xoves 14 de decembro de 2017

No marco deste proxecto, complétase a implantación de gas natural nas diferentes facultades e escolas

Pontevedra, un Green Campus cada día máis sostible

A substitución do gasóleo por este combustible permite reducir nun 20% as emisións de CO2 á atmosfera

Eduardo Muñiz | Pontevedra

 O impulso de medidas que promovan a sustentabilidade e o respecto ao medio ambiente é un dos compromisos que Pontevedra adquiriu co proxecto Green Campus, que o levou a converterse, en novembro de 2015, no primeiro campus de España coa bandeira verde coa que, a través da asociación ADEAC, a Foundation for Environmental Education (FEE) recoñece o seu labor en materia de educación e xestión ambiental. No marco dese proxecto e dese compromiso, a Vicerreitoría iniciou no curso 2015/2016 o proceso de substitución do gasóleo polo gas natural como combustible a empregar nas calefaccións das diferentes facultades e escolas, proceso que na mañá deste xoves vén de completarse coa súa entrada en funcionamento na Escola de Enxeñaría Forestal. “Dentro da filosofía e dos plans de acción do Green Campus, pechamos un ciclo co que cumprimos outro paso máis no camiño cara ser un campus máis sostible e un campus que traballa e fomenta a eficiencia enerxética”, salientou o vicerreitor Juan Manuel Corbacho dunha medida que permite reducir ás emisións de CO2 á atmosfera nun 20%.

Xunto a subdirectora da EE Forestal, Ángeles Cancela, e os responsables da Unidade Técnica da Universidade José Antonio López e Antonio Medrano, o vicerreitor acudiu nesta xornada á posta en funcionamento dos novos queimadores que, empregando as caldeiras xa existentes, permiten comezar a consumir xa este combustible, que desde marzo de 2016 é xa o empregado nas facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e de Ciencias da Educación e do Deporte. Tras elas, o pasado curso procedeuse á súa instalación en Belas Artes e en Fisioterapia para agora pechar na EE Forestal un ciclo “que está en perfecta sintonía coa política ambiental da Universidade de Vigo en xeral e do Green Campus en particular” e que se iniciou “nos centros que tiñan un maior consumo”, como explica o responsable da Área de Planificación do campus, Celso Cancela.

Reducións das emisións, aforro e eficiencia

A substitución do gasóleo por gas natural non só implica unha redución das emisións de CO2 a atmosfera nun 20%, segundo os datos do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), senón tamén doutros contaminantes como os óxidos de xofre e nitróxeno que se producen na combustión do gasóleo e que afectan tamén ao efecto invernadoiro, como lembrou Ángeles Cancela, quen salientou “todas as medidas que supoñan melloras desde o punto de vista enerxético e da redución da contaminación sempre son algo positivo”.

Nese senso, máis aló “de todo o aforro que supón en emisións, a substitución supón tamén vantaxes en materia de eficiencia enerxética e é un servizo que garante plenas prestacións ás instalacións”, engadiu Corbacho dun cambio que, segundo os datos daqueles centros nos que o gas leva máis tempo funcionando, implica tamén un aforro económico de preto dun 15% respecto do gasóleo.

Coa posta en funcionamento dos novos queimadores por parte do servizo técnico da empresa fabricante, a EE Forestal completaba nesta xornada un proceso iniciado o pasado verán coa redacción da memoria técnica e a licitación e adxudicación das obras de reforma, que formaba parte das medidas inseridas no plan de acción aprobado para o presente curso pola Comisión Ambiental do proxecto Green Campus. Esta instalación complétase ademais, explicou López, coa instalación dun controlador automático remoto que permite realizar un seguimento do funcionamento das caldeiras e do sistema de calefacción desde a pantalla dun ordenador.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal