martes 30 de abril de 2013

Co gallo do 1º de Maio

6.202.700 razóns para reivindicar os dereitos dos traballadores. Por Francisca Fernández Prol

| Vigo

A sociedade española ten que enfrontarse a unha realidade non vivida nunca antes: unha taxa de desemprego que supera o 27% a nivel nacional, o 57% cando se fala de menores de 25 anos. Unhas taxas tras as que se agochan historias de "mozos e mozas que teñen vetado o acceso ao mercado laboral", de traballadores e traballadoras cunha ampla experiencia profesional pero "laboralmente desafiuzados" ou expostos "a un poder empresarial cada día máis arbitrario”. Estes son os alicerces do artigo de opinión escrito por Francisca Fernández Prol, profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidad de Vigo, co gallo do Día Internacional dos Traballadores. Experta en salario en especie, folga en servizos esenciais, pluriemprego e pluriactividade, as súas investigación céntranse na actualidade na Política Europea de Emprego, na conciliación da vida persoal e familiar e na igualdade de trato e non discriminación por mor do xénero.

6.202.700 razóns para reivindicar os dereitos dos traballadores. Por Francisca Fernández Prol

Os datos da EPA publicados o pasado xoves sitúannos fronte a unha realidade nunca antes vivida: a taxa de desemprego do Estado Español acadou o 27,16% da poboación activa (o 57,2 % no caso dos menores de 25 anos). Unha taxa, superior incluso á que tivera EEUU durante a Gran Depresión, que agocha frustración e miseria: de mozos e mozas que teñen vetado o acceso ao mercado laboral e consecuentemente truncados os seus proxectos vitais; de traballadores e traballadoras, que a pesares de ter consolidado unha ampla experiencia profesional, son laboralmente desafiuzados, expulsados do mercado de traballo ou, no mellor dos casos, expostos a un poder empresarial, por mor das reformas neoliberais, cada día máis arbitrario.

Pois as reformas laborais (a de 2012, seguida de múltiples axustes en 2013) romperon o equilibrio: en nome dunha intencionadamente malentendida "flexiseguridade", non só introduciron precarísimas modalidades contractuais, senón que ademais dotaron ao empresario dun poder omnímodo para alterar condicións laborais esenciais (mesmo previstas en convenios colectivos) ou proceder a extincións contractuais sumarias e de dubidosa causalidade. As reformas laborais, por definición, non crean emprego, pero sí poden, como é o caso, acelerar a súa destrución e mesmo crear un sistema de relacións laborais á medida da patronal máis insensible, no que, ao debilitamento da posición do traballador no plano individual, súmase o afundimento da negociación colectiva sectorial e con ela o das propias estruturas sindicais.

E tamén nos eidos da Seguridade Social e da Política de Emprego son flagrantes os retrocesos. Para comprender a realidade é imprescindible conxugar a referida taxa de desemprego (insoportablemente alta) co índice (en cambio de tendencia descendente) de cobertura da protección por desemprego: suxeito o acceso ás prestacións a requisitos paulatinamente máis estritos (así sucedeu recentemente no caso dos subsidios para maiores de 55 anos), mingua o colectivo protexido e crece, xa que logo, a pobreza. Pobreza hoxe e pobreza tamén no futuro habida conta as reformas consumadas e previstas en materia de pensións: o desemprego sen dúbida multiplicará os efectos, xa de por si nocivos, dunha remodelación "economicista" e insolidaria do sistema de pensións.

Carencias en políticas activas de emprego

Finalmente, cunhas previsións que para os vindeiros tres anos seguen a situar o paro arredor do 25%, non se encaran ningunha das múltiples carencias en materia de políticas activas de emprego (desaxustes coas políticas pasivas, tensións co entramado privado e infra-atención de colectivos desfavorecidos, entre outras) que, simplemente, parecen deixar de configurarse, en inusitado contraste coas Recomendacións do Consello da UE, como instrumento útil.

Así, as agresións aos dereitos dos traballadores conxúganse coa inercia fronte a crise social: as despiadadas estratexias de austeridade atenden exclusivamente a variables macroeconómicas, co correlativo desprezo ás necesidades reais dos cidadáns (sinaladamente de emprego), confiadas ao máis puro estilo laissez faire, laissez passer ao xogo mesmo dos mercados. Aínda que en planos distintos, enfrontámonos, do mesmo xeito que nos albores do movemento obreiro, aos excesos do capital, ás ansias desmedidas de beneficios dos patróns entón, ás dos "mercados" hoxe. A historia repítese. De cada un de nós depende estar outra vez á altura das circunstancias.

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal