martes 19 de decembro de 2017

Promovido pola Universidade de Vigo e a Cuemyc, terá lugar en xuño de 2018 no Pazo da Cultura

Un congreso reunirá en Pontevedra máis de 200 especialistas en mediación

O evento busca afondar nos múltiples ámbitos de aplicación desta vía de resolución de conflitos, máis aló do xudicial

Eduardo Muñiz | Pontevedra

Integrada por máis de 40 universidades, a Conferencia Universitaria para el Estudio de la Mediación y el Conflicto (Cuemyc) achegará en xuño do vindeiro ano a Pontevedra tres xornadas de debate sobre esta vía alternativa para a resolución de conflitos e os seus múltiples ámbitos de aplicación, nun furo no que prevé reunir a máis de 200 persoas. Entre o 7 e o 9 de xuño, o Pazo da Cultura acollerá o III Congreso Internacional para o Estudo da Mediación e o Conflito, promovido pola Universidade de Vigo e a Cuemyc, unha rede integrada principalmente por universidades de todo o estado, pero que reúne tamén a institucións de diferentes países de Europa e de América Latina.

“Comezamos o ano pasado coa súa internacionalización e está a ter moi boa acollida”, salientou respecto da expansión dunha rede á que veñen de incorporarse universidades de Chile, México ou Italia a catedrática de Psicoloxía Xurídica do Menor da Universidade Francisca Fariña, presidenta do comité local deste congreso e representante, xunto coa catedrática de Dereito Procesual Esther Pillado, da institución viguesa nesta rede dirixida a promover en todos os ámbitos o desenvolvemento da mediación e a xestión alternativa de conflitos, así como a regulación desta actividade e a formación dos mediadores e mediadoras. Xunto á tamén docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e integrante do comité local Ana Acuña, Fariña presentou esta martes a terceira edición deste congreso internacional ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Educación, Carmen Fouces, nun encontro no Concello. “Agardamos que ao congreso veñan asistentes de América Latina e de todos os puntos do Estado”, salientou Fariña na posterior comparecencia, na que incidiu en que o programa de conferenciantes reunirá tanto a expertos e expertas no eido académico como a profesionais. De feito, entre os relatores xa confirmados, adiantou, figuran tanto o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, como o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes.

Fernández Lores, pola súa banda, puxo o acento no positivo de que Pontevedra sexa a sede dun congreso que “ademais de traer xente á cidade, tamén debaterá temas de grande interese a todos os niveis”, tralo remate dunha reunión na que trasladou ás organizadoras a vontade do Concello de colaborar con esta iniciativa, tanto coa posta a disposición do Pazo da Cultura, como coa organización dunha visita guiada pola cidade para os e as congresistas e a organización dunha actividade cultural complementaria.

Ir máis aló do ámbito xudicial

Máis aló da representación neste congreso no eido xudicial, Fariña salientou como un dos obxectivos do congreso “trasladar á sociedade que a mediación debería ser principalmente extraxudicial”, de aí que entre as súas áreas temáticas figure tanto a mediación familiar, penal, civil ou mercantil, a aplicación desta vía alternativa para a resolución de conflitos en eidos como o escolar, o comunitario e intercultural, xunto coa mediación organizacional, a análise e estudo do conflito, a convivencia e cultura de paz, a xustiza terapéutica e as novas metodoloxías de construción do consenso.

Nese mesmo senso, Fariña incidiu en que “queremos tamén darlle un espazo importante a todo o traballo” que desde a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte se vén realizando no eido da mediación escolar a través da Rede de Escolas Unesco, temática que a organización buscará abordar a través “dun simposio ou dunha mesa redonda”.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal