xoves 18 de xaneiro de 2018

Na sesión evidenciouse o elevado consenso conseguido pola comisión encargada da modificación do texto

A falta de quórum obriga a adiar ata mañá venres a votación do anteproxecto de Estatutos

As urnas abriranse ás 10.00 horas e será entón cando as/os claustrais poidan exercer o seu dereito a voto

D. Besadío | Vigo

A falta de quórum obrigou este xoves a adiar a votación do texto íntegro do anteproxecto de Estatutos da Universidade de Vigo ata mañá venres. As urnas abriranse ás 10.00 horas e será entón cando os claustrais poidan exercer o seu dereito a voto, tal e como explicou o reitor Salustiano Mato ao final dunha sesión extraordinaria do Claustro que se prolongou ata pasadas as tres da tarde e na que a comunidade universitaria tivo a oportunidade de debater e votar as emendas presentadas a un anteproxecto redactado por unha comisión plural creada exprofeso para a redacción dunha nova Carta Magna.

Polo que puido evidenciarse ao longo de toda a asemblea o documento goza dun elevado consenso tanto entre o persoal docente e investigador como entre o alumnado e o persoal de administración e servizos, polo que a mesa do Claustro convocará de novo a todas e todos os claustrais para que maña venres o anteproxecto poida saír adiante co maior respaldo posible, xa que se trata da norma de maior calado a nivel universitario. O texto que se someterá a votación incorporará xa todos os acordos aos que se chegaron durante o debate.

A presentación xeral do proxecto correu a cargo do profesor da Facultade de Dereito Roberto Bustillo, secretario e voceiro da Comisión encargada da modificación dos Estatutos, quen fixo fincapé en que o novo documento buscou debuxar un “amplo marco de coincidencias desde o que sexa posible adaptarse as circunstancias cambiantes e pór en marcha os distintos proxectos de política universitaria que poidan ir xurdindo sen necesidade de modificar os Estatutos”.

118 artigos fronte aos 164 dos Estatutos vixentes

O resultado final do traballo desta comisión é un texto de 118 artigos –fronte aos 164 dos Estatutos actuais- cos que se busca, tal e como recalcou o propio Bustillo “facilitar o desenvolvemento da xestión e da actividade académica”. Realizáronse cambios en canto ao concepto e, neste sentido, o voceiro da comisión fixo fincapé en que se puxo moito empeño en conseguir un documento que facilite a gobernanza da Universidade, polo que, ao mesmo tempo que se incluíron algunhas cousas novas, reducíronse outras, eliminando apartado por estar xa regulados noutras normas de rango superior ou inferior. “Son moitos menos artigos pero non se regulan menos cousas, ao contrario, con menos regulamos máis”, recalcou o representante da comisión.

Os contidos destes novos Estatutos estrutúrase en seis títulos: un título preliminar dedicado a disposicións xerais (artigos 1 a 5); Título 1, centrado en Estrutura, goberno e administración da Universidade (art. 6 a 50); Título II, Comunidade universitaria (art. 51 a 96); Título III, Creación e transmisión de coñecemento (art. 97 a 106); Título IV, Réxime económico e financeiro da Universidade (art. 107 a 114), e un Título V, no que se afonda nos diferentes aspectos relacionados coa Reforma dos Estatutos (art.115 a 118).

“Na estrutura interna de cada un dos títulos destes Estatutos a orde habitualmente non resulta azarosa ou casual, e en non poucas ocasións responde a unha deliberada vontade de reforzar o peso institucional de determinados conceptos”, salientou Bustillo na exposición de motivos. Así, no título I, o capítulo dedicado aos órganos de goberno e representación comeza coa regulación do Claustro, o máximo órgano de representación da comunidade universitaria. Por outra parte, a consideración dos estudantes como usuarios e usuarias do servizo público da educación superior e fundamento da existencia da Universidade determina que o primeiro dos sectores da comunidade universitaria regulado no título II sexa, precisamente, o estudantado; que a primeira das actividades propias da Universidade reguladas no título III sexa a docencia; e que, no título I, entre os centros e unidades de docencia aparezan en primeiro lugar as facultades e escolas, principais puntos de encontro de estudantes e profesionais universitarios, e principais elementos vertebradores da vida académica.

Creación dun Consello de Estudantes

Entre as grandes novidades do anteproxecto de Estatutos con respecto aos actuais destaca a creación, por primeira vez na historia da Universidade de Vigo, do Consello de Estudantes, un órgano específico no que se van a reunir os representantes do alumnado para tomar decisións de forma conxunta e que, dende o punto de vista da comisión, consideran que “axudará moito a dinamizar a vida universitaria”.

O Consello de Estudantes da Universidade de Vigo (Ceuvi) será o máximo órgano de coordinación da representación estudantil na Universidade e articularase mediante unha asemblea xeral de estudantes, que terá a obriga de reunirse de forma ordinaria polo menos unha vez por curso académico, e tres consellos de estudantes de campus, que teñen a obriga de reunirse de forma ordinaria, polo menos, dúas veces por curso académico. A súa presidencia elixirase no Claustro, mediante sufraxio directo, presencial e secreto entre os seus membros. Para ser candidato ou candidata á presidencia do Consello de Estudantes da Universidade será requisito imprescindible ter sido elixido membro do Consello de Goberno.

O Tribunal de Garantías substitúese pola figura do Valedor/a Universitario

A maiores os cambios afectan tamén ao ata o de agora denominado Tribunal de Garantías, modificacións en canto á denominación e tamén en canto á natureza do órgano. É un cambio que vén imposto pola lei do 2013, xa que nela se establece a obrigatoriedade de que haxa un Defensor Universitario, un órgano que cumprirá as mesmas funcións do TG, pero non como órgano colexiado, senón unipersonal, se ben se acordou a creación dunha comisión de asesoramento –cuxa composición se establecerá nun regulamento posterior-. “O que fixemos co novo texto é transformar o que era un órgano colexiado nun persoal e, en canto teñamos en vigor os Estatutos haberá que elixir un Defensor Universitario, unha persoa que seguirá a ter á súa disposición medios humanos e persoais para cumprir as súas funcións”, explicou Bustillo, quen fixo fincapé en que se trata de adaptar a nivel universitario a figura do Defensor do Pobo ou doutros órganos similares previstos pola normativa autonómica como sucede en Galicia co Valedor do Pobo.

Ao respecto da figura do Valedor Universitario chegouse tamén ao acordo de que, unha vez elixido, exerza un mandato único de seis anos, sen que haxa posibilidade de reelección consecutiva.

Refórzanse as competencias do Claustro

Destaca tamén na nova Carta Magna o reforzo institucional e competencial do Claustro, como máximo órgano de representación da comunidade universitaria. Nesta liña o novo texto tamén inclúe pequenas modificacións (artigo 12) con respecto á composición do Claustro. Trátase dun pequeno reaxuste en canto ás distintas porcentaxes dos membros do Claustro que, tras as emendas presentadas por Óscar Moldes Pita e Tomás Díaz Casaleiro, pasará a presentar a seguinte distribución: 51% de profesorado doutor con vinculación permanente; 9% do resto do persoal docente e investigador, 25% de alumnado –no vixente Estatuto era dun 30%- e 15% do persoal de administración e servizos –no actual era dun 10%-.

Os estatutos actuais establecen tamén a limitación de mandatos para decanos e directores de centros e, se ben o texto proposto pola comisión propuña a posibilidade de eliminar tal limitación, finalmente, tal e como se solicitaba nunha emenda, pactouse mantela.

Vía de enganche coas novas posibilidades da Ley de Ciencia y Tecnología

Se ben parte dos cambios establecidos no novo texto son adaptacións legais á nova normativa, as modificacións van moito máis aló e aproveitouse para realizar unha verdadeira posta ao día da Carta Magna universitaria. Entre outros, realizáronse cambios con respecto ao réxime económico-financeiro, sobre todo, reaxustes dirixidos a facilitar que na Universidade de Vigo se poidan aplicar figuras previstas na Ley de Ciencia y Tecnología dirixidas a canalizar os resultados acadados polos grupos de investigación ou a abrirlles paso aos investigadores ou investigadoras máis novas. “Para contratar persoal investigador fai falla diñeiro pero, tamén, canles e, neste senso, a lei de 2011 abre a porta a estas novas canles e os novos Estatutos son unha vía de enganche con esas posibilidades que están nesa lei”, explicou Bustillo.

Outra das grandes novidades do texto concéntrase no Título III referente a actividade que se leva a cabo na Universidade e que agora pasa a denominarse Creación e Transmisión de Coñecemento, “que é para o que realmente serve a Universidade”, especifica Bustillo. Neste capítulo inclúese, ademais dunha introdución xeral, un capítulo sobre docencia, outro sobre investigación e un cuarto sobre outras formas de creación e de transmisión de coñecemento, incluíndo o concepto de transferencia, extensión universitaria e divulgación científica. “Neste apartado atópase punto por punto o labor ao que nos dedicamos na Universidade de Vigo”, recalcou o voceiro da Comisión.

Compromiso coa igualdade

Introdúcese tamén unha sección específica sobre a Unidade de Igualdade, un departamento que xa existe na Universidade. O que se fixo foi consagrar dentro dos propios Estatutos a existencia deste órgano con algunhas características en canto a contido e competencias. “É como se dentro da Universidade de Vigo houberamos elevado de rango esta unidade, independentemente de que o órgano xa exista e sexa unha esixencia legal”, explicou Bustillo, quen fixo fincapé en que incluír este tema nos Estatutos é “unha mostra de maior compromiso da institución co tema da igualdade”, recalcou o voceiro da comisión.

Primeiros trámites para a convocatoria de eleccións a reitor

A maiores de todas as cuestións relativas ao novo proxecto de Estatutos, durante a sesión aprobouse tamén un dos primeiros trámites para facer posible a convocatoria nos vindeiros meses de eleccións a reitor. Trátase da aprobación dos agrupamentos de centros co fin de constituír as circunscricións electorais para o sector outro persoal docente e investigador.

 

 

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal