venres 9 de febreiro de 2018

O catedrático considérao “unha honra pola relevancia do problema a tratar”

Xavier Labandeira, invitado a participar como revisor editor no próximo informe de avaliación do IPCC

Centraríase no capítulo 13, dedicado á análise das políticas climáticas nacionais e subnacionais

Mª del Carmen Echevarría | Vigo

Trala súa primeira experiencia seis anos atrás, o catedrático da Universidade de Vigo Xavier Labandeira foi invitado a participar no próximo informe do grupo 3 do IPCC, Grupo Intergubernamental sobre Cambio Climático de Nacións Unidas, centrado na mitigación do cambio climático. Labandeira foi convidado a exercer de revisor editor do capítulo 13 do sexto informe do IPCC, que pretende avaliar o coñecemento científico, técnico e socioeconómico sobre o cambio climático, co obxectivo de prover á clase política e a outros axentes sociais dunha análise en profundidade da cuestión, a partir da que poidan tomar edicións informadas. “Para min é unha honra ser convidado a formar parte da equipa encargada da elaboración do próximo informe de avaliación pola relevancia social e económica do problema a tratar, polo carácter disciplinar e porque todos os participantes fano de forma totalmente voluntaria”, asegura o catedrático da Universidade de Vigo e director de Economics for Energy, que como revisor editor deberá velar para que o proceso de revisión dos distintos borradores teña en conta os comentarios recibidos de expertas e expertos externos e gobernos.

O labor de Xavier Labandeira centraríase no capítulo 13, dedicado á análise das políticas climáticas nacionais e subnacionais. “O capítulo ao que fun convidado a participar ten un especial interese, dada a crecente evidencia sobre a aplicación de políticas climáticas nos distintos países e rexións e pola súa potencial relevancia cara á introdución das medidas que garantan o cumprimento de Acordo de París”, detalla o docente e investigador vigués, que xa participara, como autor principal, no anterior informe de avaliación do IPCC, que foi presentado en Berlín en 2014. Tanto o labor de autor principal, como o de revisor editor, aínda que diferentes, son, segundo Labandeira “igualmente importantes, de feito todos entran no mesmo proceso de selección despois das nominacións. No caso do grupo 3 foron escollidos pouco máis de 200 participantes de case 900 persoas nominados”, explica.

Coñecemento da literatura académica sobre políticas climáticas

A elaboración do sexto informe do grupo 3 completarase en xullo do ano 2021 e na súa elaboración, o catedrático vigués considera que “o meu coñecemento da literatura académica sobre políticas climáticas pode facilitar o meu labor na interpretación dos comentarios aos borradores e o seu tratamento por parte dos autores do capítulo”. Para Xavier Labandeira que un país como España estea presente, a través de docentes e investigadores, na elaboración do vindeiro informe do IPCC é moi relevante, “porque este o grupo reúne á comunidade internacional de expertos en cambio climático e para un país como o noso, que como parte da UE aspira á descarbonización a mediados de século é fundamental contar con participantes neste tipo de institucións”, explica, ao tempo que lembra, que os traballos do IPCC teñen unha clara influencia nas políticas de mitigación e adaptación internacionais ao cambio climático.

O IPCC recibiu no ano 2007 o premio Nobel da paz polos seus esforzos para construír e difundir un maior coñecemento sobre o cambio climático causado pola humanidade e por establecer as bases das medidas que se necesitarán para combater o cambio climático.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal