venres 7 de xuño de 2013

No Día Mundial dos Océanos

Un océano de oportunidades. Por Emilio Fernández

O director do Campus do Mar apela á necesidade de eliminar fronteiras entre disciplinas para coñecer o mar

| Vigo

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas decidiu que a partir de 2009 cada 8 de xuño se celebrase o Día Mundial dos Océanos como unha boa oportunidade para crear conciencia mundial dos desafíos aos que se enfronta a comunidade internacional en relación con esta temática. A celebración ten un sabor especial na Universidade de Vigo e no Campus do Mar, un proxecto liderado dende Vigo e co que se convida á humanidade a estudar todos os ámbitos de coñecemento relacionados co mar.

Para celebrar este día organizouse, en colaboración coa Asociación de Oceanógrafos de Galicia, unha visita divulgativa á Illa de Ons e, dende o Duvi, Emilio Fernández, director do Campus do Mar, reflexiona neste día sobre todas as oportunidades que o océano trae consigo, especialmente na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, “un espazo tradicionalmente ligado ao mar”.

Un océano de oportunidades. Por Emilio Fernández

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal é un espazo tradicionalmente ligado ao mar, que ao longo da historia foi fonte de riqueza e novos retos, como queda patente na súa identidade social e no tecido socioeconómico que se construíu ao redor desta contorna. A relevancia da pesca e o marisqueo, a construción naval, a industria transformadora de produtos do mar, a acuicultura, a tecnoloxía mariña, a calidade e seguridade de alimentos mariños ou o turismo litoral, converte a este territorio nun lugar idóneo para deseñar unha estratexia de especialización intelixente sustentada, prioritariamente, sobre a base da economía do mar.

Apostar polo mar como elemento vertebrador do desenvolvemento eurorrexional non só resulta da súa importancia económica, senón da oportunidade que emerxe da extensa rede de I+D+i mariña existente no noroeste da Península Ibérica. Universidades, organismos públicos de investigación, centros e plataformas tecnolóxicas, numerosos e de calidade, xeran condicións de partida que permiten imaxinar a súa transformación nun polo de xeración de coñecemento de excelencia e atracción de talento de dimensión internacional. Trátase dunha agrupación de I+D formada por máis de 1.400 doutores, cunha produción científica anual da orde do centenar de teses de doutoramento e dous milleiros de traballos de investigación publicados e coa capacidade de mobilizar decenas de millóns de euros anuais en contratos de I+D con empresas.

Os datos obxectivos revelan unha masa crítica, tanto dos sectores produtores de bens e servizos como dos xeradores de coñecemento, máis que suficiente para adquirir peso específico a nivel global neste ámbito. Porén, son aínda importantes as barreiras que impiden que as capacidades existentes no territorio se traduzan na creación dun auténtico polo de innovación en torno ao mar como factor aglutinador e de vantaxe competitiva. Precísanse estruturas complexas, multidisciplinares, pluriinstitucionais e de carácter internacional, que se implanten a través da interconexión de polos de coñecemento e especialización e superen a atomización institucional e a impermeabilidade disciplinar e sectorial, factores estes que, na miña opinión, actúan como auténticas trabas na senda de acadar liderado internacional e impacto significativo no tecido socioeconómico na Eurorrexión.

Coñecer os océanos en profundidade, comprender o seu funcionamento, usar os seus recursos, incluído o territorio, de xeito sustentable ou explorar e desenvolver novos nichos de actividade económica, require, no horizonte das próximas décadas, de unha aproximación holística que albergue baixo o seu paraugas a multitude de disciplinas: desde as enxeñerías ata as belas artes, desde o ámbito xurídico ao científico, desde as humanidades ata a economía. Esta aproximación fomentará as sinerxías entre os diferentes ámbitos do saber e deberá contribuir á exploración e xeración de novo coñecemento nas fronteiras entre as disciplinas, coñecemento do que hoxe nin sequera sospeitamos a súa existencia.

Trátase de deseñar e executar un experimento colectivo de agregación de intelixencia coa finalidade última de atinxir, no eido da investigación e a innovación, o que os nosos devanceiros xa lograron noutros momentos da historia, coñecer e usar racionalmente o mar, e deste xeito contribuír á mellora da calidade de vida dos habitantes deste planeta que, no seu 71 %, é de cor azul.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal