xoves 21 de decembro de 2017

Iván Puentes e Paulo Carlos López desenvolveron un método para avaliar ás corporación neste eido

Un estudo de investigadores de Vigo e Ecuador suspende en transparencia a TVE e RTP

Dos 58 indicadores propostos, a cadea española superaba o 45% e a portuguesa o 33%

Eduardo Muñiz | Pontevedra

“Na sociedade actual, a transparencia e case unha palabra máxica”, recoñece o investigador da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Iván Puentes, quen xunto a Paulo Carlos López, investigador galego da Pontificia Universidad Católica del Ecuador, desenvolveu un panel de 58 indicadores dirixidos a avaliar o grao de transparencia das televisións públicas. “Os medios de comunicación públicos desenvolven un papel transcendental á hora de conformar a opinión pública, polo que entendíamos que debían de estar suxeitos á mesma esixencia de transparencia que calquera administración publica”, salienta Puentes dun método de avaliación que aplicaron ás corporacións españolas e portuguesas, RTVE e RTP, a través dunha análise das súas webs- Análise na que TVE lograba superar o 45,7% dos ítems propostos, mentres que a radio televisión portuguesa só acadaba o 33,7%.

Encadrada nas investigacións da rede internacional Xescom, que lidera o grupo Novos Medios da USC e da que forma parte o grupo CP2 da Universidade de Vigo, esta liña de estudo ten como obxectivo principal definir unha “metodoloxía que puideses aplicar para avaliar a transparencia das televisións públicas de diferentes países” co propósito de “crear unha especie de panel que poidamos ir actualizando periodicamente para ver tamén como evolucionan e, sobre todo, para que poidas comparar con criterios obxectivos os seus niveis de transparencia”, relata Puentes dunha análise que centran nos portais web das corporacións, “que son elementos accesibles nos que poder atopar información compilada e estruturada de xeito que permita un fácil acceso”.

Maior grao de transparencia no acceso a contidos, menor no institucional

Estruturado en tres bloques, este panel aborda nun primeiro apartado a transparencia no ámbito institucionalanalizando se os entes recollen ou non información sobre a lexislación que lles é de aplicación, o sistema de designación dos membros dos seus consellos de administración e asesor, as actas das reunións destes órganos e os gastos de representación dos seus membros ou a publicación de informes de rendición de contas ou a existencia dun código. Nun segundo bloque, centrado no eido económico e de infraestruturas, analízase se fan públicas as súas contas anuais e informes de auditoría, a contía que se lles adxudica nos orzamentos do estado, as subvencións e achegas económicas recibidas ou o investimento que realizan en cine ou nos dereitos de grandes eventos. Por último, un terceiro apartado centrado na produción de información e acceso a contidos avalía a presenza de información sobre o comité de redacción, a liña editorial, a existencia ou non dun código ético e dun defensor do espectador, as canles para a participación do público, os datos de audiencia ou os mecanismos de control de calidade.

No caso concreto das televisións española e portuguesa, que Puentes e López avaliaron, xunto á tamén investigadora da Pontificia Universidad Católica del Ecuador Mónica López Golán, na Conferencia Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías da Información, celebrada o pasado verán en Lisboa, ambos entes amosaban un maior nivel de transparencia neste último bloque, no que TVE superaba o 65% dos ítems propostos e a RPT o 53%. No relativo aos indicadores económicos, a corporación española ofrecía información do 42% dos indicadores, mentres que a RTP obtiña o seu “peor nivel de transparencia”, por debaixo do 16%. Por último, ambas amosaban un grao de transparencia similar no relativo á información institucional, con puntuacións do 37% e do 35%, respectivamente, e coincidían tamén á hora de recoller “escasa información” do seu consello de administración e dos seus consellos asesores.

Do 62% ao 45%

Tomando como referencia indicadores de transparencia empregados para avaliar a diferentes administracións públicas e investigacións sobre boas prácticas en materia de comunicación, Puentes e López desenvolveron un primeiro panel de 29 indicadores que, nun artigo publicado na Revista Latina de Comunicación Social xunto ao tamén investigador de CCSS e da Comunicación Xosé Rúas, aplicaban á TVE e a Televisión Nacional de Chile, que obtiñan, en ambos casos, unha puntuación do 62%.

Tras analizar posteriormente, con este mesmo panel as televisións dos países da Comunidade Andina, os investigadores ampliaron, mantendo a mesma estrutura, o número total de indicadores, “sobre todo con aspectos específicos sobre televisión, o que fai que a puntuación que se lles vai asignando descenda”. Nese senso, Puentes incide en que, máis aló do dato numérico, será a comparación con outros países “a que permita valorar cualitativamente como está TVE”, que a pesares de contar "cun portal de transparencia moi bo, observamos que moita da información que hai non é relevante ou está mal estruturada”.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal