martes 31 de outubro de 2017

Nas catro plantas que a Xunta cederá á Universidade trala reforma da súa antiga sede en Pontevedra

A futura sede do Campus CREA S2i en Benito Corbal albergará espazos de demostración e emprendemento

O edificio acollerá tamén espazos para actividades académicas, de xestión e instalacións singulares de investigación

Eduardo Muñiz | Pontevedra

Preto de 1600 metros cadrados distribuídos en catro plantas será o espazo que a Xunta de Galicia poña a disposición da Universidade de Vigo unha vez se completen as obras de rehabilitación da súa antiga sede en Pontevedra, na rúa Benito Corbal. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou este martes na Casa das Campás o proxecto de reforma do inmoble que se converterá na futura sede corporativa do Campus CREA S2i e que, a falta da súa definición final en Consello de Campus, a institución académica prevé destinar a un espazo para demostracións vinculadas a diferentes proxectos e a unha incubadora de empresas, así como a actividades académicas, á creación dun fablab e aos servizos de xestión do proxecto de especialización do campus pontevedrés.

Así o adiantou o reitor, Salustiano Mato, na rolda de prensa celebrada tras unha xuntanza na que estivo acompañado polos vicerreitores de Economía e Planificación, José Manuel García, e do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, así como por responsables do Servizo de Obras da Universidade. “Unha vez pechado co Comité de Dirección do Campus CREA S2i, discutirémolo ao detalle no Consello de Campus”, explicou Mato dos futuros usos e servizos que a institución académica prestará nas catro plantas superiores deste inmoble, cuxa reforma o goberno galego prevé concluír no primeiro trimestre de 2019 e a que destinou unha partida de máis de 3,8 millóns de euros.

Un movemento diario de ata 500 persoas

Tras unha reunión que permitiu abordar “pequenas adaptacións para redondear a adaptación da obras ás necesidades da Universidade”, o reitor salientou que o tipo de usos previstos pola Universidade para as catro plantas superiores deste inmoble fan prever que estas conten cunha “ocupación permanente” de entre 50 e 80 persoas e cun “movemento diario” que segundo as actividades podería oscilar “entre as 200 e as 500 persoas”.

A previsión, explicou Mato, é que a quinta planta funcione como un “showroom” con espazos de “demostración e intervención de produtos e deseños creativos de todas as áreas do campus”, que permitan “pór en valor o patrimonio produtivo” tanto do alumnado e dos investigadores e investigadoras, como das iniciativas empresariais que, ao abeiro do proxecto de especialización, poidan ir xurdindo “en torno as industrias creativas e culturais”. O sexto andar, pola súa banda, “será unha planta dedicada ao emprendemento”, que funcionará como “incubadora e aceleradora de empresas”, na que teñan cabida tanto os proxectos seleccionados nos premios Incuvi-Emprende, dirixidos a impulsar iniciativas empresariais promovidas polo alumnado, como a súa posterior fase Incuvi-Avanza, centrada no desenvolvemento de proxectos xa premiados na primeira fase.

No relativo á sétima e oitava planta, Mato adiantou que serán as dedicadas á “parte académica e de investigación”, así como aos labores de xestión vinculados ao Campus CREA S2i. Con respecto á primeira faceta, o reitor apuntou que desenvolveranse as actividades formativas do programa de doutoramento en Creatividade e innovación social e sustentable, que vén de poñerse en marcha no presente curso cubrindo as súas 20 prazas de matrícula, así como outra serie de “actividades comúns”, como “a formación ligada a idiomas ou ao Programa para Maiores”, xunto con “cursos de especialización e extensión universitaria que completen a nosa oferta académica e a acheguen ao corazón da cidade”. Estas plantas serán destinadas tamén a “instalacións singulares de investigación” como un fablab que dea servizo aos diferentes grupos de investigación.

Primeiro trimestre de 2019

A previsión da Xunta é poder adxudicar as obras “antes de que remate o ano” e así poder rematalas “no primeiro trimestre de 2019”, segundo explicou Rueda, quen quixo nesta xornada presentar o proxecto “a un dos principais usuarios” dun edificio no que se instalarán tamén as oficinas de emprego e que destinará dúas plantas a colectivos e asociacións. “Penso que é un proxecto fundamental para Pontevedra, que permite á Universidade ter un espazo moderno e rehabilitado no centro da cidade”, salientou o vicepresidente dun proxecto ao que a Xunta destina un orzamento total de 5,1 millóns de euros.

Unha Universidade eficiente na súa oferta académica

A preguntas dos xornalistas, Mato referiuse tamén nesta rolda de prensa á presentación, este luns, do novo mapa de titulacións do Sistema Universitario Galego (SUG) ata 2021, unha folla de ruta á que a institución viguesa suma dúas novas titulacións, Enxeñaría Biomédica, no campus de Vigo, e o grao en Deseño e Creación, en Pontevedra, que comezaría a impartirse no curso 2019/2020, unha vez desenvolvidos, ao longo do presente curso, “os estudos e propostas para a súa implantación”. Tratarase dunha titulación que “ten o seu epicentro no proxecto de especialización e que, aínda que participará todo o campus, terá o seu motor na Facultade de Belas Artes”, apuntou o reitor, que incidiu en que a institución académica conta cos “medios humanos e materiais para levala a cabo”, sen necesidade de que volva a abrirse o proxecto do Edificio das Artes, “que por distintas razóns non está habilitado, polo que non pode formar parte da nosa planificación”.

Ademais da creación de 14 novos graos, o acordo presentado polos tres reitores prevé tamén a supresión de oito titulacións, ningunha delas en Vigo, unha institución “que ten a particularidade de qye é completamente eficiente” e que conta con “practicamente o 100% de ocupación” das súas prazas de novo ingreso, subliñou o reitor. Isto fai que non sexa preciso, engadiu, “experimentar con títulos novos” a raíz da supresión doutros graos, senón que “os que poñemos en marcha son os que complementan a oferta, ligados á especialización do campus”.

No caso concreto do grao en Enxeñaría Forestal, que non completou o mínimo de 45 alumnos de novo ingreso, o reitor lembrou que se trata dunha titulación “sometida a un plan de viabilidade, que tivo un informe de avaliación externa positivo, que da acceso a unha profesión regulada e que é un título de valor”. De aí que incidise en, no relativo a este título, o acordo deste luns pasa por “establecer un marco de colaboración” coa titulación no campus de Lugo co propósito de fortalecer un título que “en ningún caso corre perigo porque xa está consolidado”.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal