venres 15 de decembro de 2017

Nove persoas realizarán os estudos de posgrao ao abeiro desta iniciativa de especialización

O programa de doutoramento do Campus da Auga arranca con investigadores procedentes de seis universidades

Este curso académico é o primeiro no que se oferta este título

Rosa Tedín | Ourense

Se este martes a Universidade de Vigo recibiu a obra do novo edifico do Campus da Auga e o mércores se celebrou a gala de entrega dos I Premios de Investigación, Transferencia, Innovación Educativa e Divulgación Científica deste proxecto de especialización, este venres o campus de Ourense celebrou a conferencia inaugural do seu Programa de Doutoramento Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento. Nove investigadores e investigadoras procedentes das universidades galegas e do norte de Portugal conforman a primeira fornada que realizará os seus estudos de posgrao ao abeiro do primeiro gran produto académico do Campus da Auga.

Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense-Campus da Auga, e Francisco Javier Rodríguez Rajo, coordinador deste programa, foron os encargados, xunto a Susana Álvarez, secretaria da comisión académica deste doutoramento, de destacar a relevancia da posta en marca este curso académico desta iniciativa. A conferencia inaugural correu a cargo Jorge Mira, divulgador e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, que falou sobre Bondades da rotura de fronteiras na creación científica e tecnolóxica.

Un “éxito de todos”

Durante a súa intervención, o vicerreitor destacou como a posta en marcha deste programa de doutoramento “é un éxito de todos, colectivo” lembrando como aglutina a máis de 120 investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo, do Instituto Politécnico do Porto e da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro habilitados para dirixir teses de doutoramento e como implica a todos as escolas e facultades do campus de Ourense. Esta forma de traballar interdisciplinar e superando fronteiras, destacou Virxilio Rodríguez, “supón un cambio de modelo que racha con formas clásicas de traballar”. Pola súa banda, Francisco Javier Rodríguez Rajo subliñou como a iniciativa “arranca con bo pé” e quixo agradecer especialmente “a implicación de todos os centros no seu deseño e posta en marcha”, amosando a súa confianza en que ano a ano a iniciativa se vaia consolidando.

Lembrando como “a auga é un recurso fundamental”, Jorge Mira destacou tamén durante a súa intervención como é “algo extraordinario” pór en marcha unha ferramenta docente que una a todos os centros dun campus e que implique a profesores que dirixiron case 200 teses nos últimos cinco anos. Deste xeito, o catedrático destacou as oportunidade que se abren con iniciativas coma esta, que “rachan cos compartimentos estanco, que frustran a creación de cousas na universidade”.

A primeira fornada

Os nove investigadores e investigadoras que realizarán este curso o Programa de Doutoramento do Campus da Auga proceden das universidades galegas de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela e das lusas de Porto, Trás-os-Montes e Alto Douro e Lusíada. O amplo abano de procedencias tamén se traslada ás áreas de interese deste estudantes, xa que hai titulados e tituladas en Física, Enxeñaría Informática, Ciencias Ambientais, Dereito, Enxeñaría Agrónoma, Enxeñaría de Camiños e Canais, Ciencias Económicas e Empresariais, Xeografía e Enxeñaría Ambiental e dos Recursos Naturais.

Entre os estudantes matriculados neste programa están Susana Bayo e Iago Algarra, investigadores do Grupo Ephyslab da Universidade de Vigo. Susana Bayo, licenciada en Física, traballa no eido da predición meteorolóxica co obxectivo de incrementar a exactitude dos datos e poder avanzar na súa eficiencia. Pola súa banda, Iago Algarra, titulado en Ciencias Ambientais, estuda pola súa banda o transporte de humidade atmosférica e a ponte entre a evaporación oceánica e o desxeo no Ártico.

Outros temas de traballo dos investigadores matriculados procedentes das universidades galegas son o réxime xurídico das augas; a metodoloxía para a determinación do impacto ambiental de actuacións litorais e a xestión patrimonial das redes de auga mediante a metodoloxía Aware-P na cidade de Ourense. Polo que respecta aos temas de traballo dos investigadores e investigadoras lusos, abranguen a calidade de vida nos usuarios de termas de Galicia e Norte de Portugal, a influencia xeneracional no comportamento turístico tamén na Eurorrexión, e na predición da contaminación de auga de consumo humano con cianotoxinas.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal