venres 12 de xaneiro de 2018

Investigadores de Vigo e da UDC analizaron o uso desta rede en Galicia nas eleccións municipais de 2015

Os “partidos tradicionais” xeran en Twitter “comunidades dispersas”

Fronte ao modelo de rede xerada por PPdeG e PSdeG, o BNG articulaba unha comunidade “heterárquica”

Eduardo Muñiz | Pontevedra

Grupos de seguidores e seguidoras que difunden mensaxes e interactúan entre eles e coas contas do partido, o uso das rede social Twitter para a comunicación política xera unha serie de comunidades virtuais de usuarios cunha “elevada polarización” que responden a diversos tipos de estruturas. Así o puido comprobar o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán, quen nun estudo realizado xunto á investigadora da Universidade da Coruña Teresa Piñeiro, analiza a estrutura xerada nesta rede social polas principais formacións políticas en Galicia durante a campaña das eleccións municipais de 2015. Análise que recollen nun artigo publicado na revista El Profesional de la Información, na que amosa como os “partidos tradicionais”, PPdeG e PSdeG, articulan en Twitter “comunidades dispersas”, nas que a interacción coa “conta matriz”, o perfil autonómico, vese complementada por “grupos de usuarios que interactuan co partido de maneira indirecta”, o que é reflexo, explica, “do seu asentamento local e a fortaleza da súa estrutura política”.

Este modelo foi tamén o que definiu a actividade de Podemos Galicia durante estes comicios, aos que non concorreu con candidaturas propias, mentres que formacións como EU e Ciudadanos presentan “redes xerárquicas” na que a relación co perfil da formación é máis directa. O BNG, pola contra, constituíu neste estudo o único caso de “rede heterárquica”, aquela na que se produce unha maior “conectividade” entre as diferentes comunidades de usuarios. Así se recolle nun estudo que se insire na liña de investigación sobre o uso desta rede social por parte das formacións políticas que xa centrara a tese de doutoramento que Martínez Rolán defendeu en 2016 en CCSS e da Comunicación, co profesor Daniel Martí como director, e que foi unha das investigacións recoñecidas pola Universidade co premio extraordinario de doutoramento. “As eleccións municipais son as que temos máis próximas, nas que podemos dirixir aos candidatos ou candidatas de maneira máis sinxela, non obstante son as menos estudadas”, sinala este investigador, que no artigo Lazos invisibles de la comunicación política. Comunidades de partidos en Twitter en unas elecciones municipales, buscaba analizar a rede de relacións que “se tecen arredor dos partidos políticos nun contexto electoral municipal”, a partires da análise de 53.000 chíos publicados entre 0 20 de abril e o 31 de maio de 2015.

Nodos de usuarios partindo da teoría dos grafos

O estudo de Rolán e Piñeiro presentan neste artigo parte da aplicación da teoría dos grafos á comunicación a través de Twitter, de tal xeito que a investigación presenta as contas como “nodos de usuarios” en torno aos que se establecen unha serie de relacións entre grupos de usuarios. A partires de aí, o estudo xera unha malla que permite analizar cuestións como o “diámetro da rede”, en base á distancia entre diferentes grupos conectados indirectamente, a densidade da mesma, en función do volume de actividade, ou o “grao medio de centralidade” e a “modularidade da rede”, que avalían o peso da conta central no conxunto da comunidade e se existe unha división en grupos ou “clústers de usuarios”.

Este último caso é o que define os casos de PPdeG e PSdeG, que articulan o seu discurso desde numerosas contas, dando lugar a redes dispersas que “se caracterizan pola descentralización da información e o peso que adquiren outros colectivos e grupos de usuarios”, algo que, no contexto dunhas eleccións municipais, vese reforzado pola actividade dos diferentes candidatos e agrupacións locais, “que soen liderar subredes de usuarios”, como explica Martínez Rolán, que sinala que, noutro tipo de eleccións, estas estruturas serían diferentes. O PP presenta ademais “a maior rede de usuarios da mostra”, mentres que o PSdeG articula unha “comunidade de gran tamaño” con maior densidade que as dos populares. O do PP é por outra banda o único caso no que se atopa certa interacción coas redes doutros partidos, neste caso para recibir comentarios críticos, xa que polo xeral, explica o investigador “non soe haber comunicación entre elas” e os usuarios e usuarias "adoitan compartir aquilo co que están de acordo”.

Este tipo de estrutura dispersa define tamén o caso de Podemos, que non concorreu co seu nome aos comicios estudados, mentres que a comunicación de EU, Ciudadanos e UPyD defínense polo seu carácter xerárquico, xa que “presentan un fluxo de información vertical dominado polas contas oficiais do partido”, que podería vincularse á “falta dunha estrutura local consolidada”. O BNG, pola súa banda, constitúe o único caso de “rede heterárquica” do estudo, caracterizada “por un fluxo de información descentralizado” no que, apunta Martínez Rolán, “os usuarios interactuan entre eles sen unha dirección establecida”, de tal xeito que podería seguir funcionando “se eliminas a conta matriz”.

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal