martes 2 de abril de 2013

O profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo analiza para o Duvi o actual panorama laboral

O problema do paro xuvenil en España. Por Alberto Vaquero

A Semana Santa dá un pequeno respiro a unha cuestión que afecta xa a máis de 5 millóns de persoas

| Vigo


5.035.243 parados en España, máis de cinco millóns de historias de afectados por unha crise que destruíu más de 3,2 millóns de empregos no último lustro. A Semana Santa deu un pequeno respiro e o desemprego baixou en 4.979 persoas en marzo, segundo os últimos datos do Ministerio de Empleo, aínda que só o sector servizos notou esa melloría nun problema que en Galicia afecta a 291.187 persoas e que, a nivel nacional, segue a ter entre os mozos e mozas as súas principais vítimas: seis de cada 10 menores de 25 anos non atopan o seu oco no mercado laboral. Alberto Vaquero, profesor da Economía Aplicada da Universidade de Vigo e antigo asesor do Ministerio de Educación e Ciencia e do Consello Económico e Social de España, reflexiona no Duvi sobre as causas que levaron a España a este desolador panorama e os posibles camiños a emprender para saír del. O abandono escolar na época de bonanza económica polo boom inmobiliario, a falta de inversión en capital humano e unha das taxas de temporalidade laboral máis altas de Europa son algunhas das causas que se agochan tras os máis de cinco millóns de nomes anotados no Servicio Público de Empleo Estatal (SEPE).

O problema do paro xuvenil en España. Por Alberto Vaquero

Sen dúbida, o colectivo xuvenil é un dos grupos de poboación que máis está padecendo os efectos da crise económica en termos laborais. Con todo, esta situación non é nova, “chove sobre mollado”. Antes da actual recesión a poboación xuvenil xa presentaba importantes limitacións para atopar un emprego. Así, no último trimestre de 2007 as taxas de desemprego para o grupo de 20 a 24 anos e de 25 a 29 anos eran do 15,3% e 10,4%, respectivamente, fronte ao 8,6% de taxa de paro xeral. No cuarto trimestre do 2012 os diferenciais disparáronse, ata chegar a un índice de desemprego do 51,6% para o grupo de 20 a 24 e do 34,4% para o de 25 á 29, fronte a unha taxa de paro xeral do 26%. Uns datos que permiten cuantificar a gravidade do problema do desemprego xuvenil en España, xa que fenda entre as taxas de paro é cada vez máis elevada.

Cómpre determinar se este comportamento foi similar na Unión Europea dos 27. Segundo os datos para o período 2005-2011 a partires da información de Eurostat, a taxa de desemprego europea rexistra notables incrementos: para o colectivo de 20 a 24 anos pasa do 17,6% en 2005 ao 19,7% en 2011, mentres que para o grupo de 24 a 29 anos, o indicador pasa do 11% ao 12,7%. No caso español a taxas de paro pasaron do 17% ao 42,6% para o primeiro grupo e do 11,2% ao 26,9% para o segundo. Ademais, compróbase como durante o período analizado, as taxas de paro españolas para os dous colectivos aumentan máis do dobre respecto dos resultados europeos cando en 2007 eran practicamente as mesmas. En xaneiro de 2013 a taxa de desemprego para os menores de 25 anos situouse no 24,2% na UE, mentres que en España a cifra acadou o 55,5%, so superada por Grecia (59,4%). O número de mozos desempregados menores de 25 anos ascende a 5,7 millóns en Europa, unha cifra que recolle un aumento de máis de 260.000 respecto a 2012: de cada 100 desempregados europeos, 21 ten menos de 25 anos.

Que razóns explican estes resultados?

En primeiro lugar, detéctanse deficiencias no sistema educativo. As elevadas cifras de mozos desempregados non son unicamente consecuencia da actual crise económica: os altos niveis de paro estrutural da economía española xa mostraban unha situación laboral moi negativa para o colectivo xuvenil cando España estaba en fase expansión económica. En pleno boom inmobiliario moitos mozos decidiron abandonar prematuramente os estudos para comezar a traballar no sector da construción en ocupacións pouco cualificadas pero ben remuneradas. Tralo forte proceso de reconversión do sector, estes mozos atópanse sen emprego e, o que é peor, carecen de formación suficiente para poder acceder a outro tipo de traballo.

Por outra banda, e malia a mellora nos niveis de educación terciaria, a inversión en capital humano en España segue sendo menor respecto á media da OCDE e da UE27. Este resultado non é só desalentador nestes momentos, senón que ata pode ser peor nos próximos anos, xa que a falta de preparación da poboación máis nova vai repercutir a curto prazo nun empeoramento dos indicadores de capital humano dos grupos de máis idade. En España o 48% da poboación ten un nivel de estudos igual ou inferior á etapa preprimaria, primaria e de primeira etapa da educación secundaria, un resultado que contrasta coa media da UE21 (25%) e da OCDE (26%).

En canto ás deficiencias laborais, a que posiblemente teña unha maior influencia é a segmentación do mercado de traballo: supón un peor acceso ao mercado laboral e, cando se consegue un emprego, adoita ser de natureza temporal. Así, a taxa de temporalidade en España (25%) é a segunda más alta de toda a UE27, duplicando o indicador europeo.

En consecuencia non é de estrañar que as altas taxas de temporalidade no emprego que sofren desde fai varias décadas os mozos españois provoquen unha clara inseguridade laboral con repercusións en toda a economía. Podería pensarse que este resultado atenuaríase se se filtrase a taxa de temporalidade polo nivel de estudos, pero mantense, aínda que con menor intensidade. Polo tanto, os nosos universitarios tamén sofren unha alta taxa de temporalidade no emprego.

Ademais do anterior, que dificulta a inserción laboral da xeración mellor preparada da historia de España, hai que ter moi en conta o ciclo económico, as dificultades para adquirir experiencia previa ou a escaseza de resultados dalgunhas das medidas públicas adoptadas para mellorar a capacidade dos mozos para acceder ao emprego.

Que se pode facer?

É evidente que a situación laboral dos nosos mozos debe cambiar. De non ser así, estaríase desaproveitando o seu capital humano, con fortes custes tanto a nivel persoal como de natureza pública polo financiamento da súa educación. Así, pódense sinalar un conxunto de medidas tanto en materia educativa como laboral para mellorar a inserción no mercado de traballo da poboación más nova.

En materia educativa hai que seguir afondando nas medidas para reducir o excesivo fracaso escolar en España. Aínda que a taxa de abandono escolar reduciuse nos últimos anos segue sendo más do dobre que a media europea. En segundo lugar, hai que seguir apostando polos denominados programas de “segunda oportunidade” para mellorar a formación daqueles que abandonan prematuramente os seus estudos. E, finalmente, é preciso fomentar unha maior relación entre os coñecementos impartidos e as necesidades das empresas. Isto é só posible analizando o mercado para determinar o perfil de traballador que demandan os empregadores e deseñando os programas formativos cun maior contido práctico. Algo tan doado como preguntar ás empresas qué tipo de traballadores necesitan implicaría un reducido custe pero permitiría uns bos resultados en canto á colocación dos nosos egresados.

En materia laboral, hai que tratar de reducir a dicotomía entre traballadores “de primeira e de segunda”, unha diferenciación que penaliza claramente aos mozos, que ven como a súa mellor expectativa laboral é encadear sucesivos contratos temporais. En segundo lugar, é necesario garantir aos mozos algún tipo de experiencia laboral e que esta sexa recente, aínda que fora de curta duración. O exemplo francés pode servir como referencia.

En terceiro lugar é vital establecer actuacións activas específicas para os mozos. Cada demandante de emprego debería contar cun orientador que lle preste apoio ata que logre acceder a un posto de traballo. Outra posibilidade é establecer contratos de aprendizaxe e en prácticas que sexan axustados á realidade laboral. O mesmo pódese dicir das bonificacións destinadas á contratación de mozos desempregados.

En cuarto lugar, hai que tratar de territorializar as actuacións en materia laboral para mellorar a inserción dos mozos. O mercado de traballo presenta unhas características específicas a nivel subcentral que moi dificilmente pode conter un programa estatal. Isto precisa especialización das políticas do mercado laboral a nivel municipal, provincial e rexional e, ao mesmo tempo, coordinación de todas as administracións con competencias en traballo.

En quinto lugar son necesarias actuacións públicas no marco das políticas activas de emprego a medio e longo prazo e non unicamente deseños cortoplacistas. Precisamente por iso é necesario, que dunha vez por todas, se avalíe economicamente o funcionamento e os resultados das políticas activas no mercado de traballo. Levamos moitos anos investindo fondos, sen que polo de agora se cuantifiquen adecuadamente os seus logros. Neste sentido, Galicia carece aínda dun análise completo e rigoroso dos resultados das medidas en materia laboral, malia que a maior parte das competencias son xestionadas polo goberno autonómico.

En sexto lugar, bótase en falta unha aposta decidida por fomentar o emprendemento dos máis mozos como alternativa para mellora a inserción laboral. O emprego de por vida é algo cada vez menos frecuente. Unha importante alternativa para saír do pozo do desemprego é o autoemprego. Recentemente aprobouse unha redución das cotas para autónomos a 50 euros para mozos de menos de 30 anos e o establecemento duns contratos de traballo bonificados para a contratación de menores de 30 anos. Esperemos que estas medidas permitan paliar a actual situación.

Finalmente, debemos evitar o erro de apostar por recortes inxustificados nas actuacións públicas tendentes a mellorar as condicións laborais dos más novos nun escenario económico que invita á redución do gasto público co obxectivo incuestionable de reducir o antes posible o déficit público. Unha maior inversión en capital humano, melloras na intermediación laboral, subvencións á contratación e rebaixas das cotizacións sociais correctamente deseñadas, poden mellorar a situación do colectivo xuvenil, tan castigado desde o punto de vista laboral tanto en época de bonanza económica como en situacións de recesión. Mellorar a situación laboral dos máis novos garante non só o seu presente, senón tamén o futuro de todos.
Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal