venres 15 de decembro de 2017

O proxecto de especialización foi un dos eixos da sesión celebrada na Casa das Campás

O Consello de Campus afonda na consolidación do proxecto Crea S2i

Reitor e vicerreitor fixeron balance das diferentes iniciativas levadas a cabo ao longo de 2017

Eduardo Muñiz | Pontevedra

A posta en marcha do programa de doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sustentable, coas súas 20 prazas cubertas, o inicio en 2018 das obras de reforma da sede da Xunta en Benito Corbal, onde se emprazará a sede corporativa do Campus Crea S2i, ou a consecución do proxecto europeo Lapassion. Estes foron algúns dos fitos que levaron ao reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, a pór de relevo “que o proxecto de especialización do campus de Pontevedra estase consolidando”, na sesión do Consello de Campus celebrada este venres na Casa das Campás. Os informes do reitor e do vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, facendo balance das actividades e iniciativas impulsadas ao longo deste 2017 centraron unha sesión na que Mato deu conta tamén do acordo entre a Xunta e as tres universidades galegas para a mellora do mapa de titulacións no período 2017-2021.

Respecto do proxecto de especialización, Mato puxo de relevo a concesión do proxecto Lapassion, dirixido a promover a mobilidade de docentes e estudantes de 15 institucións europeas e americanas, que obtivo un millón de euros de financiamento a través do programa Erasmus+. Liderado polo Instituto Politécnico do Porto, co Campus Crea S2i como socio, “a súa consecución nun marco tan competitivo indica que, a través da especialización e organizando equipos interdisciplinares, é posible competir na Champions League europea”, salientou o reitor, quen puxo o acento na “capacidade de internacionalización” do proxecto de especialización.

Do mesmo xeito, Mato abordou tamén o programa de necesidades para as catro plantas que a Universidade ocupará na antiga sede da Xunta en Benito Corbal, unha vez rematadas as obras de rehabilitación que a administración autonómica comezará o vindeiro ano. Na que será a sede corporativa do Campus Crea S2I, a institución académica prevé contar con espazos destinados á demostración de proxectos, ao emprendemento, a un laboratorio de fabricación dixital e a actividades académicas e de xestión.

Mapa de titulacións

Outro dos puntos abordados na sesión foi o novo mapa de titulacións do Sistema Universitario de Galicia (SUG), “no que dalgunha maneira consolidamos todos os graos”, xa que a titulación do campus con menor matrícula de estudantes de novo ingreso, o grao en Enxeñaría Forestal, “ten un futuro claro a través do espazo de colaboración que se abrirá con Lugo”. De feito, o reitor lembrou que a pesares de que este grao non cubriu todas as súas prazas, Pontevedra conta no presente curso cunha taxa de ocupación do 100% nas prazas de novo ingreso, “porque esa marxe vese compensada co exceso que hai noutras titulacións”.

Respecto do grao en Enxeñaría Forestal, o reitor salientou que o novo mapa “consolida a súa necesidade en Galicia”, a través da colaboración que se definirá ao longo dos próximos dous anos coa Escola Politécnica Superior da USC en Lugo. En primeiro termo, explicou, o Consorcio Interuniversitario de Galicia será o encargado do “establecemento de cales son as pautas deses espazos de colaboración entre os graos de baixa demanda”, e, a partires de aí, “xa serán as dúas escolas as que empecen a traballar, baixo as pautas que defina o consorcio”, en dous aspectos concretos, “a unificación de criterios e a definición da especialización en Pontevedra e en Lugo”.

Balance de 2017

Pola súa banda, o vicerreitor do campus fixo balance nesta reunión das diferentes iniciativas levadas a cabo ao longo do ano en eidos como o cultural, accións que “repercuten en maior visibilidade, internacionalización e mellora da investigación e da transferencia” e que tamén contribúen a que “se elixa Pontevedra como sede de congresos de referencia”. Actividades como os ciclos de cine, obradoiros ou actuacións musicais, ás que se suman os froitos que están a dar as relacións iniciadas hai dous anos coa Oficina Económica e Cultural de Taiwán, como, recentemente, a colaboración co Concello na exposición do ilustrador Page Tsou no Pazo da Cultura, así como, tamén no marco da colaboración entre institucións, os traballos cos que “agardamos poder despedir o mandato" contribuíndo a que Pontevedra sexa a sede da "maior exposición en España” da cineasta e artista Agnés Vardá.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal