xoves 14 de decembro de 2017

Completan o equipo Adolfo Fernández e Josefina Cadilla

Susana Reboreda renova como decana da Facultade de Historia

A súa foi a única candidatura presentada ás eleccións no centro

Rosa Tedín | Ourense

A Facultade de Historia elixiu este xoves, por votación da súa xunta de centro, ao seu novo equipo decanal. Susana Reboreda renova un mandato máis á fronte desta facultade, incorporando ao seu equipo a Adolfo Fernández, como vicedecano, e a Josefina Cadilla, como secretaria. A súa candidatura, a única presentada ao proceso, acadou o apoio dos 18 votos depositados na urna, non habendo votos en contra nin nulos.

Balance de tres anos de mandato

Sobre o mandato de tres anos que remata, Susana Reboreda salienta que “foi una etapa de intenso traballo na que se cumpriron os obxectivos previstos”. Entre os fitos máis relevantes acadados, a decana destaca “saír do plan de viabilidade, reclamado pola Xunta de Galicia, por non acadar os 45 estudantes requirido en primeira matrícula”; “a implantación do Programa Conxunto entre Xeografía e Historia e Turismo, que veu a luz neste curso”; “a posta ao día dos aspectos da calidade”, conseguindo a acreditación do Grao en Xeografía e Historia e da Facultade de Historia coa Certificación Fides-Audit, e a inclusión do profesorado no Programa de Doutoramento Protección de Patrimonio Cultural. No repaso a estes logros, a decana fai fincapé no agradecemento e recoñecemento aos membros da comunidade universitaria que participaron dun xeito ou doutro na súa consecución e ao traballo do anterior equipo decanal, encabezado por Beatriz Comendador.

Retos de futuro

“O motivo que me leva a repetir no posto é fundamentalmente afianzar o camiño andado. Recoñecendo a dificultade desta meta, afrontamos este reto con ilusión”, comenta Susana Reboreda. Na etapa que se abre agora, engade, “considero fundamental a colaboración de xente nova”, polo que agradece especialmente “a Adolfo e a Fina a súa decisión de constituír un equipo comigo. Sen eles non podería animarme a repetir esta aventura”. Ademais, recalca a docente, “para que o centro funcione precisaremos a colaboración do todos, do alumnado, do persoal de administración e servizos e do profesorado”.

Sobre os retos para este mandato, Susana Reboreda salienta que están manter o Grao en Xeografía e Historia fóra do plan de viabilidade con dúas estratexias fundamentais, como son reforzar especialmente a modalidade semipresencial, sen deixar de lado á presencial, e traballar na paulatina implantación do Plan Conxunto entre Xeografía e Historia e Turismo. Tamén se traballará, engade, na acreditación do Máster de Protección, Xestión e Valoración do Territorio e no eido da calidade. Neste último punto salienta como “partimos da certificación que o centro alcanzou o ano pasado polo que a cuestión agora é manter estes niveis”.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal