a novela Majina, ou a filla espúrea (2011). Sobre el publicou tamén a monografía Marcial Valladares. Biografía dun precursor no Rexurdimento galego (2005) e varios artigos sobre o seu dicionario, a súa gramática e a súa proposta ortográfica.

Fernández Salgado é coautor tamén do Nivel Soleira da lingua galega (1993) e do Diccionario de Dúbidas da Lingua Galega (1991). Actualmente é o editor da revista Cumieira. Cadernos de investigación da nova Filoloxía Galega (nº 1, 2016) que publica o Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo.
Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal