venres 3 de novembro de 2017

Crue Universidades Españolas, a través de Santander Universidades, impulsa este proxecto

UVigo App, unha plataforma móbil para unha mellor comunicación entre a institución e a comunidade universitaria

Duvi | Vigo

Co obxectivo de mellorar a comunicación a través dos teléfonos móbiles entre as institucións universitarias e a comunidade que as integra, Crue Universidades Españolas, a través de Santander Universidades, creou unha plataforma móbil personalizada que incorpora tecnoloxía avanzada, contidos e diversos servizos. Alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo xa ten acceso a UVigo App, unha ferramenta coa que a Universidade de Vigo dá un novo paso adiante na súa transformación dixital, co obxectivo de mellorar a comunicación e axilizar a xestión da comunidade universitaria.

A App de UVigo inclúe acceso a información útil para as e os integrantes da comunidade universitaria, permitindo consultar as materias matriculadas e o expediente académico, ao tempo que incorpora a Tarxeta Universitaria Intelixente (TUI) na súa versión dixital, a través da que é posible renovar libros nas bibliotecas. Así mesmo, a aplicación facilita a creación de grupos para falar con compañeiras e compañeiros e docentes e a posibilidade de participar en retos, xogos, concursos, así como o acceso a vantaxes exclusivas da comunidade universitaria.

Coa posta en servizo desta plataforma móbil Crue Universidades pretenden crear un modelo de relación innovador mediante unha App, que pode ser personalizada por cada universidade que desexe usala, en función das súas necesidades.

Como instalar a aplicación no móbil

As persoas que desexen dispoñer da plataforma móbil personalizada no teléfono deben instalar a aplicación no dispositivo dende as tendas de aplicacións oficiais (Android: https://play.google.com/store/apps/details?id=net.universia.uvigo e iOS: https://itunes.apple.com/es/app/universidade-de-vigo/id1244671022).

Así mesmo, para acceder á área restrinxida as e os usuarios deberán identificarse co seu número (NIF/NIE/Pasaporte) e o contrasinal de acceso á Secretaría Virtual. Ademais, no enderezo https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/axuda/faq/15 as e os usuarios da App teñen respondidas as preguntas máis habituais, mentres que as dúbidas máis específicas poderán consultalas dende a propia aplicación.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal