venres 19 de xaneiro de 2018

O rexedor municipal e o reitor asinaron un convenio marco de colaboración

A Universidade estreita lazos co Concello de Ponteareas

A institución colaborará, entre outras accións, na posta en marcha dun viveiro de empresas

Duvi | Vigo

Promoción da cooperación e colaboración para o desenvolvemento científico e tecnolóxico, organización de actividades académicas como cursos ou simposios, intercambio de publicacións ou promoción de igualade de oportunidades entre mulleres e homes en todos os ámbitos da sociedade. Estas son algunhas das accións contempladas no convenio marco asinado este mediodía polo alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, nun acto celebrado no salón de plenos do concello do Tea, cuxo rexedor considera este acordo “o primeiro paso para unha longa relación na que todos os esforzos irán destinados a apoiar ás mentes máis inquedas que queiran abrir novos campos no eido da investigación en todos os campos”.

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo adiantou a necesidade de estreitar a relación con Ponteareas ”pola proximidade e polos obxectivos comúns” e puxo enriba da mesa a definición dun plan de accións anual e a importancia de trasladar as capacidades da universidade á cidadanía “con proxectos máis próximos e visibles que xeren dinámicas de entendemento”, dixo Salustiano Mato.Para velar polo bo desenvolvemento deste convenio, que ten unha duración de catro anos, constituirase unha comisión mixta con representantes designados polos órganos reitores da ambas as dúas partes en réxime de paridade.

Posta en marcha dun centro de dinamización da innovación e emprendemento

Dentro das directrices marcadas en “Ponteareas, Hábitat Saudable” e seguindo as liñas do convenio asinado hoxe, tamén se contempla a posta en marcha dun centro de dinamización da innovación e emprendemento (viveiro de empresas) e a definición da plataforma smartcity, na que se implantará o control de servizos como o da calidade da auga, contaminación acústica e tráfico, entre outros servizos, e dos que a cidadanía podería manterse informada. O alcalde propuxo durante o encontro a posta en marcha dunha mesa de traballo para concretar o deseño do centro de dinamización que mellor se adapte ás necesidades de Ponteareas. Para este proxecto a Universidade achegaría a súa experiencia e coñecemento técnico e científico “xa que se pretende que ademais de ser un espazo innovador tamén sexa práctico para toda a cidadanía de Ponteareas e da comarca e mesmo para a Universidade da que estamos tan preto”, dixo Represas, que lembrou que Ponteareas ten unha das poboacións máis novas de Galicia, “mocidade con formación e en desemprego polo que este goberno ve a necesidade de detectar posibles saídas e ofrecer ferramentas para o autoemprego e a posta en marcha de ideas innovadoras”, sinalou o alcalde.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal