martes 31 de outubro de 2017

Nunha xornada que puxo en valor a achega dos docentes vigueses á este modelo empresarial

A Universidade homenaxea ás e aos pioneiros do cooperativismo

Asináronse dous convenios coas asociacións Espazocoop e Agaca

M. Del Río | Vigo

Hai xa preto de 30 anos que dende a Escola Universitaria de Estudos Empresariais, un grupo de docentes encabezados por Iago Santos Castroviejo comezaron a traballar no que hoxe se coñece como economía social. Puxeron en marcha un grupo de investigación, introduciron unha nova visión do modelo empresarial na formación, crearon a Aula Cooperativa e comezaron a editar a revista Cooperativismo e Economía Social. Das súas aulas saíron ducias de estudantes que hoxe se atopan entre os impulsores das arredor de 1400 cooperativas que existen en Galicia. Este martes docentes, egresados, cooperativistas e estudantes reuníronse no campus de Vigo na xornada Universidade de Vigo e Cooperativismo: 28 anos medrando xuntos, un evento que serviu para dar a coñecer este modelo empresarial, reunir antigos estudantes e docentes e estreitar lazos entre a institución académica e as dúas principais asociacións de cooperativas en Galicia: Espazocoop e Agaca. De feito, o reitor da Universidade, Salustiano Mato, asinou con Celso Gándara, presidente de Espazocoop; Higinio Mougán, xerente da Asociación de Cooperativas Agrarias de Galicia (Agaca) cadanseu convenio para “dar resposta ás necesidades do cooperativo galego e plasmar institucionalmente estes 28 anos de colaboración” nun marco que permitirá poñer en marcha proxectos de investigación, programas de mobilidade, elaboración de estudos, iniciativas de transferencia de coñecemento, etc.

O reitor, Salustiano Mato, referiuse ao papel destes docentes pioneiros no fomento do cooperativismo e explicou que “unha constante que diferencia a nosa Universidade de moitas outras é o estar certos de que temos que trasladar o coñecemento que xeramos á sociedade na que vivimos; porque o futuro do planeta pasa porque nos convertamos nunha verdadeira sociedade do coñecemento e iso solo será posible cando o capital estea supeditado ao coñecemento”. De feito, como explicaba Carlos Hervés, coordinador da agrupación estratéxica Ecobas, as e os docentes que dende que o nacemento da Universidade de Vigo apostaron por este modelo fixérono “porque eran optimistas de cara ao futuro, porque crían nun modelo de economía social, do que as cooperativas son expoñente”

Docentes que abriron camiños

Tanto os representantes das asociacións de cooperativas, como os titulados da Universidade que optaron por este modelo empresarial quixeron neste acto recoñecer o traballo destes “docentes pioneiros”. O xerente de Agaca, Higinio Mougán, destacou a “ilusión e entusiasmo” polo eido cooperativo de profesores como Iago Santos Castroviego, e recoñeceu a importante achega de “ideas, filosofía e coñecementos que da Universidade saíron cara o tecido cooperativo” que, segundo explicou, engloba arredor de 30.000 socios e 5000 traballadores no eido agrario, do mar, do traballo social, da alimentación, etc.

Celso Gándara, presidente de Espazocoop fixo tamén memoria dos seus anos de alumno e lembraba profesores que eran “xeradores de camiños que se abriron para que os percorreramos”. Destacou a importancia do cooperativismo porque une “o eido social e o eido da empresa, é a verdadeira economía social” e lembrou que “fronte á crise, o cooperativismo responde doutra maneira, porque as persoas son o primeiro e iso tradúcese nos datos de emprego”. Pero tamén recoñeceu que queda moito por facer, xa que mentres en Holanda o sector cooperativo é o 20% do PIB e en Francia o 18%, en España é só o 6%. En Galicia “hai 1400 cooperativas, da cales 875 se moven fóra do ámbito agrario e do transporte, 26.200 socios e preto 400 millóns de euros de facturación, pero cremos que esta realidade non se visibiliza e ese é un dos grande retos que temos”. Outros dos obxectivos de futuro do sector pasan por avanzar na lexislación, consolidar as empresas existentes ou recoñecer a importancia de procesos de fusión como o do sector lácteo que tivo como resultado o nacemento do Grupo Lácteo Galego. Tamén se referiu á relevancia do tamaño e a dimensión das cooperativas, a necesidade de intercooperación e a posta en marcha dunha estratexia para a economía social “porque temos claro que o cooperativismo é a panca nos une e dende a cal se pode desenvolver e fortalecer outro tipo de economía”.

Mesas redondas e debates entre cooperativas

Ao longo da xornada, ademais do acto institucional de homenaxe tiveron lugar varias actividades de debate e divulgación, entre elas a mesa redonda Universidade e Cooperativas: oportunidades de colaboración, na que se expuxeron as posibles vías de colaboración entre a Universidade de Vigo e as cooperativas no marco da Rede Eusumo. Posteriormente, e moderada por Araceli González, subdirectora da EU de Estudos Empresariais, celebrouse outra mesa de debate, Aprende coas cooperativas, coa participación de Tino Gago, director-xerente de Espazocoop; Higinio Mougán, director-xerente de Agaca; Fina Casal, directora da Fundación Universidade de Vigo e Reyes Fernández, técnica superior da Área de Emprego da Universidade de Vigo.
 

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal