xoves 9 de novembro de 2017

A Casa das Campás acolle ás xornadas 'EcocríticAs'

Palabras e imaxes fronte á explotación da muller e da natureza

Unha performance e unha instalación creada con materiais de refugallo completan os coloquios da xornada

Eduardo Muñiz | Pontevedra

Partindo da idea de que “vivimos nun sistema que explota con mecanismos semellantes á muller é a natureza, no que se naturaliza á muller e se feminiza á natureza, pero sempre cun ánimo utilitarista”, o proxecto de investigación Eco-ficcións: discursos emerxentes sobre mulleres e natureza en Galicia e Irlanda, ten como propósito, como sinala a súa coordinadora, a profesora da USC Manuela Palacios, atopar novos discursos que aborden esa relación muller-natureza. Co propósito de ir máis aló do ámbito literario, as responsables deste proxecto, no que participan investigadoras das tres universidades galegas, promoven este xoves na Casa das Campás, xunto coa Asociación Galega da Crítica e o proxecto Green Campus, unha xornada de debate que busca ir máis aló da palabra para achegarse a ámbitos como a arte, a fotografía ou o audiovisual.

“O importante desta xornada é que nos permite abrirnos a outras especialidades, porque precisamos comparar tanto desde un punto de vista crítico como desde o punto de vista da creación que se está a facer agora, para ver se hai discursos novos, emerxentes”, engade Palacios dunha iniciativa inserida neste proxecto financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade. De aí que o título desta xornada fose o de Eco-criÍticAs: palabras e imaxes, como salienta tamén Natalia Poncela, da Asociación Galega da Crítica. “Trátase de atender outras áreas e, ao mesmo tempo, crear espazos de encontro con este tipo de propostas”, salienta esta crítica de arte.

O propósito, engade Palacios, “é abrirnos á produción cultural, ir alén da literatura”, nunha busca de interdisciplinaridade que contribúa a ver como se aborda esa relación en diferentes disciplinas. Nese senso, a coordinadora dese proxecto pon de relevo o interese que teñen “para a cuestión ecocrítica”, aqueles discursos que abordan “a extensión do corpo, xa non exclusivamente humano, senón fusionado co animal”.

Poesía e imaxes, arte e palabras

Dúas obras que combinaban poesía e fotografía, Papagaio, de Luisa Villalta, e Tigres coma cabalos, de Xela Arias, foron nese senso o eixo do primeiro coloquio das xornadas, no que o discurso destas dúas poetas, xa falecidas, foi abordado polos filólogos Xosé María Álvarez Cáccamo e Chus Nogueira. A continuación, o debate pasou a centrarse no mundo da arte, da man da catedrática da Facultade de BBAA Yolanda Herranz e da artista e investigadora Celeste Garrido, que afondaron nas liñas de investigación do grupo ES2, nun coloquio que se viu precedido por unha performance dirixida por Herranz, na que participaron tamén varias das poñentes.

Titulada (el)Arte es Arte, a intervención parte da selección por parte de Herranz de máis de 1000 verbas que permiten construír coas súas iniciais a palabra arte, coas que once persoas realizaron “unha recitación de versos de catro palabras”, que achegaban “elementos de cualificación e de definición” respecto dos significados da verba que compuñan as súas iniciais. “Ao fina a voz queda como unha especie de mantra no que perdes incluso a significación dos termos e só queda a sonoridade”, salientou Herranz dunha proposta que se viu complementada pola exposición de obras de diferentes disciplinas, realizadas por sete creadoras e investigadoras do grupo ES2, emprazadas en diferentes puntos da sala de conferencias, xunto cunha videocreación de Sonia Tourón na planta baixa.

Arte e reciclaxe

Cunha mesa dirixida a afondar no eido da videopoesía, na que participan as poetas Celia Parra e Antía Otero continúa esta tarde un debate que, da man do proxecto Green Campus, deterase por último nas relacións entre a arte e a reciclaxe, nun coloquio no que toman parte o profesor de BBAA Javier Tudela e o artista e egresado Alberto Santos, Ash, quen tamén presentará na sede da Vicerreitoría a súa instalación DL Track 3, na que viu traballando nos últimos días xunto con Tuedela. “Trátase dunha revisión dunha instalación que fixen primeiro en Vigo para logo levala a unha exposición en Los Ángeles” o pasado verán, explica este artista dunha creación na que, empregando principalmente cartóns recollidos do lixo, constrúe unha estrutura pola que circula un coche teledirixido producindo unha serie de sons “que ao circular pola superficie se amplifican e se modulan a través de pedais de efectos”.

Inspirada de feito no uso masivo do automóbil nesta cidade americana, Santos enmarca a súa proposta nunha liña de traballo con materiais de refugallo “aos que empecei a buscarlle novos usos, pero non desde o punto de vista da reciclaxe, senón de reempregalos para de intentar crear de forma consciente e sustentable”, sen que para a produción artística “sexan necesarios materiais nobres ou grandes procesos”.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal