mércores 7 de marzo de 2018

Co obxectivo de intensificar e ampliar o soporte á investigación

Ponse en marcha unha área de bibliometría para medir a produción científica da Universidade

Presentada este mércores por responsables da Biblioteca, o vicerreitor de Economía e o catedrático Domingo Docampo

M. Del Río | Vigo

Analizar o impacto e a visibilidade das publicacións, identificar as revistas axeitadas para cada artigo científico, avaliar as tendencias do coñecemento e as revistas máis citadas... A bibliometría permite medir diferentes aspectos da literatura científica e contar cun servizo específico para este obxectivo supón un salto de calidade para as institucións académicas. Nesta liña, a Universidade de Vigo vén de poñer en marcha unha Área de Servizos Bibliométricos, que foi presentada este mércores e que servirá para intensificar o soporte á investigación.

Trátase dunha unidade creada para medir a produción científica da institución e para asistir e orientar aos grupos de investigación da Universidade respecto ás publicacións científicas con recoñecemento académico internacional. Gerardo Marraud, director da Biblioteca Universitaria, entidade da que depende este novo servizo, explicou que, aínda que a forma tradicional de entender as bibliotecas centrábase na lectura, “dende hai uns anos estamos a interesarnos por intervir na escritura, no noso caso na escritura da ciencia”, axudando ao persoal investigador a elixir onde publicar, a avaliar a súa produción científica, a xestionar as citas e referencias bibliográficas e, máis recentemente, a difundir os seus traballos en acceso aberto. “Neste eido da escritura da ciencia nacen precisamente estes servizos de apoio bibliométrico que hoxe presentamos”, engadía. A posta en marcha desta unidade converte á institución viguesa nunha das primeiras universidades de España que ofrece esta opción á súa comunidade universitaria.

Pola súa banda, o vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García, destacou que a posta en marcha deste servizo “é un exemplo do cambio que experimenta a Universidade coa posta en marcha da nova Relación de Postos de Traballo e da adecuación do cadro do persoal ás necesidade actuais e futuras da institución; vai ser unha ferramenta moi útil para orientar os esforzos de publicación do persoal investigador”. Para o catedrático Domingo Docampo, especialista en bibliometría e ránkings, “estamos a ver como agroma o mundo da bibliometría dun xeito institucional dentro das universidades españolas, sobre todo nos últimos dous anos” e engadiu que, no caso de Vigo, o servizo vai ocupar o seu lugar natural, na Biblioteca Universitaria. Docampo destacou a utilidade que suporá para investigadores e investigadoras e para os equipos de goberno, xa que lles permitirá contar con datos, estatísticas e informes necesarios para ránkings, convocatorias, acreditacións, certificacións, etc.

A responsable desta nova área será Ana Martínez, xunto con Héctor Castro, xefe da Sección de Soporte á Aprendizaxe e á Investigación, lembraron que este servizo é herdeiro da Sección de Referencia e apostaron por continuar co traballo realizado de formación e soporte á investigación, facendo agora especial fincapé na elaboración de informes bibliométricos para investigadores ou vicerreitorías

Primeiros informes

O traballo que se realice dende esta área visibilizarase a través de Impacto, un boletín no que se recollerán os estudos e análises bibliométricos periódicos así como aqueles puntuais que sexan de relevancia pública. Esta semana publicarase o número 0 deste boletín, como explicou Ana Martínez, que “está dispoñible en formato dixital na web da Biblioteca Universitaria”. Na súa estrea presenta unha análise da presenza da Universidade de Vigo no Google Académico dende unha perspectiva de xénero. Para iso partiuse do ranking das 5000 persoas de España nesta ferramenta co índice H máis elevado, 54 delas pertencentes á Universidade de Vigo. Os datos amosan unha maior presenza masculina (83%), pero esa diferenza é menor no caso da Universidade de Vigo (69%) e tamén reflicte que o promedio de citas recibidas polos homes é maior que o promedio recibido polas mulleres, tanto na Universidade de Vigo como no conxunto de España.

Outro informe bibliográfico xa elaborado, en colaboración co catedrático Domingo Docampo, aborda as publicacións científicas da Universidade de Vigo no contexto das universidades do suroeste europeo e conclúe que “aínda que Vigo está no sitio que agardabamos, temos que tomar exemplo das universidades portuguesas, que a pesar da crise e dos recortes, teñen unha posición cada vez máis recoñecida”, explicaba o docente. Outros estudos realizados pola área ocúpase de avaliar as publicacións científicas de acceso de aberto da Universidade de Vigo e das medidas para mellorar o posicionamento das revistas editadas polo Servizo de Publicacións, agora integrado tamén na Biblioteca Universitaria.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal