mércores 20 de decembro de 2017

A Universidade coordina o proxecto europeo Lifetec, dotado con 1,2 millóns de euros

Contra os lumes na Eurorrexión, radares meteorolóxicos e sistemas de comunicación de radio dixital Tetra

Amtega, Meteogalicia, IPMA e Retegal participan na iniciativa, que se prolongará tres anos

Mª del Carmen Echevarría | Vigo

Galicia e Portugal comparten unha fronteira na que, nos últimos anos, se suceden centos de incendios forestais, con efectos devastadores para o medio ambiente e a economía, unha situación, que ademais se ve complicada nalgunhas zonas, nas que a cobertura dos sistemas de comunicacións comerciais é, a miúdo, deficiente. Coa experiencia previa acumulada no proxecto Meiga, centrado no uso das tecnoloxías das comunicacións á hora de detectar e combater os incendios forestais, o Grupo de Sistemas de Radio do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (AtlanTTic) da Universidade de Vigo lidera agora o proxecto europeo Lifetec, no que tamén participan a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (Meteogalicia), o Instituto Português do Mar e da Atmosfera (IPMA) e Retegal.

Lifetec aborda dúas liñas fundamentais de traballo: dunha banda, unha dedicada a diminuír o tempo de detección do lume, mediante radares meteorolóxicos, e outra encamiñada a incrementar a seguridade dos recursos humanos que traballan na extinción de incendios, mediante a localización dos mesmos e a transmisión da súa posición e posibles alarmas por incidencias, a través dunha rede radio con suficiente cobertura nas zonas nas que operan estes efectivos.

“Foi unha iniciativa do noso grupo e contactamos co resto de socios participantes, que responderon positivamente á proposta”, explica Manuel García , docente e investigador do Grupo de Sistemas de Radio, que xunto a Verónica Santalla, lidera o proxecto, que conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros e unha duración de tres anos, de xeito que os primeiros resultados e implantacións en campo están previstos para o ano 2019.

Uso pioneiro dos radares meteorolóxicos na detección de lumes

A achega de datos cunha frecuencia maior e o feito de non verse afectados polas condicións atmosféricas e as nubes, son dúas das principais vantaxes que Verónica Santalla apunta en relación co uso dos radares meteorolóxicos, que ademais utilizan infraestruturas xa existentes, o que significa que os seus custos só están relacionados co desenvolvemento de algoritmos. “Os radares meteorolóxicos non se están a utilizar na detección temperá de incendios. Coa tecnoloxía que se usa actualmente poden detectarse as nubes de fume, pero cando o lume xa está moi desenvolvido, pero a tecnoloxía que nós propoñemos é diferente”, explica Santalla, que sinala que IPMA e Meteogalicia operan en Portugal e Galicia, respectivamente, os radares meteorolóxicos e colaboran coa Universidade de Vigo nesta liña para o desenvolvemento, proba e execución dos algoritmos de detección.

Fronte as vantaxes dos radares meteorolóxicos, as alternativas tecnolóxicas baseadas en redes de sensores son significativamente máis caras e deben desenvolverse desde cero. “Aínda que hai sensores con áreas de cobertura relativamente grande, estes sons máis caros que os sensores con áreas de cobertura pequenas. Ademais existe o custo da rede de comunicación asociada e o mantemento da rede de sensores, que ademais ao estar sobre a superficie, poden ser danados facilmente, especialmente en áreas remotas”, explica a docente e investigadora de AtlanTTic.

Sistemas de comunicacións Tetra, mellor cobertura, entre outras vantaxes

O incremento da seguridade dos recursos humanos que traballan na extinción dos lumes forestais en áreas nas que a cobertura dos sistemas de comunicacións comerciais é a miúdo deficiente, a través do emprego de sistemas de comunicacións Tetra (TErrestrial Trunked RAdio), é outro dos obxectivo do proxecto Lifetec. “Tetra é un estándar europeo de comunicacións móbiles dixitais non comerciais e ao igual que o GSM, que foi o primeiro estándar europeo de comunicacións móbiles comerciais, estendeuse a numerosos países de fóra de Europa”, explica o catedrático Manuel García, en relación con este sistema empregado inicialmente para comunicacións en flotas, como servizos de transporte, pero que na práctica se converteu nun sistema que utilizan numerosos corpos de seguridade.

“Fronte a telefonía móbil comercial, a cobertura é mellor, debido a que se utilizan frecuencias máis baixas. Fronte aos sistemas analóxicos a vantaxe é que a tecnoloxía dixital permite algunhas prestacións adicionais, como o encriptado das comunicacións”, detalla o docente de investigador do Grupo de Sistemas de Radio do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (AtlanTTic) da Universidade de Vigo, que incide na necesidade de que as accións eficientes e coordinadas dos corpos de bombeiros dispoñan de sistemas de comunicación fiables.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal