xoves 11 de xaneiro de 2018

A Unidade de Igualdade presenta o seu almanaque para o 2018

Doce meses para visibilizar os proxectos de investigación “que parten dunha epistemoloxía feminista”

Cada páxina dá a coñecer os grupos que traballan dende unha perspectiva de xénero

M. Del Río | Vigo

Precursoras da ciencia, referentes da historia, pioneiras no eido universitario, artistas galegas contemporáneas, en definitiva, mulleres salientables nos seus eidos de traballo veñen protagonizando os calendarios que a Unidade de Igualdade edita cada ano. Pero para este 2018 os nomes propios de muller deixan paso aos equipos e grupos da Universidade de Vigo que apostan pola perspectiva de xénero no seus estudos e proxectos. O obxectivo é, segundo Anabel González Penín, responsable da unidade, “recoñecer o labor de todo o persoal docente e investigador que, con compromiso non só investigador senón tamén persoal, se dedica aos estudos de xénero e feminismo para avanzar no seu carácter científico e na importancia que estes estudos teñen para transformar a sociedade e acadar maior igualdade”. Subliña que a investigación en xénero “aínda non se conseguiu instalar con lexitimidade no ensino universitario e son moitas as resistencias ás que se enfrontan os proxectos que parten dunha epistemoloxía feminista”, e de aí xorde a necesidade de “visibilizar o valor de incorporar no traballo de I+D un proceso de revisión e coñecemento crítico que despraza radicalmente o centro de gravidade en prol dunha institución máis inclusiva”.

González Penín lembra que se a situación da investigación feminista na Universidade non avanza máis é porque "está lastrada pola falta de convocatorias específicas de proxectos de investigación con perspectiva de xénero”, e destaca que, a pesar dos pedimentos que dende as unidades e oficinas de Igualdade das universidades galegas se teñen feito, dende o ano 2011, a Xunta de Galicia non convoca axudas específicas para proxectos de investigación en xénero e “as convocatorias do Instituto de la Mujer son cada vez máis escasas en canto a orzamentos e restritivas nas condicións”. Neste contexto, considera “fundamental” que as administracións tomen conciencia da “importancia da investigación en feminismo e xénero para crear un corpo de coñecemento con poder transformador que transferido á sociedade, loite contra os obstáculos que impiden unha igualdade real entre homes e mulleres e respecte os dereitos de todas as persoas sexa cal sexa a súa orientación sexual ou identidade de xénero”. Como conclusión, engade que “sen este coñecemento creado dende as institucións académicas e de investigación, será imposible acabar coas desigualdades”. 

De xaneiro a decembro, investigando dende a perspectiva de xénero

O calendario arranca cun mes de xaneiro que dá a coñecer experiencias “valiosas” no eido do xénero, que van máis aló de proxectos concretos de I+D, como a Cátedra Caixanova de Estudos Feministas, as Xornadas de Innovación en Xénero ou os Premios Egeria. En febreiro son Amada Traba e Luz Varela as investigadoras destacadas, que levan anos traballando no deseño e avaliación de políticas públicas con perspectivas de xénero, xénero e emprendemento e xénero e educación. Entre outros proxectos teñen elaborado análises como o Informe diagnose da igualdade na Universidade e colaborado co primeiro plan de igualdade da institución.

O grupo CIES, coordinado polas profesoras Mari Lires e Purificación Mayobre, cunha ampla experiencia en proxectos sobre educación, sustentabilidade, violencia de xénero ou didáctica, centran o mes de marzo. Nas últimas décadas desenvolveron traballos sobre mulleres e poder, mulleres na historia da ciencia ou mulleres e TIC e acaban de rematar o proxecto Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar, cuxos resultados se recollen nunha exposición en Pontevedra.
O grupo Dereito do Traballo e da Seguridade Social, dirixido polo catedrático Jaime Cabeza, é outro dos destacados neste almanaque. Especialistas en relacións laborais, desenvolven varias liñas relacionadas cos xéneros e a igualdade, a conciliación laboral e a non discriminación. Entre outros estudos, elaboraron documentos como Políticas de conciliación, permisos parentales y empleo ou Conciliación de la vida familiar y laboral y corresponsabilidad entre sexos. Na actualidade están a elaborar un informe onde analizan a fenda salarial na negociación colectiva, encargado pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia.

O mes de maio pon en valor o traballo do grupo Ecosot, Economía, sociedade e territorio, dirixido por Coral del Río, que se centre en economía de xénero, clase e raza e a análise económica da desigualdade no mercado laboral, temas sobre os que desenvolven varios proxectos estatais. En xuño é o Feminario Interdisciplinar Teorías feministas e teoría queer, coordinado por Beatriz Suárez Briones e Mª Jesús Fariña, o que dá a coñecer a súa traxectoria centrada en sexualidades, teorías e retóricas do corpo e violencias e disidencias de xénero, que lles valeu, entre outras distincións, o premio Uviguala 2014.

O mes de xullo vai da man do Grupo de Debuxo e Escultura, coordinado por Yolanda Herranz. As súas liñas de traballo en xénero indagan sobre a experiencia creadora e a condición feminina e a relación entre a muller e a arte actual, desde visións estéticas, críticas, políticas e de mercado. O Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias, actualmente incorporado en BiFeGa, centra a páxina do mes de agosto. Baixo a coordinación de Belén Martín Lucas céntranse na formación de novas xeracións de investigadoras e investigadores en teorías feministas. Na actualidade traballan no proxecto Corpos en Tránsito e manteñen a súa prioridade de ofertar formación para a investigación no marco das teorías e prácticas feministas.

O outono arranca co equipo integrado no grupo PE4 Imaxe e Contextos, do que son responsables Xosé Manuel Buxán e Mar Rodríguez Caldas. Este equipo de investigación interdisciplinar céntrase no ámbito artístico que analiza, na época contemporánea, a situación das artistas, especialmente no contexto galego, as identidades periféricas e as prácticas artísticas en torno ás masculinidades e na cultura LGTB. Outubro será para o grupo Saúde, Sexualidade e Xénero, coordinado polas profesoras María Lameiras, Yolanda Rodríguez e Mª Victoria Carrera. Dende a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense desenvolven un amplo traballo en xénero a través de liñas como estereotipos de xénero, sexismo, identidade e diversidade sexual, educación sexual, violencia de xénero, bullying e pedagoxía queer.

A parte final do ano ten como protagonistas en novembro ao grupo Socioloxía e antropoloxía do xénero da docente Águeda Gómez, que indaga sobre grupos étnicos e sexualidade con perspectiva de xénero e paralelamente desenvolve liñas de traballo sobre masculinidades e prostitución. Rematará o 2018 co proxecto europeo SOS-VICS, que se centra na interpretación en contextos de violencia de xénero de forma multidisciplinar. Este traballo conseguiu visibilizar o papel da interpretación e a creación dunha rede internacional profesional e académica para mellorar a atención a mulleres en situación de violencia.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal