martes 19 de decembro de 2017

Supón un incremento dun 4,37% respecto do actual e é o máis elevado desde 2011

O Consello de Goberno aproba un orzamento de 172,5 millóns de euros para o ano 2018

Na derradeira sesión do ano tamén se aprobaron os premios extraordinarios do curso 16/17

Mª del Carmen Echevarría | Vigo

A Universidade de Vigo contará para o ano 2018 cun orzamento de 172.552.088 euros, trala súa aprobación este mediodía por 27 votos a favor, tres en contra de dúas abstencións, na derradeira sesión de Consello de Goberno do ano 2017. Á espera do do visto e prace do Consello Social, na reunión que este órgano celebrará o vindeiro día 27 en Pontevedra, os orzamentos aprobados hoxe, son os máis elevados desde o ano 2011 e superan nun 4,37% aos deste ano. O vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García, foi o encargado de debullar ante os membros do Consello de Goberno o proxecto de orzamentos no que, un ano máis, o capítulo de persoal acapara a principal partida de gasto, con case un 60% do total do orzamento e no que, no referido á previsión de ingresos, destaca o incremento en máis dun 11% das transferencias de capital, debido á consecución de novas axudas para proxectos de I+D e ao mantemento de axudas para as agrupacións estratéxicas e aos centros singulares de investigación.

Tralo informe do reitor, a sesión comezou este martes coa aprobación dun teito de gasto para o ano 2018 por un importe de 189.282.088 euros, que tal e como establece a normativa non poderá ser superado. Ademais de ao proxecto de orzamentos, os membros do Consello de Goberno, deron hoxe luz verde á concesión dun total de 72 premios extraordinarios de fin de carreira, grao e doutoramento, correspondentes ao curso 2016-2017, aínda que algúns deles están pendentes de seren ratificados polas xuntas de escolas e facultades, antes de ser entregados o vindeiro 29 de xaneiro no acto de celebración de San Tomé de Aquino.

Un incremento no capítulo de gastos de persoal dun 15% desde 2012

A exposición dos detalles do proxecto orzamentario da Universidade de Vigo para o ano 2018, estivo precedida por parte do vicerreitor de Economía e Planificación dunha exposición do escenario orzamentario estatal e autonómico, seguida dunha explicación da evolución do financiamento do Sistema Universitario Galego entre os anos 2005 e 2018, para, a seguir, referirse á evolución financeira da Universidade de Vigo. Neste apartado, tras reiterar o regresivo do Plan de Financiamento Universitario 2016-2020 da Xunta de Galicia, “volveuse ao café para todos, ou para o que é máis grande”, dixo José Manuel García, o vicerreitor asegurou que tras oito anos de xestión económica do actual equipo de Goberno, “o resumo non deixa de ser positivo e satisfactorio”, ao terse conseguido desde 2011 pechar os sucesivos exercicios con equilibrio ou superávit.

Tras esta contextualización, o vicerreitor de Economía e Planificación entrou a debullar os detalles dos capítulos de ingresos e gastos do proxecto orzamentario do 2018, do que destacou, no caso dos ingresos o incremento das transferencias de capital nun 11%, derivadas da razoable estimación do aumento da captación de recursos de investigacion en convocatorias de concorrencia competitiva. No capítulo de gastos, García puxo o acento no incremento que se rexistra no capítulo I, cunha subida nos gastos de persoal dun 5%, respecto do ano 2017 e dun 15% desde 2012, acadando un importe de 102,6 millóns de euros. “É difícil atopar, xa non unha universidade, senón unha administración pública, con estes incrementos de gasto no capítulo I. Estas cifras contestan ás tradicionais críticas de que somos o goberno do cemento ou que somos insensibles ao persoal”, asegurou o vicerreitor de Economía de Planificación, que tamén se referiu ao capítulo VI, de investimentos reais, como o segundo máis alto da distribución de gastos, cunha contía de preto de 33 millóns de euros, mentres que a capítulo de gasto financeiro rexistra unha baixada, debida á baixa execución dos últimos exercicios, mentres o de transferencias correntes rexistra unha rebaixa de -8,51%, como consecuencia da diminución de axudas do ministerio para proxectos de Relacións Internacionais.

José Manuel Garcia rematou a súa exposición lembrando as principais liñas de actuación previstas no proxecto orzamentario aprobado hoxe e que contempla a aposta e captación, retención e estabilización do PDI e a diminución da temporalidade e o impulso á formación do PAS. A internacionalización, a especialización dos campus, a continuidade das obras xa en marcha no Berbés ou o reforzo de programas de axudas á investigación que fomenten a agrupación e a especialización, así como a continuidade dos programas de retención y captación de talento investigador, son algunhas das actuacións previstas para o vindeiro ano, no que comezará a impartirse o novo grao en Enxeñaría Biomédica e no que está prevista a posta en marcha o proxecto de Campus do Mar nas antigas instalacións da ETEA.

Críticas á política social e preocupación polo Plan de Financiamento da Xunta

Rematada a exposición do vicerreitor de Economía e Planificación, o presidente do comité da xunta de PAS funcionario Xan Cebro, foi o primeiro en tomar a palabra para recriminar ao equipo de goberno que “liquidase os dereitos de negociación en todos os aspectos. A política social foi bastante dura” asegurou Cebro, que tamén reclamou na súa intervención a convocatoria das vindeiras eleccións a reitor en período de actividade docente. Pola súa banda, Manuel J. Reigosa manifestou a súa preocupación polo Plan de Financiamento Universitario da Xunta para o período 2016-2020, que cualificou de “inxusto e non nos deixa medrar en calidade”. Reigosa considera que a plan autonómico non recoñece o esforzo investigador e de transferencia e que “funciona como unha especie de guillotina”. A quenda de intervención rematou coa do representante do PDI Pedro González Santamaria, que demandou máis diálogo con algúns colectivos e avogou pola estabilización de colectivos como o profesorado a tempo parcial.

Tanto o vicerreitor de Economía como o xerente, Manuel Fernández Jáuregui, rexeitaron as críticas de Cebro, asegurando que nunca se tocou a acción social ao longo dos anos da crise, ao tempo que destacaron a evolución do límite da masa salarial que en 2018 supera, por primeira vez os 100 millóns de euros. Pola súa banda, o reitor, Salustiano Mato, confirmou que as eleccións serán convocadas unha vez se publiquen os novos estatutos, ao tempo que manifestou o seu optimismo cara á negociación do vindeiro Plan de Financiamento e lembrou a importancia de acadar un Plan 2016-2020 plurianual e ligado ao crecemento económico.

Máis dun 61% de mulleres “excelentes” no curso 2016-2017

Na derradeira sesión do ano, o Consello de Goberno aprobou outorgar 72 premios extraordinarios de fin de carreira, grao e doutoramento, correspondentes ao curso 2016-2017. Do total de galardóns, máis dun 61% corresponden a mulleres e o 38% restante a homes, que só superan ás súas compañeiras nos premios de doutoramento. Por campus, Vigo acumula 29 premios de fin de carreira e grao, Ourense 14 e Pontevedra 11. No caso dos galardóns extraordinarios de fin de carreira, dous corresponderon a mulleres (unha na titulación de Enxeñaría Informática e outra en Enxeñería Industrial) e os outros dos a homes (un Enxeñería Industrial e outro Enxeñería de Organización Industrial). Polo que respecta aos 50 premios extraordinarios de grao, 35 corresponden a mulleres e os 15 restantes a homes, mentres que a distribución por campus confirma 13 para o campus de Ourense, 11 para Pontevedra e os 26 restantes para o campus vigués. Pola súa banda, no caso dos 18 premios extraordinarios de doutoramento do curso 2016-2017, 11 corresponderon a alumnos e sete a alumnas.

Os premios extraordinarios de fin de carreira, grao e doutoramento serán entregados no acto institucional de San Tomé, que se celebrará o vindeiro 29 de xaneiro.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal