martes 7 de novembro de 2017

O vicerreitor do campus e responsables de centros achegáronse este martes ás instalacións

Coñecendo as “ventás de oportunidade” que abre o novo edificio do Complexo Hospitalario Universitario

Entre os temas abordados estivo o Proxecto de Hospitalización Innovadora Living Lab

Duvi | Ourense

Este martes unha delegación do campus de Ourense encabezada polo vicerreitor, Virxilio Rodríguez, e formada por responsables dos diferentes centros universitarios, achegouse ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para coñecer por unha banda o seu novo Edificio de Hospitalización e por outra o seu Proxecto de Hospitalización Innovadora Living Lab, centrado no uso das novas tecnoloxías para mellorar a atención aos pacientes.

A visita contou coa participación por parte da Universidade de Vigo de, ademais de Virxilio Rodríguez; José María Faílde, director da Área de Planificación; Francisco Javier Rajo, director da Área de Desenvolvemento de Infraestruturas; Arno Formella, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo; Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática; Gil Garrote, decano da Facultade de Ciencias; Elena Rivo, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; Marta Fernández, decana da Faculta de Dereito, e Milagros Fernández, directora da Escola Universitaria de Enfermaría.

Trala visita, na que responsables do complexo e do proxecto explicaron aos asistentes as súas características, Virxilio Rodríguez destacou como Living Lab “abre ventás de oportunidade” para a participación de membros da comunidade universitaria, concretamente de persoal investigador que puidese colaborar no proxecto ou de alumnado, a través da realización de prácticas, traballos fin de grao ou voluntariado en iniciativas vinculadas a el.

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal