mércores 20 de marzo de 2013

Por José Manuel Moreno, director da Área de Proxectos Corporativos de Santander Universidades

Universidade e Pemes para facer fronte á crise de emprego

1439 estudantes dos tres campus solicitaron unha das 118 bolsas Santander-CRUE-Cepyme

| Vigo


1439 alumnos inscritos, 1187 deles dos dous campus da provincia de Pontevedra, e 252 de Ourense. Un total de 192 empresas, 126 de Pontevedra e 66 de Ourense. As cifras falan por si mesmas, o interese que o programa de bolsas Santander-CRUE-Cepyme esperta na Universidade de Vigo continúa crecendo e as cifras de solicitudes, tanto do alumnado como do empresariado, dobran as da pasada edición. Mentres no curso pasado ofertábanse 64 bolsas para realizar tres meses de prácticas en empresas da contorna percibindo un total de 1800 euros, para esta nova convocatoria o Banco Santander reservou para a Universidade de Vigo 118 bolsas, disparando tamén o número de solicitudes.

José Manuel Moreno, director da Área de Proxectos Corporativos de Santander Universidades, reflexiona no Duvi sobre a importancia que teñen as pequenas e medianas empresas para facer fronte á crise e sobre os beneficios das sinerxías entre estas e as universidades, como fontes xeradoras de coñecemento e innovación. Moreno destaca que programas como as bolsas Santander-CRUE-Cepyme inciden na inserción laboral dos futuros titulados universitarios e fomentan un primeiro contacto co tecido empresarial, que o 83% dos beneficiarios do programa valoran moi positivamente, tanto no referido ao trato da universidade como da empresa.

Universidade e Pemes para facer fronte á crise de emprego. Por José Manuel Moreno

O dinamismo dunha economía e a súa capacidade de xerar emprego estable e de valor reside na vitalidade e competitividade das súas pequenas e medianas empresas pois supoñen, como sucede na nosa sociedade, o 90% do tecido produtivo e o 70% do emprego.

A dramática situación de desemprego que atravesamos é resultado directo das dificultades e peche de centos de miles de pequenas e medianas empresas, arrastradas entre outras causas polo afundimento do sector da construción, a brusca caída do consumo público e privado, a escaseza de financiamento, así como polo seu insuficiente grao de internacionalización, innovador e de eficiencia produtiva.

Todo isto explica, xunto a trazas estruturais do noso mercado laboral, que o azote do desemprego se manifeste, tamén, con intensidade entre os mozos universitarios. Non hai capacidade empresarial suficiente para xerar emprego.

Unha das debilidades do noso sistema universitario, aínda que con igual fundamento cabería facelo extensivo ao sector empresarial español, é o insuficiente grao de colaboración entre o mundo académico e o produtivo.

Xa pasou o tempo para xustificar o “ensimismamento” institucional da universidade. De confundir o valor da súa necesaria autonomía e liberdade de cátedra e investigación coa defensa dunha visión autárquica e de autosuficiencia.

Tamén, esta crise nos amosa o pouco percorrido que ten a tentación empresarial, demasiado frecuente, de aproveitar o corto prazo, nos tempos de bonanzas, e pospoñer a necesidade de facer sostibles os proxectos.

E sostenibilidade significa, entre outras cousas, estudar as tendencias de fondo e globais das nosas economías, incorporar novo coñecemento á nosa organización, procesos e produtos ou desenvolver e reunir capacidades para saír a competir no mercado exterior.

Unha universidade formadora, creativa, emprendedora e sen fronteiras convértese nun aliado esencial para este novo escenario económico.

Con novos talentos preparados, en coñecementos, actitudes e competencias e con universidades plenamente abertas á sociedade e aos seus axentes económicos e sociais. Sen medo a contaminarse. De que? Se a razón última das universidades é servir a esa sociedade que a rodea.

O programa de bolsas Santander-CRUE-Cepyme de prácticas profesionais para universitarios en pequenas e medianas empresas quere contribuír a ese achegamento entre ambas realidades. Levamos dúas edicións e 7500 bolsas de 1800 euros para períodos de 3 ou 6 meses segundo a dedicación.

No conxunto das universidades españolas foi unha experiencia útil para complementar a formación do universitario recibida nas aulas. O 83% valoraron moi positivamente o trato recibido pola universidade, pola empresa, así como a adecuación do posto ao seu perfil e o 44% deles recibiron unha oferta posterior para seguir vinculado á empresa.

Tamén o foi para as 1570 pemes que acolleron, polo menos, un bolseiro. Para o 48% das pemes participantes era primeira vez que se achegaban á universidade e o 98% declarou a súa vontade de repetir.

Estes provocaron que na convocatoria deste segundo ano (5000 bolsas), fosen case 80.000 os estudantes e 10000 as Pemes que se postularon. Deles, 4457 estudantes solicitantes son galegos e deles, 1439 da Universidade de Vigo para optar a 118 becas nesta Universidade.

Agora tócalle ás oficinas das universidades facer o traballo fino de encaixar perfís de estudantes e postos de traballo.

Este programa de becas, xunto a outros moitos que levan a cabo as universidades, constitúen unha oportunidade excelente para achegar universidades e empresas. Un entendemento estratéxico e necesario para o noso futuro colectivo.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal