xoves 8 de febreiro de 2018

Ese día tamén se celebraran as eleccións a membros do Claustro

A comunidade universitaria elixirá o 23 de abril o seu novo reitor ou reitora

O calendario electoral arrancará o 15 de febreiro coa publicación dos censos provisionais

Mª del Carmen Echevarría | Vigo

A Comisión Electoral acordou hoxe que a votación para a elección de quen será o sexto reitor ou reitora da Universidade de Vigo terá lugar o luns 23 de abril, data na que tamén se celebrarán as eleccións a membros do Claustro. A Comisión aprobou este mediodía por asentimento os calendarios de ambos os dous procesos, que arrancarán a vindeira semana, concretamente o día 15 de febreiro, coa publicación dos censos provisionais e remataría o 27 de abril, coa proclamación definitiva de resultados. No caso da elección do reitor ou reitora, se houbese que realizar unha segunda volta, a votación tería lugar o 30 de abril e a proclamación definitiva de resultados faríase o 7 de maio.

Os calendarios aprobados hoxe fixan para o 1 de marzo a publicación dos censos definitivos. Entre o día 2 e o 8 do mesmo mes está fixado o prazo de presentación de candidaturas, cuxa proclamación definitiva está prevista para o día 23. O 3 de abril terá lugar a presentación do equipo e das liñas xerais do programa de cada candidato ou candidata a reitor ou reitora e entre os días 4 e 19 de abril desenvolverase a campaña electoral. Ao día seguinte celebrase a xornada reflexión e o luns 23 de abril as votacións. “O calendario está moi axustado porque se busca, no caso de que haxa unha segunda volta, que encaixe no período fóra de exames, precisamente para intentar que todo o colectivo de alumnado poida participar”, asegura Gloria Pena, secretaria da Comisión e secretaria xeral da Universidade, mentres que o presidente da Comisión Electoral e vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández, tamén sinala que “a idea, con este calendario é que o equipo reitoral que saia da eleccións asuma un curso xa pechado, pero con tempo suficiente para preparar o inicio do seguinte”.

Reclamacións ao censo por vía telemática e máis participación do PAS nas mesas

Na sesión, na que o debate se centrou nun principio, en por que o proceso se fai polos estatutos vellos e non polos novos, “a resposta é que porque sendo o prazo para a entrada en vigor dos novos estatutos tan longo, crearíase unha situación de interinidade no goberno da Universidade que non está contemplada en ningunha normativa”, explica Manuel Fernández, tamén se aprobou que as reclamacións ao censo poidan realizarse por correo electrónico. “É preciso que se revisen ben os censos porque están elaborados con datos que proceden de distintas fontes e no proceso de encaixar uns con outros poderían producirse erros. No período de reclamación, habilítase a vía telemática, para que se poida realizar de maneira máis doada, sen ter que pasar polo rexistro”, explica Gloria Pena.

Así mesmo, a Comisión Electoral, integrada por representantes do persoal docente e investigador (PDI), do persoal de administración e servizos (PAS) e do alumnado, dos tres campus, aprobou que nas mesas electorais poidan participar todos os PAS dos centros que votan nesa mesa e non só os do centro no que esta se localiza. Tal é caso das escolas de enxeñaría de Minas e Enerxía, Telecomunicación e Industrias, que son centros distintos pero están ma mesma unidade. Por exemplo, ata o de agora na mesa electoral situada en Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía só estaban os PAS de Minas e a partir de agora elixiranse entre o persoal de administración e servizos de toda a unidade.

Chamada á participación de toda a comunidade universitaria

O presidente da Comisión Electoral anima a toda a comunidade universitaria a tomar parte activa no proceso porque “a participación é moi importante. Animar tamén á comunidade universitaria a presentarse, tanto ao Claustro como á Reitoría. É importante o debate porque enriquece a todos para, entre todos, construír universidade. Que se presenten e que participen no proceso”, invita Manuel Fernández.

O reitor ou reitora que saia elixido nas eleccións do 23 de abril será o sexto na historia da Universidade de Vigo, sucedendo no cargo a Salustiano Mato, que o vindeiro mes de maio cumprirá oito anos á fronte da institución, que previamente foi dirixida por Alberto Gago, Domingo Docampo, José Antonio Rodríguez e Luis Espada. Na elección do reitor ou reitora o voto será ponderado por sectores, correspondéndolle ao profesorado doutor con vinculación permanente á universidade o 51%; ao resto do persoal docente e investigador o 9%; ao alumnado o 30% e ao persoal de administración e servizos o 10%. Proclamarase reitor ou reitora, en primeira volta, a ou o candidato que acade o apoio proporcional de máis da metade dos votos a candidaturas validamente emitidos, unha vez feitas e aplicadas as ponderacións correspondentes e caso de que ningún candidato ou candidata acade o apoio necesario para ser elixido en primeira volta, procederase a unha segunda elección á que só poderán concorrer os dous candidatos que tiveran máis votos na primeira volta. Nesta segunda volta proclamaríase reitor ou reitora quen obteña máis votos ponderados.

Pola súa banda, o Claustro estará composto por 254 membros: o reitor ou reitora, que o presidirá, o secretario ou secretaria xeral e a persoa encargada da Xerencia; 128 representantes do profesorado doutor con vinculación permanente á universidade (51%); 23 representantes do restante persoal docente e investigador (9%); 75 representantes de estudantes (30%) e 25 representantes do PAS (10%).

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal