mércores 13 de decembro de 2017

O vicerreitor de Economía presentou no Claustro as liñas xerais de política orzamentaria

A Universidade incrementa nun 4,37% o seu orzamento, que acada os 172,5 millóns de euros para o 2018

O reitor fixo balance das dúas lexislaturas, nas que se conseguiu "estabilidade económica” a pesar dos recortes

M. Del Río / D. Besadío | Vigo

A Universidade de Vigo contará para o 2018 cun orzamento de 172.552.088 euros, un 4,37% superior ao do 2017, sendo o máis elevado dende o ano 2011. O vicerreitor de Economía, José Manuel García, presentou este mércores na sesión ordinaria do Claustro as liñas básicas de actuación orzamentaria para o vindeiro ano, que serán as últimas do actual mandato e as terceiras que se desenvolven ao abeiro do Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia 2016-2020. O incremento respecto aos 165 millóns do actual exercicio, responde “ás estimacións realizadas de contribución do programa Horizonte 2020 da UE, que achega novos fondos para o financiamento de proxectos de investigación”. Para a súa aprobación definitiva, esta proposta orzamentaria precisa do visto bo do Consello de Goberno, que celebra unha sesión a vindeira semana, e posteriormente, do Consello Social.

Nesta reunión do Claustro, o reitor, Salustiano Mato, presentou tamén un balance das dúas lexislaturas do actual equipo de Goberno, no que destacou a “estabilidade económica” da institución nun período marcado pola implantación do EEES, a crise e as políticas de recortes das administracións estatais e autonómica. Nese contexto, salientou o importante esforzo da Universidade para compensar a perda de achegas públicas a través da captación de recursos propios, e remarcou que en 2017, “o 40% do total do orzamento de 2017 son fondos conseguidos por resultados, pola capacidade da propia institución”. A orde do día do Claustro completouse co informe anual de 2016 do Tribunal de Garantías e a elección de novos membros para Consello de Goberno.

Previsión orzamentaria de gastos e ingresos

As liñas de actuación orzamentaria recollen que o conxunto do gasto continúa a senda da contención, marcado pola mellora na xestión eficiente dos recursos ordinarios e pola adaptación do PFSUG 2016-2020, garantindo a capacidade de funcionamento “para o noso nivel de gasto, que na súa meirande parte é gasto no capítulo de persoal”. De feito, este capítulo segue a ser a principal partida de gasto, cun 59,48% do total do orzamento e un importe de 102.641.859 €. Esta cantidade é superior a orzamentada no 2017 para persoal, que foi de 97.498.500€ por, entre outras, causas “o emprego do total de prazas derivado da taxa de reposición e de saída de cátedras, o paso do capítulo VI ao capítulo I do programa de captación e retención de talento, a incorporación ao capítulo dos programas de investigadores e dos axudantes doutores, combinado coa posta en marcha da nova RPT e o crecemento vexetativo da masa salarial”, destacaba o vicerreitor. “Pódese afirmar que somos a universidade galega na que máis ten medrado o gasto en persoal nos últimos catro exercicios, o que amosa o compromiso da universidade cos seus traballadores e co mantemento do emprego público”, remarcaba García.

Por detrás do persoal, o capítulo VI, de investimentos reais, é o segundo máis alto da distribución de gastos, e acada unha contía de 32.983.386 €, cun incremento de 9,31% verbo de 2017, representando o 19,12% sobre o total do orzamento de gasto, valor superior ao acadado no exercicio pasado. “Como xa se ten comentado nos últimos exercicios, a política de investimentos está directamente ligada á consecución de fondos finalistas, para non comprometer o funcionamento ordinario da institución”, lembraba García. O capítulo de gasto corrente ten unha previsión de 26.956.058 €, experimentando un lixeiro incremento do 1,73%. O capítulo de gasto financeiro experimenta unha rebaixa debido á baixa execución dos últimos exercicios, mentres o referido a transferencias correntes presenta unha rebaixa do -8.51%, acadando un valor de 7.726.335€, como consecuencia da diminución de axudas do ministerio para os proxectos de Relacións Internacionais.

No referido á previsión de ingresos para 2018, destaca o incremento de máis dun 11% das transferencias de capital debida á consecución de novas axudas para proxectos de I+D e ao mantemento das axudas para as agrupacións estratéxicas e os centros singulares de investigación. García tamén fixo referencia ao incremento dos activos financeiros (29,22%), consecuencia de axudas cobradas en 2017 procedentes de fondos europeos e que serán executadas no exercicio 2018 e seguintes. O capítulo de transferencias correntes concentra o 68,9% dos ingresos, fronte ao 71,41% do exercicio pasado, por mor do incremento noutros capítulos de ingreso. No capítulo terceiro de taxas, presos públicos e outros ingresos, agárdase un aumento do 7,59% sobre o exercicio anterior debido a que se esperan recibir os xuros de demora pola devolución do IVE dos exercicios 2013 e 2014.

Principais liñas de actuación

A proposta orzamentaria inclúe tamén as principais liñas de actuación para o 2018 nas diferentes áreas. No relativo ao capítulo de persoal, o equipo de Goberno continuará coa aposta por captación, retención e estabilización do PDI e pola diminución da temporalidade e o impulso da formación do PAS. No capítulo referido ao estudantado, e ante a futura aprobación dos novos Estatutos, avanzarase tamén na normativa de avaliación por compensación, o regulamento de avaliación e a normativa de prácticas externas, e seguirase apostando por unha política de bolsas paralelas ás doutros organismos e pola formación e fomento do emprendemento.

A internacionalización seguirá a ser outro dos piares fundamentais da política universitaria, tanto a través de programas de mobilidade, como de plans de plurilingüismo, captación de estudantado de Asia e América e captación de recursos externos de programas de cooperación educativa. O 2018 será tamén o ano da implantación do novo grao en Enxeñaría Biomédica, que compartirá o novo curso coas novas titulacións de Enxeñería Industrial, e de sete novos mestrados.

As liñas de actuación contemplan tamén as principais propostas para a especialización dos campus. Así, no 2018 prevese a posta en marcha do proxecto da antiga ETEA, que se converterá nun polo de innovación do Campus do Mar, a posta en funcionamento do edificio do Campus da Auga, o comezo das obras do edificio administrativo da rúa Benito Corbal en Pontevedra para sede do Campus Crea S2i. No referente ao Vigo Tecnolóxico, comeza a súa andaina integrando aos centros do Cinbio, atlanTTic e a agrupación estratéxica INEX.

Tamén no eido das infraestruturas, darase continuidade ás obras para a futura sede institucional no Berbés, executaranse as obras para a zooteca, litoteca e herbario. As liñas de investigación prioritarias pasan por programas de axudas á investigación que fomenten a agrupación e a especialización, fondos para a protección e valorización dos resultados de I+D, actualización do mapa de capacidades de investigación, definición de novas agrupacións estratéxicas e apoio á internacionalización da investigación. Continuaranse tamén cos programas de captación e retención de talento investigador de excelencia e cos programas e actividades culturais e deportivas, nos primeiros meses ligados especialmente ao Pergamiño Vindel.

Balance de oito anos de xestión

Coincidindo este Claustro coa recta final da lexislatura, o informe anual do reitor converteuse nun balance de oito anos de xestión, marcados, como explicou “pola instauración do Plan Boloña, a aprobación do decreto 3+2 e pola crise económica e os recortes das administracións central e autonómica, que prexudicaron á universidade pública” a través das taxas de reposición, falta de rexeneración natural dos grupos de I+D, descenso das achegas das bolsas e reducións e conxelacións salariais. Neste contexto, o reitor destacou, debullando a actividade de cada unha das vicerreitorías, os principais fitos destas dúas lexislaturas. No eido económico, salientou o plan de sustentabilidade que permitiu compensar a perda de ingresos de procedencia estatal e autonómica a través da captación de fondos comunitarios e a través da redución do gasto. “O resultado destas dúas actuacións, combinadas, permitiu que no ano 2012 os ingresos correntes superaran aos gastos correntes, mantendo desde aquela ata este exercicio unha senda de estabilidade orzamentaria, sen débedas bancarias e sen déficit”. Mato destacou tamén os cambios na estrutura da xerencia, a profesionalización da xestión das infraestruturas e a posta en macha da nova RPT, así como a aposta polos contratos programa ou a responsabilidade social universitaria e salientou tamén o impulso dado a eidos que consideran “deben ser transversais”, como a igualdade, a normalización lingüística, as políticas de transparencia e o posicionamento da Universidade en rankings, clasificacións e redes internacionais.

No apartado referente ao persoal docente e investigador, o reitor remarcou “o esforzo da Universidade de Vigo por manter o cadro de profesorado, neste escenario de crise económica e das medidas extraordinariamente lesivas implantadas”. Entre 2010 e 2018, as convocatorias de prazas de profesorado permanente “leváronse sempre ata o máximo número permitido polas normas”, explicaba, facendo ademais unha política de mantemento dos postos de traballo do profesorado axudante doutor, que non perdeu a súa vinculación coa universidade a pesar das prohibicións e impedimentos por parte das autoridades autonómicas e estatais. Tamén fixo un percorrido polos cambios na oferta académica de grao, mestrado e posgrao e lembrou que “no novo mapa de titulacións recentemente anunciado somos a única universidade que non precisa substituír nin pechar ningún título de grao, xa que todos foron considerados viables ou singulares”.

En relación coa actividade realizada no ámbito de investigación e transferencia destacou medidas como a posta en marcha de programas de captación e retención, de intensificación investigadora, convocatorias de axudas á investigación, impulso ás infraestruturas, etc. Como resultado, produciuse un incremento moi significativo de solicitudes de proxectos europeos, pasando de 62,5 solicitudes/ano de media ata 2010, a 109,7 solicitudes/ano de media no período 2015-2017. Tamén se rexistrou un aumento salientable de proxectos europeos concedidos, a pesar da dura competencia en H2020, que van das 6,7 concesións/ano de media ata 2010, ás 13,7 concesións/ano de media no período 2015-2017. Tamén creceron, en consecuencia os importes obtidos en proxectos europeos, que pasan dos 1,9 millóns euros/ano de media ata 2010 a 4,3 millóns euros /ano de media no período 2015-2017.

Salustiano Mato puxo tamén de relevo a crecente capacidade da institución para a obtención de recursos propios de I+D. “Neste 2017 levamos captados máis de 30 millóns de euros por esta vía e isto supón un incremento do 21% respecto de 2016 e do 60% respecto de 2015”, explicaba Mato, que incidía en que unha porcentaxe elevada deses fondos débense ao éxito de proxectos institucionais de I+D como Biocaps (4,6 millóns de euros) ou Táctica (8,8 millóns). No seu repaso tamén se referiu aos principais avances nas infraestruturas de investigación como o novo Cacti, o Cinbio ou o MTI.

No eido do alumnado, referiuse ao esforzo internacionalizador da docencia, o esforzo na oferta de bolsas e a aposta polo emprego e o emprendemento, con convocatorias como Incuvi-Emprende ou feiras como Finde.U. Atendendo a Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, destacou o crecemento do Programa para Maiores e, sobre todo, o esforzo na internacionalización, con novos socios, destinos de mobilidade e proxectos de cooperación e, principalmente, ao traballo feito na atención ás necesidades específicas de apoio educativo, “cun enfoque pioneiro que vai máis aló da atención ao estudantado con discapacidade e que nos reafirma no noso desexo de ser unha universidade realmente inclusiva”.

Finalmente, Mato fixo repaso destes oito anos nos tres campus, nos que se deron pasos “históricos” de cara á especialización. No caso de Pontevedra destacou como fitos principais o proxecto de especialización do Campus Crea S2i, a consecución da bandeira verde como único Green Campus de España e as boas relacións coas institucións da contorna, que tiveron como froitos o primeiro protocolo de colaboración institucional coa Deputación ou o acordo para a bonificación do 95% do IBI. En Ourense remarcou a consolidación do Campus da Auga, cuxo primeiro plan de acción está executado ao 100% e a posta en marcha do grao de Enxeñaría Aeroespacial, a exitosa implantación de Enxeñaría Aeroespacial ou a construción do edificio do Campus da Auga, recepcionado esta semana. Mato tamén repasou a bagaxe do Campus do Mar, “convertido xa nunha referencia e cun programa de doutoramento internacional” e do Vigo Tecnolóxico, para o que se está a deseñar un novo plan estratéxico.

O Tribunal de Garantías reduce a 25 os expedientes tramitados en 2016

Tras a cifra récord de 66 expedientes acadada no ano 2013, coincidindo co momento álxido da crise, o Tribunal de Garantías iniciou unha tendencia á baixa no número de reclamacións tramitadas, ata descender en 2016 a 25, tal e como indicou o profesor Argimiro Rojo, presidente deste órgano, na presentación do seu informe anual ao Claustro.
No que atinxe á distribución por sectores, a maioría dos expedientes e asuntos tratados están referidos ao alumnado (un 76%), seguido a bastante distancia polo persoal de administración e servizos (un 12%) e polo profesorado (tamén un 12%). “Este comportamento é moi semellante ao do resto das defensorías universitarias españolas e segue a ser moi similar ao dos anos anteriores”, explicou Rojo, quen como principal novidade deste informe destacou o feito de que, atendendo á distribución por sexos, apréciase un predominio do colectivo masculino (un 48%) en relación co feminino (un 36%), correspondendo o 16% restante a reclamacións feitas conxuntamente por persoas de ambos os dous sexos. Os principais motivos que levaron á apertura de expedientes no sector do alumnado están relacionados, “en primeiro lugar e maioritariamente”, segundo explicou o presidente do tribunal, coa reclamación e revisión de cualificacións; coa avaliación curricular e co aprobado por compensación, unha problemática que en moitos casos está relacionada con titulacións en proceso de extinción, entre outras cuestións. A maiores Rojo destacou tamén que se produciu tamén un caso de acoso escolar, no que o TG actuou con “suma celeridade”, se ben insistiu na necesidade de “manternos vixiantes en relación a esta praga”.

Respecto ao profesorado, o informe destaca que os motivos das súas reclamacións están relacionados con procesos de convocatoria e resolución de prazas e tamén coa dificultade para compatibilizar o dereito á información pública co dereito á protección de datos. Máis aló da presentación concreta de queixas, os docentes diríxense tamén ao TG para compartir inquedanzas e dúbidas que en moitos casos veñen derivadas do incremento do uso indebido das novas tecnoloxías. No caso do persoal de administración e servizos reclama principalmente por cuestións relacionadas con convocatorias de concorrencia competitiva (Programas Erasmus-PAS) e tamén con situacións de acoso laboral. “Os impactos sufridos pola aprobación da última Relación de Postos de Traballo, e debido principalmente ás proporcións acadadas pola mesma, tamén tiveron eco, e ségueno tendo, no TG”, recalcou Rojo.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal