venres 10 de novembro de 2017

Convócase o certame de debuxo e redacción dos centros da área científica-tecnolóxica do campus

Un concurso escolar para visibilizar e potenciar o papel da muller na ciencia

Está aberto á participación do alumnado de Primaria e Secundaria da provincia de Ourense

Duvi | Ourense

O día 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Co obxectivo de aproveitar esta conmemoración para contribuír a visibilizar e potenciar o papel da muller na I+D+i, o pasado ano a Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática uníronse para pór en marcha un concurso escolar con esta temática. A segunda edición deste certame xa está en marcha e as entidades promotoras animan aos centros e ao alumnado de Primaria e Secundaria da provincia a unirse a esta iniciativa.

Os obxectivos do II Concurso Escolar de Debuxo e Redacción do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que conta coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, son promover o coñecemento por parte do alumnado do papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e as súas achegas ao desenvolvemento humano ao longo da historia. Trátase, apuntan desde a organización, de visibilizar o papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e a visión que delas ten a sociedade e chamar a atención do alumnado sobre a ciencia e a enxeñaría. Segundo explica Nieves Lorenzo, profesora da Universidade de Vigo promotora do certame, a idea naceu polo compromiso compartido polas persoas e centros participantes de traballar para rachar a tendencia de descenso da presenza das mulleres nas carreiras científicas e tecnolóxicas, sobre todo nas enxeñarías. “Queremos animar ás futuras xeracións de universitarios e universitarias a mudar esta situación, por iso escollemos facer un concurso escolar”, salienta a investigadora.

Categorías, modalidades e premios

Neste concurso de debuxo e redacción poderá participar o alumnado de Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria matriculado en calquera centro educativo da provincia de Ourense. O certame conta con dúas categorías e dúas modalidades. A primeira categoría é a de Educación Primaria e a segunda a de Educación Secundaria Obrigatoria. A primeira modalidade é a de debuxo, podendo os escolares presentar traballos en A4 de técnica libre con calquera material, como lapis de cores, rotuladores, recortes para collage.... A segunda modalidade é a de redacción, que pode ser en galego ou castelán e ter unha extensión máxima de dous folios. No caso do debuxo valorarase a calidade técnica, orixinalidade, creatividade e tratamento da temática do concurso e no caso da redacción o estilo, capacidade de razoamento, orixinalidade e tratamento da temática.

O tema común dos traballos será a visión do alumnado sobre o papel das mulleres na ciencia. Neles, indican desde a organización, os escolares poden abordar aspectos tales como descubrimentos das científicas pioneiras; debuxar unha científica; explicar como teñen contribuído as mulleres no desenvolvemento da ciencia e a enxeñaría ou contar algunha anécdota ou historia da súa contorna persoal relacionada coa temática do certame. Haberá tres premios por categoría e modalidade, sendo o primeiro premio unha tableta, un libro, un usb e un diploma e o segundo e terceiro un libro, un usb e un diploma.

Cada estudante poderá participar exclusivamente nunha das modalidades cun único traballo. O centro escolar realizará una preselección dos traballos presentando como máximo seis traballos de Primaria e seis de Secundaria. A data límite para presentarse é o 15 de xaneiro ás 14.30 h. O nome das premiadas e premiados farase público e a entrega de galardóns será o día 7 de febreiro do 2018, nun evento especial que terá lugar no edificio Politécnico do campus de Ourense. Ese día exporanse todos os debuxos e entregarase diploma acreditativo a cada participante.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal