martes 14 de novembro de 2017

A curta recolle os resultados dun estudo multidisciplinar liderado pola Universidade de Stanford

Un novo vídeo de Divulgare explica como a diversidade de mamíferos inflúe no ciclo de carbono na Amazonía

Duvi | Vigo

A comunidade científica xa sabía que a diversidade vexetal inflúe nas reservas de carbono e axuda a mitigar os efectos do cambio climático. O que apenas se tiña estudado é se existe un impacto similar producido pola diversidade animal. Por iso, un equipo multidisciplinar de científicos de varios países, liderados pola Universidade de Standford, puxo en marcha un proxecto na Amazonía no que contaron co coñecemento ancestral de indíxenas das tribos Makushi, Wapishana e Wai-Wai de Güiana. Ao longo de tres anos realizaron un censo da vida nunha rexión de cinco millóns de hectáreas, identificando máis de 218.000 mamíferos, 46.000 árbores, 43.000 interaccións entre especies e un millón de restos orgánicos. As conclusións amosan que a diversidade de mamíferos inflúe no ciclo de carbono mediante interaccións tróficas nesta zona.

Os resultados do estudo recóllense no novo vídeo do grupo Divulgare, do Laboratorio de Ecoloxía e Evolución de Plantas da Universidade de Vigo, dirixido polo profesor Luis Navarro. Nesta curtametraxe de animación, dispoñible en inglés, francés e español, explícase que os bosques con maior diversidade de plantas e tamén de animais son máis eficaces en capturar recursos e producir biomasa, polo que os investigadores consideran “ imprescindible poñer atención na biodiversidade dos nosos bosques”.

Os resultados obtidos en Güiana

Na nova curtametraxe de Divulgare explícase que o carbono é un elemento esencial para a vida no planeta terra pero a súa presenza no solo é o dobre da que hai na atmosfera e tres veces máis co da biosfera. “Temos información sobre o intercambio de carbono entre a atmosfera e as plantas, pero pouco se coñece sobre a dinámica do carbono nos solos e case nada sobre a contribución de animais vertebrados a este ciclo en ambientes tropicais”. Este foi o punto de partida do proxecto de investigación internacional, estudar no bosque tropical do sur de Güiana, a concentración de carbono nos solos. Os resultados amosan que, ademais de estar relacionada positivamente coa diversidade de árbores, está tamén fortemente influenciada pola diversidade de mamíferos. Segundo se recolle no vídeo, “a diversidade de mamíferos carnívoros, herbívoros e fruxívoros ten influencia na concentración de carbono nos solos de bosques tropicais mediante a achega de cadáveres, excrementos e restos de plantas como froitos ou sementes que manipulan estes animais e rematan finalmente no chan” e, polo tanto, “unha maior diversidade de mamíferos está relacionada cunha maior concentración de carbono no solo e, deste xeito, os bosques tropicais cunha alta diversidade de árbores e mamíferos serán máis eficaces en capturar recursos e producir biomasa”. A perda desta biodiversidade, remárcase, pode afectar ao ciclo de carbono e á retención de carbono na biosfera con consecuencias negativas para o ecosistema. Segundo os científicos, é preciso ter en conta esta información para fomentar a cooperación entre a actividade humana e os servizos xerados pola natureza tan transcendentais como a mitigación do cambio climático.

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal