mércores 13 de decembro de 2017

Segundo conclúe o último informe do centro de investigación Economics for Energy

Solucións para o sector eléctrico e subministro de enerxía á industria, principais retos cara á descarbonización de España en 2050

Recoméndase introducir incentivos económicos e institucionais para fomentar o aforro enerxético

Duvi | Vigo

O cumprimento dos obxectivos de descarbonización establecidos para o ano 2030 é relativamente sinxelo para España baixo escenarios económicos e políticos diversos. Non obstante, acadar un modelo libre de combustibles fósiles en 2050 formula numerosos retos tecnolóxicos, regulatorios, de investimento e de configuración dun mix enerxético eficiente e sostible, entre os que destaca acadar solucións que fagan viable a electrificación e a súa alimentación con fontes renovables en lugar de fósiles, xunto co subministro necesario de enerxía térmica para a industria á marxe do carbón, o petróleo e o gas.

Estas son algunhas das conclusións recollidas no novo informe de Economics for Energy, centro especializado na análise económica de cuestións enerxéticas que conta co soporte das universidades de Vigo e de Comillas, así como varias fundacións e empresas, e no que os investigadores abordan a transición enerxética en España, cunha avaliación económica, ambiental e tecnolóxica dos posibles escenarios para o sector enerxético español entre 2030 e 2050. Os directores do centro, o catedrático da Universidade de Vigo Xavier Labandeira e o profesor da Universidade Pontificia de Comillas Pedro Linares, foron os encargados hoxe en Madrid de presentar o informe no que se detallan as consecuencias económicas, ambientais e tecnolóxicas que implicarían para o sector enerxético español catro escenarios de evolución diferentes: descarbonización, mantemento das políticas enerxéticas actuais, avance tecnolóxico acelerado e estancamento económico a longo prazo.

A electricidade procedente de renovables, protagonista do novo mix enerxético

A descarbonización no horizonte do 2050 implica a desaparición dos combustibles fósiles do mix enerxético español, no que a protagonista absoluta será a electricidade con orixe en fontes renovables. A excepción do escenario no que a redución de emisións é menos ambiciosa, a xeración de electricidade descarbonízase en 2050 grazas ás enerxías renovables (eólica e solar, fundamentalmente), o que implica retos importantes relacionados coa necesidade de axustar a xeración variable á demanda e viceversa, mediante sistemas de almacenamento a gran escala ou co respaldo doutras fontes libres de emisións de CO2.

Neste contexto, a restrición de emisións contaminantes en 2030 pivota en gran medida, apunta o informe, na instalación da nova potencia eléctrica alimentada con gas natural, que, na súa calidade de combustible fósil, non podería seguir existindo no contexto de descarbonización total de 2050. Isto formula importantes retos relativos, tanto á remuneración destes novos investimentos, como ao mantemento dos existentes, o que urxe unha previsión sobre as medidas que permitan corrixir ou reconducir posibles incoherencias deste tipo. No caso da industria e do transporte pesado, o informe sinala que acadar un alto grao de descarbonización implica desenvolver novas tecnoloxías ou abaratar as existentes para proporcionar enerxía térmica de alta temperatura á industria e combustibles para o transporte pesado libres de emisións.

Catro posibles escenarios

Os retos formulados son comúns, en maior ou menor medida, nos catro escenarios contemplados no informe de Economics for Energy. No primeiro deles, o da descarbonización, o proceso de electrificación é intenso, fundamentalmente no transporte e no sector terciario e se en 2030 a nuclear permanece e o gas protagoniza o mix enerxético, en 2050 o protagonismo desprázase ás renovables (eólica e solar), co gran reto de contar con fontes capaces de prover de enerxía térmica á industria.

Nun segundo contexto, caracterizado pola continuidade das políticas actuais ,asúmese dun xeito morno por parte do países o cumprimento dos compromiso do Acordo de París, o que xunto á falta de presión cidadá, traduciríase en España na imposiblidade de acadar un modelo desacarbonizado en 2050. Nun escenario de avance tecnolóxico acelerado grazas á innovación, a economía medra e os custos da xeración de enerxía renovable redúcense drasticamente. A combinación destes factores provoca un efecto rebote sobre a demanda que aumenta de xeito significativo, ata o punto, no caso da electricidade de acadar en 2050 máis do dobre que na actualidade. É por isto que aparece no mix deste escenario a enerxía nuclear, que desaparecería se se ampliasen os potenciais de renovables.

Por último, formúlase o suposto de que se produza un estancamento económico a longo prazo, acompañado dunha menor capacidade de innovación e unha maior desigualdade socioeconómica, xermolo dun contexto político inestable. Neste escenario en 2050 continuaría unha forte dependencia dos combustibles fósiles (o petróleo mantén un 20% da cota) e a contribución das renovables é moi limitada, aínda que a demanda da enerxía e , en consecuencia das emisións contaminantes, reduciríase de xeito mo importante a causa da ralentización.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal