xoves 7 de decembro de 2017

Marta Fernández e Juan Barreiro, alumnos da EE Forestal, afondan no uso cartográfico destas tecnoloxías

Explorando as posibilidades dos drones de baixo custo no eido forestal

O seu proxecto foi recoñecido cun accésit nos premios á innovación da Cámara de Comercio

Eduardo Muñiz | Pontevedra

Un drone comercial e unha cámara de fotos deportiva poden resultar unhas valiosas ferramentas para tarefas como o inventariado forestal ou a xeración de modelos 3D de elementos patrimoniais. Así o amosaron os alumnos da Escola de Enxeñaría Forestal Marta Fernández e Juan Barreiro no seu proxecto Aplicación de UAV cartográfico no ámbito rural e forestal, recoñecido recentemente cun accésit na primeira edición dos premios á innovación forestal que promove a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Partindo dos estudos realizados para os seus traballos de fin de grao, dirixidos ambos pola profesora Julia Armesto, estes dous titulados, que no presente curso completan os seus estudos na escola cursando as materias da especialidade de Explotacións forestais, desenvolveron unha metodoloxía que, mediante o emprego destes dispositivos e dun software pouco explorado ata o de agora en Galicia permite obter “un conxunto de aplicacións” como modelos dixitais do terreo e de superficie, ortoimaxes ou o inventariado dunha masa forestal.

“Trátase dun software que se emprega moito en agricultura de precisión, pero que non está implantado nin optimizado en Galicia e que non se está a utilizar con masas forestais nin con patrimonio, polo que o que intentamos é ver un pouco ata onde podíamos chegar”, explica a titulada e investigadora da EE Forestal Marta Fernández Álvarez, quen abordou o uso destas teconoloxías para a realización de traballos de inventariado forestal, partindo da súa aplicación nunha masa de eucalipto en Ponte Caldelas. Nese mesmo municipio, Juan Barreiro Lages xerou mediante estes dispositivos un modelo en tres dimensións xeorreferenciada da ermida de Santa Comba. En ambos casos, o uso dun drone e dunha “cámara totalmente convencional”, como explica Barreiro, permitíronlles definir uns modelos 3D tanto con baixos marxes de erro nas súas dimensións e xeorreferenciación, de 20 centímetros con respecto á altura das árbores no caso da masa forestal, e de 1,2 centímetros no caso do modelado da ermida.

Nos dous casos de estudo, os traballos partiron dun vo no que a cámara foi configurada para realizar unha fotografía cada segundo que, co apoio dun GPS e “dunha serie de dianas” instaladas no terreo, permitía obter unha información xeorreferenciada coa que posteriormente xerar un modelo en tres dimensións. Unha información que, no casos das masas forestais, permite a través duns “modelos matemáticos,  identificar cada pé e a súa altura e densidade de forma automática”, o que contribuiría a facilitar, por precisión e por supor un menor investimento de tempo e recursos, as tarefas de inventariado que se realizan en masas forestais. No relativo ao ámbito patrimonial, Barreiro pudo xerar modelos tanto do terreo como da propia edificación, “que os escalan e posicionan”, resultados que, como sinala, poden contribuír “á por en valor o moito patrimonio que temos en Galicia, xa que xerar un modelo que che permita ver realmente o que hai facilita moito os traballos de restauración”.

Precisión a baixo custo

“En ambos casos, queda demostrado que podense realizar traballos de enxeñaría con gran precisión, exactitude e competitividade, sen necesidade de realizar grandes investimentos en equipos”, conclúen os responsables dun proxecto que obtivo un galardón de 2000 euros nos premios impulsados, co apoio do Plan Social de Ence, pola Cámara de Comercio a raíz da creación, a comezos de ano, da súa Mesa Forestal, na que está representada a escola do campus pontevedrés. De feito, o recoñecemento económico que obtiveron nun certame no que competiron contra as propostas de diferentes empresas do sector e no que o primeiro premio foi para Jesús Martínez Benz, permitirá a estes dous titulados afondar na idea central dos seu proxecto, a de obter maior aproveitamento posible, para traballos cartográficos, dunhas tecnoloxías “miles de euros máis económicas que os drones profesionais”.

“Nós chegamos a dous produtos finais, pero hai un abano moito máis grande”, salienta Barreiro, quen explica que destinarán o premio á adquisición de novos equipamentos co propósito de “explorar outras posibilidades”, como a adaptación do modelo probado con eucaliptos a outro tipo de masas arbóreas, no caso da liña explorada por Fernández. “En Galicia temos grandes masas forestais para desenvolver este tipo de traballos, polo que a idea é ver o que hai e tratar de melloralo e facelo máis fácil e máis preciso”, engade Barreiro das posibles aplicacións dunhas teconoloxías que, sinala, reducen en gran medida o traballo de campo que sería preciso realizar con medios tradicionais.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal