venres 9 de febreiro de 2018

No II Encontro Bilateral entre ambas institucións asinouse a creación dunha Aula Confucio en Vigo

As universidades de Vigo e León reforzan lazos de colaboración en docencia, emprego e emprendemento

Intensificarase a colaboración no eido aeroespacial, en mobilidade e en mecenado

Duvi | Vigo

Titulacións conxuntas, fomento do emprego e o emprendemento, mecenado e reforzo do polo aeroespacial son algunhas das vías de colaboración que as universidades de Vigo e León intensificarán nos vindeiros meses. Así o acordaron os reitores e os equipos de gobernos de ambas institucións no II Encontro Bilateral celebrado este venres. Ao abeiro desta cimeira, os reitores de Vigo, Salustiano Mato, e de León, Juan Francisco García, asinaron tamén un convenio de colaboración para a creación dunha Aula Confucio en Vigo, que ofrecerá cursos e exames oficiais de acreditación de chino mandarín.

A aula créase ao abeiro do Instituto Confucio da Universidad leonesa, que será o encargado de seleccionar os docentes voluntarios e de facilitar os materiais docentes, que será enviados pola Oficina Central do Instituto Confucio, Hanban. A aula estará ligada ao Centro de Linguas da Universidade de Vigo ata que se conte coa sede institucional no Berbés e será entón “cando se poida dar o salto cualitativo a esta aula e a outras da Universidade, non só de idiomas senón doutos eidos”, explicou o reitor vigués. Salustiano Mato, que comparou o papel do Instituto Confucio co do Instituto Cervantes ou o Camões para as linguas española e portuguesa, remarcou que os cursos estarán abertos a toda a comunidade universitaria e á cidadanía en xeral e “permitirán ampliar a oferta de idiomas no noso Centro de Linguas”. Pola súa banda, o reitor de León reafirmou a importancia de colaborar con outras universidades e explicou que se trata da “primeira aula que se abre fóra de Castela e León”. O alumnado da Aula Confucio poderá beneficiarse de bolsas de mobilidade para estudar en China, concursos, actividades culturais, campamentos de verán de lingua chinesa, ciclos de cine, exposicións, cursos de caligrafía, relatorios, etc. que organice o instituto leonés. Ademais, o estudantado poderá realizar en Vigo os exames oficiais de nivel de acordo cos requisitos fixados por Hanban e Chinese Test. O Instituto Confucio creouse ao abeiro do Ministerio de Educación chinés para promover o ensino do idioma, a formación de profesorado e a promoción de actividades e intercambios educativos. Tras a apertura da súa primeira sede no estranxeiro en 2004 foi crecendo ata estender aos cinco continentes en menos de dez anos, estando presente na actualidade en máis de 120 países.

Enxeñaría aeroespacial, mobilidade con Albania e Túnez e Finde.U

Ao longo da mañá celebráronse varias mesas de traballo paralelas, nas que participaron membros dos equipos de goberno e persoal docente e investigador de ambas institucións. Nestes encontro sectorial debatéronse posibles vías de colaboración en eidos como titulacións e captación e talento, especialmente no campo da enxeñaría aeroespacial cun posible mestrado conxunto. Neste sentido, Salustiano Mato remarcou a “irmandade que existe entre as nosas escolas de enxeñaría aeronáutica e do espazo”, e subliñou que se trata de aproveitar a oportunidade de “desenvolver unha cooperación intelixente que nos permita ter un núcleo académico forte que sexa referente para Europa dende o noroeste español”. Nas sesións de traballo tamén se abordou a captación de recursos e internacionalización universitaria, a través de convocatorias e proxectos, poñendo en marcha dúas novas iniciativas con Albania e Túnez, e avanzouse no eido do mecenado e a proxección pública internacional. Outro dos temas centrais foi a colaboración a través dos proxectos de especialización dos campus como o Campus Crea, con especial peso do mundo forestal e do deporte, o Campus da Auga e o Vigo Tecnolóxico.

O reitor leonés explicou que outro dos acordos servirá para optimizar o proceso de recoñecemento mutuo de titulacións e de materias para facilitar os traslados de estudantes e de docentes e apuntou que a experiencia de Vigo no eido do emprego e do emprendemento é “un bo exemplo e para nós”. Neste sentido, Mato anunciou que a presenza da Universidade de León na Feira Internacional de Emprego Finde.U que organiza Vigo con institucións portuguesas, “aumentando así o espazo de colaboración para o emprego universitario a Castela e León”.

Os representantes da Universidad de León tamén puideron coñecer de preto as infraestruturas de investigación e innovación do campus vigués, visitando o Cacti e o Cinbio, e as instalacións relacionadas co emprendemento como os espazos de preincubación de Incuvi ou as sedes de spin-offs en Citexvi como Nanoinmunotech, Imatia, o Centro Tecnolóxico Energy Lab e o Laboratorio Europeo de Referencia en Biotoxinas Mariñas.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal