mércores 20 de decembro de 2017

Fran Ramil, investigador do proxecto EcoAfrik, representou á institución académica

Investigadores de Ciencias do Mar e do IEO participan en Mauritania en encontros sobre biodiversidade mariña

Presentaron os resultados de varios estudos e analizaron os retos de futuro para a costa do país africano

Duvi | Vigo

Mauritania converteuse neste mes de decembro nun foro de encontro de investigadores e investigadoras internacionais que traballan na conservación da biodiversidade en augas profundas deste país africano. A Universidade de Vigo e o Instituto Español de Oceanografía foron as dúas institucións estatais presentes nos grupos de traballo e nunha xuntanza ministerial, nas que tamén toman parte expertos mauritanos e alemáns, así como varios ministros do país africano.

O grupo de traballo deuse cita no Institut Mauritanien de Recherches Océanographiques et des Pêches (Imrop), en Puerto Cansado (Nouadhibou) co obxectivo fundamental de converterse nun punto de encontro para o persoal investigador da comunidade científica internacional que desenvolve investigacións en augas mauritanas, ofrecéndolles a oportunidade de compartir información, discutir ideas e planificar proxectos futuros. Nesta xuntanza participaron expertos do propio Imrop e doutras institucións mauritanas, xunto con científicos do Senckenberg am Meer, de Alemaña, do Marum (Center for Marine Environmental Sciences) e do ZMT (Leibniz Center for Tropical Marine Ecology) ambos centros pertencentes á Universidade de Bremen, así como de institucións holandesas como o Royal Netherlands Institute for Sea Research (NIOZ). A representación española estivo encabezada polo profesor Fran Ramil, da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo e polas investigadoras Eva García e Ana Ramos, dos centros do IEO de Cádiz e Vigo. Xunto con eles, participou tamén o investigador mauritano Sidi Mohamed, que actualmente realiza a súa tese de doutoramento en Vigo no marco do proxecto EcoAfrik, no que están implicadas estas dúas institucións viguesas. De feito, tanto a Universidade como o IEO teñen realizado numerosas campañas de investigación nesta zona e contan cunha ampla traxectoria na investigación mariña en Mauritania, concretamente nos campos da xeomorfoloxía, oceanografía e ecoloxía, e en particular, no estudo da biodiversidade de augas costeiras e oceánicas.

Ademais desta xuntanza de traballo científico de Nouadhibou, tivo lugar tamén unha reunión no Ministerio de Pesca de Mauritania, na que os equipos científicos puideron presentar aos ministros de Pesca e Educación e aos representantes de Medioambiente e da diplomacia alemá e española, os principais achados científicos realizados ata o momento en relación coa biodiversidade e os hábitats vulnerables do noiro de Mauritania e remarcaron a necesidades de protexelos. De feito, o Imrop traballa na actualidade para ampliar os horizontes da súa investigación e abrir novas liñas de investigación que axuden a facer fronte ás ameazas que actualmente planean sobre os ecosistemas mariños costeiros e profundos, como a sobreexplotación pesqueira, a extracción de gas e petróleo, a perda de biodiversidade e o cambio climático. Así, e paralelamente á convocatoria destas importantes reunións internacionais, este instituto mauritano ten prevista a posta en marcha dun Sistema de Información Xeográfica (SIX) que compile toda a información dispoñible actualmente sobre o seu medio mariño.

Achados das últimas décadas

Como resultado dos proxectos de investigación desenvolvidos na última década, realizáronse importantes achados científicos sobre a complexa morfoloxía dos fondos mariños e os hábitats profundos de Mauritania. Entre eles, unha barreira de montañas de coral que percorre o noiro ao longo de case 600 km, que é a de maiores dimensións descuberta ata a data en todo o mundo, un complexo sistema de máis de 70 canóns concentrados principalmente na zona norte, fronte ao Banco de Arguin, e unha pequena montaña submarina localizada ao sur de Nouakchott durante as campañas españolas Maurit, realizadas a bordo del buque oceanográfico Vizconde de Eza no período 2007-2010.

Na actualidade, o Instituto Español de Oceanografía e a Universidade de Vigo desenvolven o proxecto conxunto EcoAfrik, que ten como obxectivo prioritario o estudo da biodiversidade e os ecosistemas bentónicos de augas africanas, centrándose nos últimos anos na costa de Mauritania. Os principais resultados desta liña de traballo sobre biodiversidade e hábitats de augas profundas, froito de dez anos de estudo de material e información recollida durante as catro campañas Maurit, están compilados nun monográfico que acaba de ser publicado pola editorial Springer, como explican os investigadores vigueses.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal