mércores 13 de setembro de 2017

A Revista Interdisciplinar de Pensamento Galego 'Cómaros' publica un novo número

Casares e Curros, entre a lembranza e a historia

O docente de Ciencias da Educación David Casado é un dos seus directores

Rosa Tedín | Ourense


Casares e Curros, entre a lembranza e a historia. Con este título preséntanse un novo número da Revista Interdisciplinar de Pensamento Galego Cómaros. A publicación, de carácter electrónico e potenciada desde a Universidade de Vigo, amplía os seus contidos abrindo sendas seccións dedicadas aos escritores e escritoras homenaxeadas no Día das Letras Galegas, neste 2017 Carlos Casares, e á recuperación de textos relevantes na historia do pensamento galego.

A dirección de Cómaros corre a cargo de David Casado, profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense e investigador do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da Universidade de Vigo, e de Juan R. Coca, do Gir Trans-Real Lab. da Universidade de Valladolid. A publicación, de acceso libre e periodicidade anual, naceu o pasado ano para tentar “servir como nó estruturante de todo o pensamento galego”. Para acadalo aposta, entre outros aspectos, por potenciar os ensaios centrados en temáticas relacionadas con Galicia e conta cun comité editorial e outro científico que agrupan a persoas espalladas por un amplo abano de institucións educativas e de pensamento tanto galegas como foráneas.

Diversidade de contidos

Cómaros, explican os seus responsables, é unha publicación na que os textos de socioloxía, historia, filosofía, xeografía, cultura, poetoloxía e un longo etcétera de áreas teñen cabida. Publica achegas científicas de corte académico, ensaios de interese para a cultura galega e traballos antigos ou que non son doados de atopar. Neste número, indican desde a publicación, a revista conta cunha “portada fermosa do grande ilustrador cuntiense Heitor K-rapucho Picallo” e principia dúas seccións. Unha feita en colaboración coa Real Academia Galega e titulada Día das Letras Galegas e outra, chamada D'a nosa historia, onde se publican textos clásicos ou case esquecidos. Concretamente este volume dous, número 01 de Cómaros, correspondente ao ano 2017, arranca cun texto de Juan R. Coca titulado O pensamento casariano: desde a humildade comunicativa á achega a alma galega. Neste traballo amósase “como é que este autor pode ser inserido no que se ten chamado como epistemoloxía galega” e o carácter reivindicativo do cotiá na obra de Carlos Casares.

Polo que atinxe ao apartado de artigos científicos, este número recolle tres. O primeiro, A orixe da vila da Estrada, está asinado por Juan A. Fernández e nel faise un percorrido pola historia e xestación deste concello, xurdido tras conxugar tanto territorios das parroquias de Ouzande, Guimarei e Figueiroa como vontades e intereses dun conxunto de liberais. O segundo traballo científico, titulado Mulleres, medios e democracia, vén da man de Ana Belén Puñal e nel afóndase en como “a análise do que os medios fagan coas representacións de xénero non só é importante pola función que desempeñan como axentes de socialización senón tamén porque son pedras basais na construción da cidadanía democrática”. Por último, neste número inclúese o artigo, asinado por Javier I. Senín, As relacións hispano-cubanas na posguerra fría a través da análise da visita de Fidel Castro a Galicia en xullo de 1992. “Fidel Castro fixo una visita a Galicia por motivos tanto persoais como institucionais. A invitación de Manuel Fraga e a propia viaxe, porén, convertéronse durante semanas no eixo de discusión da area política galega e española. A análise desta polémica e da estancia do líder cubano ofrecen unha visión moi nítida da situación na que se atopaban as relacións hispano-cubanas durante o goberno de Felipe González”, explicase en Cómaros.

A situación venezolana actual nun artigo de Álvaro Márquez titulado Venezuela: do socialismo “real” á “ficción” ideolóxica das loitas de clase, e outro sobre a Filosofía fratriarcal, de Andrés Ortiz-Osés, copan a sección de ensaios. Para rematar e estreando a sección D'A nosa historia, inclúese a introdución a Aires D`a Miña Terra, de Manuel Curros Enríquez. Con este panel de contidos preséntase un novo número dunha publicación que toma o seu nome dunha palabra que significa pequena elevación do terreo desde a que é posible ollar o horizonte, elemento característico da paisaxe galega.
Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal