venres 12 de xaneiro de 2018

Pode participar alumnado de Primaria e Secundaria da provincia de Ourense

Últimos días para presentarse ao concurso sobre o papel da muller na ciencia

A iniciativa está organizada polos centros da área científica-tecnolóxica do campus

Duvi | Ourense

A segunda edición do Concurso Escolar de Debuxo e Redacción do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia está a piques de pechar o prazo para a presentación de propostas. O alumnado de Primaria e Secundaria da provincia de Ourense interesado en presentar os seus debuxos e redaccións a esta iniciativa pode facelo ata o luns 15 de xaneiro ás 14.30 h. O certame está organizado polos centros da área científica-tecnolóxica do campus de Ourense no marcos dos actos do da 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

Aproveitando a posta en marcha desta conmemoración e coa finalidade de contribuír a visibilizar e potenciar o papel da muller na I+D+i, o pasado ano a Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática uníronse para pór en marcha este concurso escolar, que conta coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. O obxectivo do II Concurso Escolar de Debuxo e Redacción do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia é promover o coñecemento por parte do alumnado do papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e as súas achegas ao desenvolvemento humano ao longo da historia. Trátase, apuntan desde a organización, de visibilizar o papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e a visión que delas ten a sociedade e chamar a atención do alumnado sobre a ciencia e a enxeñaría.

Categorías, modalidades e premios

Neste concurso de debuxo e redacción ten dúas categorías, podendo participar por unha banda o alumnado de Educación Primaria e, por outra, o de Educación Secundaria Obrigatoria matriculado en calquera centro educativo da provincia de Ourense. Na modalidade de debuxo os escolares poden presentar traballos en A4 de técnica libre con calquera material, como lapis de cores, rotuladores, recortes para collage... A segunda modalidade é a de redacción, que pode ser en galego ou castelán e ter unha extensión máxima de dous folios. No caso do debuxo valorarase a calidade técnica, orixinalidade, creatividade e tratamento da temática do concurso e no caso da redacción o estilo, capacidade de razoamento, orixinalidade e tratamento da temática.

O tema común dos traballos será a visión do alumnado sobre o papel das mulleres na ciencia. Neles, indican desde a organización, os escolares poden abordar aspectos tales como descubrimentos das científicas pioneiras; debuxar unha científica; explicar como teñen contribuído as mulleres no desenvolvemento da ciencia e a enxeñaría ou contar algunha anécdota ou historia da súa contorna persoal relacionada coa temática do certame. Haberá tres premios por categoría e modalidade, sendo o primeiro unha tableta, un libro, un usb e un diploma e o segundo e terceiro un libro, un usb e un diploma. Cada estudante poderá participar exclusivamente nunha das modalidades cun único traballo. O centro escolar realizará una preselección presentando como máximo seis propostas de Primaria e seis de Secundaria. A data límite para presentarse é o 15 de xaneiro ás 14.30 h. O nome das premiadas e premiados farase público e a entrega de galardóns será o día 7 de febreiro do 2018, nun evento especial que terá lugar no edificio Politécnico do campus de Ourense. Ese día exporanse todos os debuxos e entregarase diploma acreditativo a cada participante.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal