luns 16 de abril de 2018

Un grupo de docentes de Ciencias Empresariais e Turismo investiga neste eido

Analizan como a información e as certificacións inflúen na percepción que o consumidor ten do viño

Os primeiros datos recollidos apuntan a que se está disposto a pagar máis cando se ten información sobre o produto

Rosa Tedín | Ourense

Investigadores e investigadoras da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense están a realizar un estudo sobre o efecto da información e as certificacións na percepción que o consumidor ten da calidade do viño. Na investigación, aínda en desenvolvemento, participaron xa arredor de 400 membros da comunidade universitaria ourensá na súa fase experimental. Os primeiros datos recollidos apuntan a que as e os participantes están dispostos a pagar máis cando teñen información previa sobre o produto.

O estudo, que conta con financiamento da convocatoria 2017 de axudas a proxectos de investigación Inou da Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Deputación Provincial, leva por título Evidencia experimental da relación entre prezo de venta e calidade percibida. Implicacións estratéxicas e contables para as denominacións de orixe vitivinícolas ourensás. O equipo que o realiza está formado polos profesores e profesoras Francisco Javier Sánchez, Ernesto López-Valeiras, Mª Beatriz González e María Montserrat Cruz. Sobre a relevancia da elección deste tema de investigación, as e os autores do traballo sinalan como o sector vitivinícola facturou en 2015 en Galicia máis de 200 millóns de euros, acadando a produción de viño na provincia de Ourense preto dos 400.000 hectolitros no ano 2014, cifra que representa máis do 40% da produción de viño de Galicia.

A idea de pór en marcha este estudo, detallan as e os seus responsables, xorde tendo en conta a ausencia de traballos similares e conscientes de que “o esclarecemento de como funciona esta relación botaría algo de luz sobre a difícil tarefa de establecer políticas de prezos acordes ás estratexias seguidas”. Nas estratexias de mercado destes viños, engaden, “o establecemento de políticas adecuadas de prezos é una cuestión fundamental”. Esta determinación do prezo de venda ao público, lembran as investigadoras e investigadores ourensáns, non depende exclusivamente do custes de produción máis unha marxe senón tamén doutros factores relacionados con percepcións e ca dispoñibilidade das e dos compradores a pagar segundo que prezos. “Sempre que os consumidores non podan valorar a calidade dun produto antes da compra, as empresas poden usar unha variedade de ferramentas para sinalar calidade, incluíndo a publicidade e o prezo de venda. Isto implica que a calidade do produto, prezos e publicidade son determinados en conxunto”, afirman.

A importancia da información previa

No estudo levado a cabo desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo abordan as implicacións estratéxicas e contables do prezo de venda na demanda de viño das denominacións de orixe da provincia de Ourense. “Especificamente centrámonos no efecto das certificacións e da información dispoñible na calidade percibida e no prezo máximo que estarían dispostos a pagar”, explorando estas relacións empiricamente mediante a realización de experimentos de cata de viños con manipulación das variables principais na que as e os participantes son catadoras e catadores non profesionais. O estudo comezou analizando o papel que a contabilidade de xestión pode xogar no establecemento de políticas de prezos das adegas e o rol das políticas de prezos na estratexia de nicho aplicable ás adegas ourensás, evidenciándose “a escasa atención dedicada ao estudo da relación entre os custos de produción e o prezo de venta de viño”.

O traballo continuou cunha fase experimental na que participaron estudantes do campus de Ourense de diferentes ciclos e consistiu nunha cata de catro viños ourensáns con distintos certificados. As e os participantes realizaron unha valoración sensorial de cada viño e indicaron o valor máximo que estarían dispostos a pagar por cada un de eles. Ademais, tamén aportaron información ao respecto da importancia dada a determinados atributos a hora de mercar viño. En varios grupos, as e os participantes primeiro cataron os viños a cegas, sen información sobre eles, e fixeron unha oferta para cada un deles. Posteriormente entregóuselle información sobre as certificacións que posuía cada viño e pedíuselle que volvesen facer outra oferta para cada un dos viños. Outros grupos seguiron a orde inversa, recibindo antes da cata información do viño e facendo unha oferta para cada un antes de catalos. Posteriormente cataron os viños e fixeron unha nova oferta para cada un. Os primeiros datos recollidos neste apartado, aínda que provisionais, apuntan a que os importes que as e os participantes están dispostos a pagar polos viños é superior cando teñen a información sobre o viños antes de probalos e que o sabor e o prezo semellan ser os factores máis importantes para as e os consumidores á hora de decidirse a mercar un viño.

A relación co turismo

De maneira paralela a este traballo experimental que continúa, as e os responsables deste estudo están a facer unha investigación sobre o turismo na provincia e as motivacións de viaxe dos turistas, con relación a unha ruta turística fundamentada na temática vinícola. Neste traballo están a facer unha análise das motivacións xerais da actividade turística da clientela potencial das rutas vinícolas das denominacións de orixe ourensás e a comparación coas motivacións turísticas de visita á provincia de Ourense e as motivacións con respecto á visita específica a cadansúa ruta vinícola das denominacións existentes. “Quérese con esta investigación coñecer se a visita á zona é máis por motivacións de turismo enolóxico ou ben existe unha complementariedade con outro tipo de actividades turísticas, xa sexan culturais, rurais, termais, etc”, indican. 
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal