mércores 8 de novembro de 2017

Nunha nota elaborada polo seu Observatorio Municipal de Galicia

A Rede Localis destaca o “endebedamento moi baixo” das deputación provinciais galegas

Destacan os axustes en persoal e nos gastos tanto financeiros como correntes en bens e servizos

Duvi | Ourense

“As deputacións provinciais galegas presentan un endebedamento moi baixo, mesmo nos anos de recesión económica constátase importantes superávits orzamentarios. A tendencia nos últimos anos foi dunha redución moi considerable da débeda viva das entidades provinciais”. Este mércores a Rede Localis, a Rede de Administración Local potenciada desde o Grupo Gen da Universidade de Vigo, vén de facer pública, ao abeiro dun acordo de colaboración coa Deputación Provincial de Ourense, unha nota do seu Observatorio Municipal de Galicia centrada na análise orzamentaria e fiscal das deputación provinciais na comunidade autónoma.

Segundo indican desde esta rede, en decembro de 2015 había dúas deputacións provinciais, as da Coruña e Lugo, sen débeda viva, sendo en decembro de 2016 a débeda viva da Deputación de Ourense de 19,8 millóns e a de Pontevedra de 27 millóns. “Constátase un importante axuste nos orzamentos provinciais no capítulo de persoal, gasto corrente en bens e servizos e en gastos financeiros. O mesmo sucede cos investimentos de capital e transferencias de capital”, sinalan desde Rede Localis. Paralelamente, engaden, as entidades provinciais “veñen dedicando máis fondos á amortización de préstamos solicitados, o que implica un maior saneamento orzamentario”.

Reparto do orzamento e capacidade fiscal

A maior parte do orzamento das deputacións provinciais, detállase na nota, destínase a actuacións de carácter económico (30%), especialmente en infraestruturas (21,5%); produción de bens públicos de carácter preferente (12,8%), especialmente en cultura (6,2%), deporte (4,4%) e educación (1,9%); actuacións de protección e promoción social (12,7%), sobre todo en servizos sociais e promoción social (6,6%) e fomento do emprego (4,1%) e, finalmente, en servizos públicos básicos (9,2%), especialmente en benestar comunitario (3,7%) e vivenda e urbanismo (2,6%).

“A capacidade fiscal propia das deputacións provinciais é moi limitada, dado que non teñen impostos propios nin cedidos. Isto xera unha clara dependencia económica das transferencias correntes, en especial de natureza estatal que supera o 74% de todos os seus ingresos”, explican desde a Rede Localis. Por provincias, apuntan, hai algunhas diferenzas, tanto no orzamento manexado, que depende en gran medida da poboación de cada provincia e da participación nalgúns tributos, en especial o IRPF e o IVE, como na distribución das partidas. O gasto por habitante, sinalan, é maior naquelas deputacións, como Ourense e Lugo, de menor número de habitantes.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal