venres 13 de abril de 2018

O director da EE Forestal, Juan Picos, participa na reunión dun proxecto europeo sobre perigos naturais

As zonas queimadas son “máis sensibles a sufrir un novo e máis intenso incendio pasados uns anos”

O investigador abordou no encontro do proxecto 'Net Risk Work' a problemática dos lumes no noroeste peninsular

Eduardo Muñiz | Pontevedra

Incendios forestais, tormentas, inundacións e avalanchas de neve. Estes son os catro focos de análise da segunda reunión de traballo sobre xestión de perigos naturais do proxecto Net Risk Work (Networking for the European Forest Risk Facility Initiative), impulsado polo EU Civil Protection Mechanism que desde este mércores se celebra en Cerdeña. Especialistas na materia e responsables de diferentes servizos de emerxencias participan nestes días nun workshop ao que o director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, foi convidado para falar da problemática social que implican os lumes forestais no noroeste da península. Lumes que á súa vez poden converterse nos “pais dos lumes de mañá”, alertou este experto, quen advertiu neste foro de como un “gran lume” sumado ao abandono dos terreos próximos fai ás zonas xa afectadas “máis sensibles a sufrir un novo e máis intenso incendio pasados uns anos”.

Nese senso, Picos aludiu na súa presentación a que os “grandes episodios de lumes” traen tamén como consecuencia un “incendio en verde”, o abandono de áreas non afectadas, pero anexas ás queimadas, o que “leva a unha homoxeneización do terreo que o fai máis sensible a sufrir un novo grande incendio” pasado o tempo. “Podería dicirse que o lume ten memoria”, engadiu Picos na súa intervención neste encontro, que xunto ás conferencias de Alberto Ferrando, alcalde de Quiliano, e Pablo Forruci, da Fondazione CIMA, e do representante da Forestry Comission británica Rob Gazard, serviron como punto de partida a un dos grupos de discusión do encontro.

O factor humano e comunitario

Dirixido a promover o intercambio de coñecementos e a creación de redes en torno aos catro perigos naturais que centran a reunión, un dos propósitos desta iniciativa é promover unha mellor comprensión de como interactúan estes perigos nun contexto de cambio climático. De aí que o investigador do campus pontevedrés abrise o seu relatorio, centrado no factor humano e no impacto social dos lumes e que prestaba especial atención aos que azoutaron o noroeste peninsular o pasado mes de outubro, incidindo na evolución destes fenómenos. Nese senso, Picos aludiu na súa presentación a como “a tendencia en Galicia” é a unha redución da superficie total queimada nos “episodios máis desfavorables”, citando como exemplos as 200.000 hectáreas que arderon en 1989 fronte ás 90.000 de 2006 e as 60.000 do pasado ano. Mais se ben a superficie total é menor, “a intensidade destes lumes e maior”, afectando cada vez a unha maior cantidade de terreo “en menos días de lumes moi intensos”.

Do mesmo xeito, Picos tamén incidiu na súa intervención na necesidade de prepararse “para grandes incendios en áreas densamente poboadas”, lembrando precisamente o caso dos lumes que afectaron á contorna de Vigo en outubro, e na importancia de traballar en maior medida cos propietarios forestais. “Necesítase unha maior empatía, porque son imprescindibles para unha xestión preventiva do territorio”, engadiu este experto, que tamén achegou a este grupo de traballo información sobre diferentes estudos que amosan “efectos moi duradeiros” destes lumes na saúde das persoas que residente en áreas afectadas.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal