martes 19 de decembro de 2017

Cunha nova convocatoria de axudas dirixida á organización de actividades docentes

20.000 euros cos que seguir espallando a cultura da igualdade de xénero entre as novas xeracións

O prazo de presentación de solicitudes manterase aberto ata o vindeiro 8 de xaneiro

D. Besadío | Vigo

Xornadas, conferencias, mesas redondas, ligas de debate, exposicións, ciclos de cine, concursos, talleres de lectura... o único requisito é que sexan actividades que promovan a perspectiva de xénero e que estean dirixidas ao alumnado de calquera área de coñecemento da Universidade de Vigo. A Unidade de Igualdade acaba de facer pública a convocatoria do ano 2018 das axudas para a organización de actividades docentes que promovan a igualdade de xénero, dirixidas a todo o corpo docente e que poden solicitarse ata o vindeiro 8 de xaneiro.

Convocadas ao abeiro do II Plan de Igualdade entre mulleres e homes da Universidade de Vigo e dotadas dun orzamento total de 20.000 euros, as actividades propostas deben estar vinculadas á práctica docente e completar contidos que contribúan a incorporar a transversalidade de xénero na formación do alumnado e que impulsen a transmisión de valores igualitarios para a adquisición das súas competencias profesionais e o seu desenvolvemento persoal.

“Esta ano adiantamos a convocatoria destas axudas para facilitar que as actividades comecen a organizarse xa no segundo cuadrimestre”, explica a directora da unidade, Anabel G. Penín, quen fai fincapé en que o obxectivo é acadar unha programación estable de actividades docentes con perspectiva de xénero ao longo de todo o curso. “Cada ano estamos a rexistrar unha maior demanda deste tipo de axudas, tamén desde ámbitos de coñecemento que en principio eran bastante alleos a este tipo de convocatorias, algo que valoramos moi positivamente”, apuntou Penín, ao tempo que destacou que “ao tratarse de actividades docentes a participación do alumnado está practicamente garantida e, polo tanto, son actos que axudan moito a sensibilizar a este público tan novo”.

Cada actividade será subvencionada cun máximo de 3000 euros

Cada actividade será subvencionada cun máximo de 3000 euros, que se deberán destinar a cubrir os gastos ocasionados, incluídas viaxes dos poñentes, pagamentos das conferencias, traslado de obras artísticas, aluguer de equipamento, dereitos de exhibición, etc. En ningún caso a subvención poderá ser destinada á retribucións de persoal contratado pola Universidade de Vigo ou ao pagamento de gastos protocolarios ou publicitarios.

Ademais da propia directora da unidade, formarán parte do comité avaliador a profesora do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Teresa Bermúdez, investigadora sobre xénero no ámbito dos estudos literarios, con especial atención aos estudos sobre corpo e representación nos ámbitos galego e lusófono, e o profesor do Departamento de Socioloxía, Ciencias Política e da Administración e Filosofía David Casado, investigador en violencia de xénero (medios de comunicación, asistencia e vitimoloxía), prostitución, identidades colectivas...

En 2017 organizáronse 15 actividades nos tres campus

A Unidade de Igualdade subvencionou este ano 15 actividades docentes que promoveron entre o alumnado a perspectiva de xénero e que se levaron a cabo nos tres campus e a intención é poder superara esta cifra “para o que contamos coa axuda inestimable de todo o profesorado, cada vez máis implicado neste tipo de convocatorias”, recalcou Penín.

As actividades subvencionadas arrancaron a pasada primavera na Facultade de Filoloxía e Tradución co ciclo Entre poetas: dúas aproximacións a poetas españolas contemporáneas, no que participaron Gloria Bosch, que afondou na figura de Gloria Fuertes, e Ángeles Mora, Premio Nacional da Crítica e Premio Nacional da Poesía 2016, e prolongáronse ata finais de novembro coa celebración en Ourense das Xornadas Videogamificación e sexualidades: identidades, xéneros e discursos interactivos. Consecuencias para a industria e a educación.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal