venres 16 de maio de 2014

Na celebración do Día das Letras Galegas

Nimbos de Díaz Castro. Por Gonzalo Navaza

O profesor Gonzalo Navaza, recoñecido poeta, rende homenaxe a unha obra “cume da poesía galega”

| Vigo

Aínda que o acto institucional de celebración do Días das Letras Galegas será na Universidade de Vigo a vindeira semana, nesta data tan especial para o pobo galego o profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Gonzalo Navaza (Lalín, 1957) repasa neste artigo para o Duvi o que considera un dos libros “cumes da poesía galega”, Nimbos de Xosé María Díaz Castro, poeta ao que este ano se rende tributo. Recoñecido poeta e tradutor, perfil que comparte con Díez Castro, Navaza bota tamén unha ollada aos máis de sete lustros que o autor homenaxeado dedicou á tradución de linguas románicas e xermánicas en Madrid.

Nimbos de Díaz Castro. Por Gonzalo Navaza

Aínda que a celebración das Letras Galegas de 2014 animou a recolleita de inéditos, dispersos, obras de mocidade e outros escritos galegos de Xosé María Díaz Castro (1914-1990), este segue a ser fundamentalmente poeta dun único libro, Nimbos, publicado pola editorial Galaxia en 1961 e unanimente considerado como un dos cumes da poesía galega.

Díaz Castro pertence a unha estirpe lírica vinculada ao seminario de Mondoñedo, que deu á literatura galega do século XX sucesivas xeracións de grandes poetas, desde Noriega Varela e Crecente Vega ata Aquilino Iglesia Alvariño e Xosé Díaz Jácome. Con estes dous mantivo Díaz Castro estreita relación de amizade, e con todos eles comparte como poeta os trazos caracterizadores desa corrente mindoniense que a crítica denominou neovirxilianismo: a contención expresiva, o coidado formal, o gusto polo léxico rural, a visión transcendente da paisaxe e da vida campesiña, a preocupación relixiosa e o pouso dos poetas grecolatinos (Ovidio, Horacio, Virxilio).

A poesía de Nimbos artéllase ao redor dun reducido número de eixos temáticos: tempo, a morte, a memoria, a busca da transdencencia, a emoción, o goce estético, a terra. No canto á beleza humilde (“ Herba pequerrichina, que con medo sorrís...”) resoan ecos franciscanistas de Noriega Varela. O nimbo a que se refire o título do libro é a aura que emanan as cousas investidas de condición sagrada, como a coroa que envolve a cabeza dos santos nas representacións iconográficas, e aplícase ao poema entendido como espazo onde se produce o milagre da emoción estética, que constitúe unha experiencia transcendente, a un tempo gozosa e tráxica. No poema titulado 'Espada' conclúe cada estrofa co verso que di A beleza feriume para sempre, que foi empregado como epitafio na tumba do poeta.

Durante máis de sete lustros, ata que xa xubilado se retirou a Galicia en 1982, o poeta exerceu como tradutor de linguas románicas e xermánicas en Madrid para diferentes institucións ministeriais, entre elas o Instituto de Cultura de Hispánica e un chamado Centro Experimental del Frío. O reencontro físico coa terra natal adquire unha dimensión de comuñón panteísta coa esencialidade das cousas, coma no poema que pecha o libro, titulado 'Polpa dorida':

Ei, Terra Verde e Mar de Orballo,
Polpa dorida se as hai!
As túas portas perdín todo
cheiro alleo de terra ou mar
e agora, ó caer no teu colo,
oio pacer a canto hai!


No títulado 'Penélope', o poema máis célebre do autor, ten tamén como motivo central o do regreso a Ítaca (Traguerán os camiños algún día / a xente que levaron...), máis a súa celebridade vénlle dada seguramente pola imaxe fatalista dunha terra envolta en sabas de mil anos, condenada a tecerse e destecerse incesantemente, mergullada nun tempo doméstico (o tempo vai de Parga a Pastoriza), inmóbil e circular (coma o propio poema, que acaba como comeza):

Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.
Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal