mércores 8 de novembro de 2017

Traballa na resolución de problemas medioambientais vinculados a recursos hídricos degradados

Bioauga inicia unha nova andadura orientada ao coñecemento e á innovación

A rede está integrada por máis dun cento de investigadores das tres universidades galegas

Duvi | Vigo

Segundo confirma a Organización Mundial da Saúde, o 80% das enfermidades do mundo están relacionadas co consumo de auga contaminada, que mata máis nenas e nenos que todos os conflitos bélicos, a malaria e o VIH/SIDA xuntos (máis de 1,5 millóns ao ano). Creada en 2013, a rede Bioauga celebraba nas últimas horas no edificio de Ciencias Experimentais do campus vigués unha xuntanza de apertura que marca unha nova etapa na traxectoria da rede, na que participan 11 grupos e máis de 100 investigadores e técnicos de laboratorio das tras universidades galegas. “Nesta nova andadura a rede segue a liña marcada pola Estratexia de Lisboa, orientada cara ao coñecemento e á innovación, con particular énfase na investigación e no desenvolvemento tecnolóxicos no ámbito da sostenibilidade ambiental e a eficiencia enerxética arredor da auga”, explica Jesús Torres, docente e investigador do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo.

Dos 11 grupos que integran Bioauga, sete pertencen á Universidade de Vigo (Física Aplicada; Equipo de Bioprocesos, Enxeñaría Química; Térmica e Medioambiental; Electroanálises e (Bio)sensores; Laboratorio de Termofísica; Química Analítica e Microbioloxía); dous á Universidade de Santiago de Compostela (Hixiene, Inspección e Control de Alimentos e Nanomateriais, Fotónica e Materia Branda) e outros dous á Universidade de A Coruña (Terapia Celular e Medicina Rexenerativa e Mesturas).

Un espírito multidisciplinar que unifica liñas de traballo

Bioauga naceu cun espírito multidisciplinar unificando o traballo de distintos grupos de investigación das universidades galegas con liñas de actuación centradas na auga e a enerxía, en ámbitos como a biorremediación, desinfección, microalgas, bioenerxía, enerxía sostible, calidade das augas e seguridade alimentaria. “O propósito da rede é tratar de avanzar na resolución da problemática medioambiental vinculada aos recursos hídricos degradados no territorio e á problemática da desinfección de augas termais, potenciando o aproveitamento do residuo de biorganismos con fins enerxéticos, utilizando enerxía sostible nos procesos de crecemento e extracción de biomasa”, detalla Torres, que sinala que traballar nesta liña permitirá avanzar en evitar a perda da biodiversidade , loitar contra distintos tipos de contaminación, degradación de espazos naturais e paisaxes, erosión e desnaturalización do medio ambiente mariño e costeiro e deterioro da calidade da auga.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal