venres 24 de novembro de 2017

Terán lugar entre os días 12 e 16 de marzo na EE Industrial

A VII edición das JAI reunirá o maior elenco de empresas participantes da súa historia

Incluirá novidades como un espazo de demostración de industria 4.0

Duvi | Vigo

A sétima edición das Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial (JAI), que terán lugar en Vigo o próximo mes de marzo, marcarán un fito na historia deste evento, cun máximo de participación de empresas do sector industrial. Un total de 20 compañías daranse cita entre os días 12 e 16, convertendo esta edición na máis numerosa dende que botaron a andar estas xornadas en 2004 da man do profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática, José Ignacio Armesto. Outra das novidades das JAI 2018, que se celebrarán na sede do campus da Escola de Enxeñería Industrial, será un espazo de demostración de robótica colaborativa, impresión 3D e realidade virtual na que centros tecnolóxicos galegos exporán os seus deseños.

“Sen dúbida, en pleno auxe da industria 4.0, a automatización e a robótica e nunha contorna na que as empresas xa se deron conta de que deben apostar por estas tecnoloxías se queren sobrevivir”, explica Armesto, este evento é “un contexto excepcional para entender, realmente, todo o que rodea a este concepto” e, precisamente, algunhas das firmas que participarán nas xornadas “abandeiran e pilotan” iniciativas neste campo. As 20 empresas confirmadas proceden de Europa, América e Asia e abranguen, practicamente, “todos os ámbitos tecnolóxicos”.

Tendo en conta estes datos, as expectativas de asistencia da organización “son moi elevadas”, principalmente pola inclusión no programa do showroom de industria 4.0 e polo crecente interese que existe por coñecer as tecnoloxías de automatización e robótica. Así, agárdase que se superen os 1000 asistentes da anterior edición e as propias firmas destacan “que non coñecen ningún outro evento cunha participación tan masiva nun programa de conferencias técnicas”.

Unha ponte entre industria e Universidade

“No espírito das JAI estivo dende o principio perseguir o achegamento entre o mundo empresarial, o educativo e o institucional”, explica Ignacio Armesto. Con este obxectivo, naceron hai máis dunha década estas xornadas, buscando, asegura o profesor, fórmulas alternativas para conseguir que, ao longo do curso, o alumnado escoite que é o que se van atopar cando aterren no mundo laboral.

Nesta edición, coa posta en marcha do espazo demostrativo Showroom Industria 4.0, destaca que á diferencia doutras feiras tecnolóxicas, “facilitamos ao máximo que os e as estudantes teñan ocasión de coñecer tanto aos propios fabricantes dos produtos como ás empresas que son os seus clientes locais, os que nun futuro próximo lles ofrecerán un posto de traballo”. O obxectivo, polo tanto, é que “estudantes, fabricantes e usuarios profesionais poidan interactuar nun contexto tecnolóxico e universitario”.

Programa das xornadas: 35 horas de presentacións técnicas

O programa, que comprende máis de 35 horas de presentacións técnicas e relatorios, abordará temas como robótica colaborativa e sensitiva, robótica móbil, seguridade industrial, a análise de datos, a ciberseguridade, Ilot (Internet industrial de las cosas), xemelgo dixital, mecatrónica, big data, intelixencia artificial, comunicacións wireless ou eficiencia enerxética. Para isto, contarase con preto de 50 poñentes procedentes de diferentes cidades e países, que presentarán as principais novidades e tendencias do sector.

A gran maioría de empresas que participan nesta sétima edición das JAI son multinacionais con presenza en España, algunhas delas presentes nas JAI dende a primeira edición, como Phoenix Contact, Rockwell Automation, Schneider Electric e Siemens e outras de recente creación como Universal Robots ou MiR. “A maioría son compañías moi asentadas no tecido industrial” que abandeiran o terreo da automatización e “adoitan estar presentes en feiras tan prestixiosas como a Automática en Münich ou SPS IPC Drives de Nüremberg”, explica Armesto. Ademais, no programa de relatorios estarán presentes compañías doutros sectores que dependen da automatización no seu proceso produtivo. Entre elas, PSA Peugeot Citroën, que presentará as innovacións relacionadas coa industria 4.0 que aplican na factoría viguesa; Repsol, que amosará as novas técnicas do proceso químico que empregan, por exemplo, na refinaría da Coruña; e Navantia, que dará a coñecer o seu proxecto ‘Astillero 4.0’, no que utilizan técnicas de realidade virtual no deseño dos seus produtos. Tamén participarán nos relatorios representantes de centros tecnolóxicos como CTAG, Gradiant ou Aimen, que exporán os proxectos de investigación nos que están traballando na actualidade relacionados con este tipo de industria.

Esta posta en común das últimas novidades no eido da automática industrial trae consigo, segundo o profesor Armesto, numerosos beneficios para todos os axentes implicados. “Para as empresas supón unha oportunidade para darse a coñecer ante o alumando e ante o profesorado”, e ademais, “actúan como embaixadores do potencial da Universidade ante os seus clientes”. En consecuencia, o organizador das xornadas considera que dispor dunha feira con estas características tecnolóxicas en Vigo “é un luxo ao que non debemos renunciar”.


As xornadas poderán seguirse tanto de xeito virtual como presencial, neste último caso o prazo de inscrición remata o 12 de febreiro.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal